22/03/2009

O DEUS SOL (unha bomba dominical)

Agora que o deus Sol leva varias semanas a lanzar a súa enerxía sobre nós, pode ser acertado tentar explicar por que o astro rei foi adorado por case todas as culturas da terra. E por que segue a influír no noso comportamento social.

Tamén pode ser axeitado aclarar que ese deus primixenio -antepasado dos deuses monoteístas contemporáneos- conduce a unha relixión organizada, mais non institucionalizada.

Non se constitúe unha igrexa, tal como hoxe entendemos esta verba, arredor da estrela do noso sistema planetario. Un culto, un grupo de fieis, si. Mesmo unha pirámide. Un Vaticano non.

E por certo, adorar ó sol non excluía outras divinidades menos poderosas. Isto semella máis coherente que o monoteismo polo motivo de que os humanos organizamos as nosas vidas dun xeito multifocal, non mono-o-que-sexa.

Aí vai esta bomba dominical!

É case instictivo, biolóxico e glandular, agradecer as raiolas que o sol nos bota con máis ou menos xenerosidade. Instictivo porque con choiva, neve, saraiva e inundacións non se pode saír do noso acubillo para buscar os recursos.

Alimentarse. Ir por auga ó río. Coleitar.

O sol, en cambio, fai doado saír en busca do necesario para subsistir.

Biolóxico porque antes de que haxa unha cultura arredor dalgún símbolo primario e dominante precísase dunha sensación de "felicidade". Ese símbolo debe transmitir esa sensación.

Vaia, que precisamos do pracer que nos dan certas cousas para divinizalas.

Glandular porque as secreccións de certas glándulas e as sustancias químicas que estas segregan son as responsábeis dese sentido de "felicidade" a que me referín.

Se o sol foi adourado e segue a selo en certa maneira, isto é porque produce unha expansión de certos comportamentos.

Porque certos actos foron previamente contraídos -reprimidos, contidos, loitando por saíren fóra de nos.

Así pois, poñámonos na fin da última glaciación. Pensemos que nós somos eses humanos temerosos da choiva, da neve, da saraiva, así como do acompañamento de raios e tronos que adoitan vir con estes fenómenos metereolóxicos.

Pensemos que eses seres prefiren en cambio o sol e o ceo despexado. Tamén porque en boas condicións metereolóxicas se poden ver a lúa e as estrelas, inspiración de divinidades menores.

Que obteñen recompensas fisiolóxicas e recursos para se soster desas raiolas. E algo máis, que deixo á imaxinación.

Despois ven o grupo social e pon as cousas no seu sitio. As culturas adoitan advertir dos perigos. E tamén confirmar as preferencias da sociedade de que se trata. As culturas nunca contradín; sempre institucionalizan.

Polo tanto, gozar do sol non se prohibe. É abondo beneficioso para o grupo social. Tampouco se limita. Hai unha chea de cousas que non son obter recursos que se ven con bos ollos.

Bañarse no río ou no mar. Facer competicións como correr para ver quen chega antes á meta. Cantar, se non se desafina moito.

O que as culturas fixeron co sol cando o os humanos convertiron en símbolo foi exaltalo. Elevalo ós altares.

Favorecer ese gozar do sol tan común e canalizalo, en datas senlleiras, cara ó culto. Os aztecas -gran país- poderían contárenolo dende os seus enterramentos.

Porque se algo que é tan condicionante como o bo tempo, entón hai que adoralo para que non se desmande a cousa.

Gozar si, mais en certos intres hai que lle outorgar pleitesía, que dirían certos grupos sociais no medioevo.

Agora que comeza o bo tempo, estamos moi condicionados para nos comportar de certos xeitos. Poderíamos reprimir iso, se non fóra porque sae de dentro de nós mesmos. Da nosa alma.

E por iso divinizamos o sol. Porque é algo sentido como íntimo malia que afecte a todo o mundo.

De feito, as relixions sacan tallada dese sentimento do símbolo como algo íntimo. Se non houbese lembranzas persoais e coletivas vinculadas a ese símbolo non sería efectivo divinizalo.

E se non as houbera crearíanse.

Comprenderán que sentir algo persoal verbo de certos fenómenos placenteiros non é estraño. O que fai o grupo social é transformar eses afectos en deus.

Iso lémbranos que a sociedade está por riba do indivíduo -malsoante verba, de xermolo ilustrado e nada axeitada para nomear os seres humanos.

Por certo, as relixión non só suman adeptos. Tamén dividen afectos. Se pensabas saír ó sol en domingo lembra que debes ir a misa -di a sociedade. E o individuo -bla, bla, bla, o xa dito-, ou o fai ou non, mais lembra ese "debe" ata o día do derradeiro alento de vida.

Pagana reflexión a miña para un día que pide esmorga e caras ó sol mentres les un libro ou falas animadamente.

Agás para os que gozan a estas horas da soada resaca. Paracetamol -ai Natalia, Natalia- e como novos.

19/03/2009

QUE TE DEN!

Os de Libertad Digital están máis alporizados con este sol e coa primavera adiantada que os homes e os cans (é certo ou non?), que xa é dicir. Dígoo porque tres de cinco comentarios que a esta hora ten un artigo sobre Garzón dinlle a este xuíz "que te den".

O link da nova é http://www.libertaddigital.com/nacional/juanes-veiga-y-lesmes-candidatos-a-presidir-la-audiencia-nacional-1276353858/1.html

Un medio que non censura comentarios groseiros, ofensivos, dirixidos contra persoas, dos lectores, como fan en El Pais, The New York Times ou The Washington Post,
1) ou é que remata de despedir ó administrador da web e aínda non acadou unha parada para bolseira en prácticas por 300 euros ó mes que faga o mesmo traballo ca el,
2) ou é que nin agocha nin pretende agochar as súas propensións políticas e ademais homófobas,
3) ou ambas as dúas cousas.

O caso de Libertad Digital é paradigmático nisto das ofensas. Cando Carme Chacón foi designada ministra deulle voltas ó "bombo" da ínclita e non a considerada axeitada para o posto por ser muller.

Hoxe, nunha nova sobre Soraya Sáenz de Santamaría, que por certo será pequena de estatura mais é moi fermosa, puxeron, citando a esta última, "Carme (sic)...". Non aceptan o nome Carme como Carmen. Pois ea, non acepto polbo como animal de compañía!

O link da nova sobre dona Soraya verbo da entrevista que lle realizou a revista Elle é http://www.libertaddigital.com/nacional/soraya-me-inspiro-en-las-malas-de-los-cuentos-1276353883/.

Estou a pensar que Sáenz de Santamaría, dende logo, vale máis que os de Libertad Digital. Que tola non é xa o sabía. Esta muller merece o posto que ten.

17/03/2009

A realidade como problema (algo de filosofía e de senso común)

Lin esta mesma mañá un artigo de onte (hora americana) na web de ScienceNow. Ver http://sciencenow.sciencemag.org/cgi/content/full/2009/316/1?rss=1.

Fala de D. Bernard d'Espagnat, de 87 anos, premiado pola Fundación Templeton ó traballo de toda unha vida dedicada ós cruzamentos entre ciencia, filosofía e relixión.

Detalles filosóficos fóra, como as meigas. A realidade é tan só o que podemos percibir e aprender dela. Vaia, que hai máis realidade fóra dos nosos sensos que dentro.

Chamase "realismo" a ese xeito de ver a realidade que, na súa versión más inxenua, pretende que as cousas son "feitos". É dicir, que a realidade é como a percibimos.

A realidade como problema ven a conto do seguinte: como saber con certa aparencia de verdade que as cousas son como semellan. Por iso Descartes desconfiou dos seus propios sensos.

Nota: Descartes volveu restituír a confianza nos seus sensos, a falta de algo mellor, e porque Deus lle revalidou a realidade. Que ía dicir un home daqueles tempos (século XVII)!

Pois iso de que as cousas ou son verdade ou son mentira pero non hai punto medio nin intermedio leva anos influíndo o pensamento de científicos como este do que fala o artigo de SciencieNow. Sucede que cos anos, e D. Bernard d'Espagnat ten 87, debilítase tanto realismo inxenuo e pragmatismo interesado que practican a maior parte dos científicos.

Chámase a esta outra forma de ver a realidade que non cre en 1 e 0, verdade absoluta e trola absoluta,"relativismo (gnoseolóxico)".

Pois ben. Hai cousas na vida, quizais as máis valiosas, que non dependen dos sentidos, senón que son crenzas. Por exemplo, que os nosos amigos nos aprezan tanto ou máis do que din. E de feito a maioría das veces é certo o que cremos sen ver. Pero como o demostramos?

O Romanticismo alemán foi, entre outras moitas cousas, unha reacción (lóxica) a esa supremacía que concede á razón o racionalismo ilustrado (século XVIII).

Este movemento, o ilustrado, si que non cría que a razón tivera fendas. Todo era comprensíbel. Do de demostrábel deberon pensar: que veña Kant e o demostre. E Kant fíxoo. Demostrando que hai cousas que non se poden demostrar.

Señoras e señores. Hai cousas que non se poden demostrar pola razón. A lóxica xa non é de 1 e 0, verdadeiro e falso, senón lóxica difusa (ou borrosa), ou lóxica de probabilidades, que son distintas.

Na lóxica difusa fálase de veracidade. Vede este link para profundar: http://es.wikipedia.org/wiki/L%C3%B3gica_difusa

Emparentadas ambas as dúas, en lóxica de probilidades dise que as cousas que queremos demostrar teñen un tanto de verdade abondo variábel, entre o 0% e o 100%.

Da lóxica cuántica que lles fale D. Chema Dapena. E de telepatía (mellor non!). E de arte, que é o seu.

Aproveitade para preguntarlle canta verdade hai na fermosura, no proceso de creación ex novo, dende cero, que é o que é toda creación nun senso artístico. Canta "verdade" hai no arte.

Silencio. Dicía Wittgenstein que "do que non se pode falar mellor é calar". O cal implica unha ren uncia a explicar a arte, a fermosura, a relixio, as crenzas.

Pouco antes de morrer, Wittgenstein foi cambiando de opinión. Dous ou tres alumnos que estaban matriculados e non se perdían o espectáculo de escoitalo contrastaron os seus apuntamentos de clasee e os editaron. Neste derradeiro texto do filósofo vienés cambia un pouco a cousa.

Nin precisamos da relixión (iso cremos, crenza errónea, porque afirma o que nega).
Nin precisamos da fermosura (que é unha percepción cultural), agás se precisamos centos de miles de euros para colgala dunha parede.
Nin precisamos da confianza na razón (o cal obviamente tampouco é certo).

As tres trolas precedentes -nin relixión, nin arte, nin confianza ou fe- son cousas que di o racionalismo ilustrado polo calado. Porque non fixeron unha enciclopedia para enxalzar a relixión, a arte, as crenzas. senón que a fixeron para demostrar o poder da razón.

De feito o racionalismo ilustrado segue a estar moi fortemente prendido no noso esquema cultural da realidade. Un aymara non estaría de acordo con nós. Un hindú budista tampouco. E xa vedes, as culturas lévanos á relixión como o son da auga lévanos ó río.

E segue a estar moi prendido porque o racionalismo ilustrado é unha forma cultural de matinar a realidade. Mais dentro da ciencia hai máis xeitos de entendela que a que ofrece esta fórmula.

O máis valioso do ser humano non ten explicacións racionais sensu strictu.
- O altruísmo: sacrificarse por outro en detrimento dun mesmo.
- A fe, mesmo nos amigos ou na familia.
- A sinceridade no porse a falar das dificuldades dunha cuestión.
- O amor.
- As catástrofes naturais.
-A usura dos financeirros que soben e baixan o prezo das accións co obxectivo de se enriquecer.
- A paixón.
- Caer e erguerse. E unha lista infinita.

Pois para quen o precise que crea na verdade absoluta. Eu ás veces o fago porque me convén dun xeito espiritual.

E quen queira crer na verdade parcial e limitada que o faga. Eu fágoo cando preciso da sensación esa que expresa "que pouco sei" (porque decatándome do moito que non sei póñome no camiño de ir roubando máis coñecementos e de chegar á sabedoría).

E quen non se plantea a cuestión da realidade como problema, nin chegou ata esta liña, nin lle importa unha figa esta cuestión. Cuestión perfecta para un examen de oposición de inclúa nocións de filosofía.

Mais non me fagades caso para non botarme a responsabilidade se isto non é ben visto nun exame.

Non todos admiten a relatividade da verdade, e os metafísicos os que menos, seguidos polos éticos (porque se o que é mellor é por definición relativo acábaselles o chollo).

NOTA: os laboristas británicos teñen un filósofo que xustifica moi ben que todo é relativo mais que hai cousas máis desexábeis que outras. Refírome a James Griffin. O texto verbo del da wikipedia está en inglés e a versión en castelán desta enciclopedia non fala de Griffin, non debe estar actualizado o autor (ou autores) desta entrada.

Pois iso era o que quería contarvos. Mais para información política que atopei interesante para hoxe vede os links seguintes:

http://www.libertaddigital.com/nacional/solo-puede-echar-a-cinco-ministros-1276353670/

Dise aqui que vai haber cambio de ministros. E pide ó lector que elixa só 5 ministros que botaría fóra do goberno.

http://www.abc.es/20090316/economia-economia/paul-krugman-perspectivas-economicas-200903161726.html. Dise aquí que o Nobel Krugman augura malas perspectivas para a economía do estado español.

http://www.elmundo.es/elmundo/2009/03/16/espana/1237210598.html. Aquí dise que "o arquitecto xefe de Xijón deu un 'pelotazo' co su plan municipal". Máis lixo de plans urbanísticos.

Pois que pasen bo día.

16/03/2009

8.642 días, 207.408 segundos

Comeza o xuízo ó 'monstro' de Amstetten (Austria). Está acusado de cometer os delitos de asasinato, secuestro, escravitude, ameazas e incesto. Só demostrándose o primeiro destes cargos sería condenado á cadea perpetua.

Porque xa sabemos, houbo un fillo que o fulano este tivo coa súa filla e que naceu morto segundo a nai. Todo baséase en que de non estar esta secuestrada non tería tanto risco o meniño de morrer no parto. Quen sabe se viviría!

Vivir, no caso dos fillos incestuosos que ficaron no 'bunker' do monstro, semella algo pouco desexable.

Xa se sabe que os secuestrados tenden solidarizarse co secuestrador. Malia todo, a vida alí non era deliciosa. E saír do encerro e comprobar que a túa vida non foi o que se di estándar debe ser un golpe baixo.

Meses leva a familia B deste fulano a tratamento psiquiátrico. E supoñemos que tamén a familia A o precisa. Mais as pastillas neste caso non deben valer moito.

En cambio, horas e horas de terapia individual e familiar de contado que é bo para todos e todas os damnificados por este home 'normal'.

Non podo imaxinar un home 'normal' que faga o que fixo este tipo, este desalmado.

Quizais a cuestión da normalidade só pende dun fío: do feito de que atendeu a familia B canto mellor puido.

Iso si, mentres tanto coidaba dela seguía a violar a súa filla, a quen define como un "rato paralizado".

Pois vaia. Eu tamén ficaría paralizada se meu pai me sometera a todo iso que sabemos e que repugna á maioría da xente 'normal'.

Porque normal será a nai que pariu este monstro, pero el, a min que me canten misa, mais normal non é.

Do resto dos delitos que non son asasinato digamos que, a efectos xudiciais, son a comparsa do entroido que este home mantivo durante 8.642 días, que son 207.408 segundos.

Entroido porque ía tan ben disfrazado que ninguén sospeitou nada. O cal demostra, entre outras cousas, que a aparencia, iso tan valorado neste o noso mundo consumista e superficial, deste home era a dun ser humano como os demais.

Pois entón, non quero imaxinar que agocharán as vidas deses outros homes (e mulleres, que de todo haberá, aínda que semella menos probábel ó meu xuízo) que teñen unha aparencia normal nas rúas, nos traballos, nas actividades sociais e ata en misa.

Este caso pon a xuízo non só unha serie de delitos que atentan contra a liberdade, a integridade, a dignidade e tantos outros valores culturais amplamente aceptados.

Penso que xulgando a este monstro estase a xulgar a humanidade enteira. Porque non é diferente de nós segundo os informes médicos.

Pois vaia! Entón eu collo un fillo (que non teño) e póñome a facer todo iso que relatan os investigadores e os propios afectados. Porque si, porque me dá a gana, porque me excita, porque me enche de orgullo que non me descubran, porque...

Xa sei que non se pode dicir "nunca xamais", ou iso dicía un axente 007 con licenza para matar. Mais a verdade é que a maior parte da humanidade non faría iso.

Quizais unha pequena parte dos homes do mundo enteiro violaría unha familiar, compañeira de traballo, veciña ou descoñecida, mesmo varias mulleres ó longo da súa vida.

Ou asasinaría á súa ex-parella, á que "molestan" as puñadas, as patadas, os insultos e as demais humillacións. Si, si. E vai a tía e presenta unha denuncia, ou tivo intención de denuncialo antes de morrer por trolas coma esas, que ninguén cre, ou que todos fixeron e cólleno a el como cabuxo expiatorio.

Porque comparar as versión dos delincuentes sexuais cos datos das investigacións periciais e criminolóxicas ergue a repulsa máis contundente. No caso do monstro de Amstetten, os feitos foron como declara o seu avogado, a saber:

"Un monstro lles tería cortado a cachola, gaseado ou disparado para achar unha saída".

Pero home, e quen di que non pensara facer iso para cando se sentira morrer, se tivera unha doenza tipo cáncer, ou se lle foran detectados problemas do corazón e estivera maliño o probe.

Entón, gravemente enfermo, xa veríamos se facía desaparecer as probas, como un criminal calquera.

O que é liberar a súa familia B non creo que nin se lle pasara polo maxín.

Links:

El Pais http://www.elpais.com/articulo/sociedad/Austria/juzga/monstruo/Amstettem/elpepusoc/20090316elpepusoc_2/Tes

ABC http://www.abc.es/20090316/internacional-europa/padre-sadico-mundo-llega-200903160811.html

El Mundo http://www.elmundo.es/elmundo/2009/03/16/internacional/1237173919.html

15/03/2009

Estou a proclamar que te esquecín

Estas verbas non son un poema de amor. Carecen diso que todo home desexa escoitar. Aínda que só sexa por vaidade.

Atopar unha mensaxe así a mañá despois de posuírme é como sentir que se lle cae a un o chan debaixo dos pes. Ben o sei.

Estou a proclamar que te esquecín.

Tempo despois de ti marchar, fiquei durmida como unha nena. Nos meus pensamentos estaba o desenvolvemento da novela que estaba a ler cando me deitei.

Antes diso estiven ocupada en recoller o lixo que deixamos entre os dous: esa longa lista de subprodutos do amor. E despois volvín ás miñas paixóns como se nada.

Estou a proclamar que te esquecín.

Malia todo, aquí estou para dicirche que te esquecín. Polo menos é algo, dadas as circunstancias.

Sei que o entenderás. E espero que comprendas a túa parte de responsabilidade no meu esquecemento de ti.

Estou a proclamar que te esquecín.

Nunca me fixen ilusións. O que provocaches en min vai máis alá de perder ese formígueo no bandullo.

Constitúe unha declaración de non amor. De total indiferenza. De derrota do amor e de triunfo da ilustrada razón. Que non é pouco.

Estou a proclamar que te esquecín.

Entregar o teu amor a alguén é voluntario, como algún día saberás con esa intensidade que fará que tolees.

Non tolear como o fixemos ambos os dous estes días pasados. Tolear como un auténtico tolo.

Estou a proclamar que te esquecín.

Non foi como a primeira vez. Foi mellor nalgúns aspectos. Mais non sentín que se me fora a vida en ti, dentro de min.

Porque iso é en definitiva o que se pretende. E por iso é polo que se adoita suspender a razón mentres a paixón nos controla.

Estou a proclamar que te esquecín.

Despois de ti marchar, nun intre que non podo identificar, da duración do voo dunha volvoreta, lembrei outro home que non es ti.

Lembreino con nostalxia. O cal pode interpretarse como decepción. Comparar non é das cousas que fas satisfeita.

Estou a proclamar que te esquecín.

Así que lembrei outro home. Desexei que ti tiveras sido el. De contado que lle sacaría partido a esa arma de destrución masiva que te levaches contigo.

El nunca o deixaba mentres eu non chegaba á fase mística, esa na que grito "Deus...". E ata abondo despois.

Estou a proclamar que te esquecín.

Podes dicir que estou a proxectar algunha rara sintomatoloxía freudiana sobre ti. Que é inxusto compararte co mellor amante que nunca tiven, amor.

Que algo haberá do que me poda gabar verbo do acto de posuírnos o un ó outro.

Estou a proclamar que te esquecín.

QUIN E A REALIDADE

Recoñezo que de primeiras matinei que o candidato Quintana non tiña o carisma de Beiras. Tamén é certo que este último non naceu con carisma incorporado e que lle debíamos ó frontismo unha oportunidade real para D. Anxo.

Dende onte ás 3 do serán cando o vin na televisión teño unha estraña sensación, que non podería explicar aínda que quixera. Non escribín onte disto porque tería escrito sobre esa sensación. E me afundín na novela que estou lendo.

Hoxe non vou escribir moito da dimisión de toda a executiva e do seu lider. Porque eu a Quin o vexo ben: talante, boa persona (e digo isto porque dá a impresión ás veces de que é un chisco naïf), entre outros valores.

Certo que Quin cambiou a estrutura do Bloque e que eu non vin isto o que se di moi ben de boas a primeiras. Despois dun tempo pensei que era máis doado de xestionar o partido así. Que había que evolucionar e que a resposta estaba en Quin.

Unha inconformista coma min apoiando ó que algúns no partido ven como o un dos "sapos" desta historia! Eu respecto a liberdade de expresión, sobre todo porque moitas veces paguei caro exercer este dereito.

De feito, hai dúas liberdades ó meu entender que son sistemáticamente negadas á maioría, que teñen só uns poucos nesta a nosa democracia constitucional. E istos son a liberdade de expresión e a liberdade de cátedra. Esta última porque o departamento, a facultade ou os compañeiros eses que tantos disgustos dan poden facela moi pouco doada de exercer e moi duro apandar coas consecuencias.

Miña cadela pide insistentemente ir mexar e xa saben que máis. Quero rematar cunha aperta grande a Quin e cun agradecemento que vai máis aló da inxenunidade e do conformismo.

Unha aperta e un agradecemento para Quin, que pasará á Historia como o primeiro nacionalista que gobernou Galicia. E logo outros dirán: "Si, o primeiro en gobernar, mais en coalición, que o primeiro nacionalista que gobernou Galicia foi tal outro".

De momento este é o cumio. Outras veces obtivemos máis votos mais non gobernamos.

Alguén entende por que veñen a non os votos dos descontentos e non os votos dos entusiastas? Pois que mo explique.

Teño a hipótese de que esta perda de votos foi porque algúns dos descontentos, ou non foron votar, ou votaron IU.

Ou votaron socialista. Porque en Galicia a tallada a saca o PP, por caciques, e votar socialista, tamén caciques, dá moito espírito de paz interior. Interpreten cadaquen da súa maneira isto dos socialistas.

Nós de momento recibimos o voto dos descontentos, como IU.

13/03/2009

CATRO TIPOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO (1)

Hoxe toca un tema cru, e moito que o sinto. Non levo máis de vinte anos matinando sobre as mulleres para calar sobre este tema. Mesmo en Galicia Hoxe hai artigos que exemplifican o meu "radicalismo" (nota 1) neste eido. Por suposto estes catro tipos de violencia de xénero non esgotan todas as variedades que existen.

O tipo básico e máis común de violencia de xénero é o machismo. Púxose de moda falar de sexismo e agora confúndense ambos os dous conceptos. Comezarei polo sexismo.

Sexista: persoa ou conxunto de persoas que xulgan, infravaloran ou aprecian, menosprezan ou sobre-estiman, discriminan, ou actúan dun xeito físico particular, en función do sexo da persoa que teñan diante.

Esta percepción verase afectada por aspectos de tipo cultural que condicionan ás persoas dese sexo e non do outro.

Por exemplo, a sociedade e máis sexista que machista. É por iso que ás mulleres se lles esixe máis: iren mellor vestidas, seren máis efectivas, e unha longa lista de requirimentos. Aquí atopamos o fenómeno da anorexia: a obsesión por un corpo delgado é fomentado en nenas e desaconsellado en varóns de todas as idades.

As corporacións e todo tipo de empresas son sexistas, porque adoitan reproducir os estereotipos culturais sobre os sexos: os homes vixilantes de seguridade; as mulleres secretarias. Cada vez menos, pero pola propia capacidade das candidatas.

Aquí xorde un paradoxo: a existencia en moitos ámbitos de criterios de discriminación positiva para as mulleres axuda a poñer en dúbida esa capacidade da que falei e contribúe a poñer as cousas máis difíciles a esas "enchufadas".

Machista: un paso máis alá do sexismo, o machista precisa da primacía. Adícase con fervor a cultivar o silencio, a non querer saber, a negar o teu dereito ao teu propio discurso. Diante de verdades como catedrais non ousas abrir os beizos, porque non serve de nada.

Porque ti non vales para nada. Ti non fas ben as cousas. Ti andas de conversa e non atendes os teus deberes.


Ou sinxelamente, o silencio. Nada hai do que falar e nada que dicir. Imos cenar? -pregunta el. Agora me poño -resposta ela.

O machista é, sen outras complicacións engadidas, inofensivo. Síntese menos que a muller e exacerba o seu aspecto viril, mesmo na resistencia a mercar pantalóns vaqueiros porque os que ten están como farrapos.


Desprézase profundamente. Ese é o seu punto débil. Poñelo en evidencia con intelixencia atácalle os nervios.

Por certo que a ironía é unha boa arma contra o machista inofensivo. Síntese como se lle tiveras posto os cornos. Afúndese na súa baixa auto-percepción e reafírmase en que a culpa diso é a muller ou as mulleres.


  1. Etimoloxicamente “radical” significa ir á raizame das cousas.

11/03/2009

LEMBRANZAS I

Ben sei que as lembranzas supoñen unha renuncia a teorizar. Un día escribirei esa longa serie de hipóteses que constitúen unha teoría. Deixemos isto para máis tarde, que sinto morriña mesmo de pensar o que vou lembrar.

Nacín nunha familia castelán-falante. Non me sinto culpábel de proceder dun clan(por liña paterna) que viviu douscentos anos nunha mesma bisbarra de Badaxoz. Da miña nai suponse a súa orixe mediterránea, máis que nada polo fenotipo (ou sexa, a aparencia) ou fisionomía.

Xa foron mencionados os devanceiros. Agora tócalles ós meus proxenitores. Ademais de seren meus pais os únicos que teño, non os podo culpar de (meu pai dun xeito particular) rexeitar os nacionalismos que non coinciden con estados.

Meu pai: o seu é o rexionalismo, idea abondo progresista para un neno da guerra. Esta, oficialmente rematada en 1939, colleuno cun ano, un mes e doce días. O seu pai loitou pola república, como todos os homes sans e maiores de 16 da miña familia. Da paterna e da materna. Despois veu a inclusión do seu pai nun campo de concentración franquista, un expediente de depuración, dicir ó fillo que se vestira de "flechilla", algo que tiña que ver co adoutrinamento fascista, non me pregunten a min, e a posguerra.

A posguerra. Ao meu pai na posguerra faltáronlle libros: comida non, libros... Co seu interese pola cultura e polas ciencias sen exclusións tería sido un sabio con bibliotecas públicas como as de hoxe, e abondo fixo cos libros e as investigacións que caían nas súas mans.

Meu pai foi un universitario da súa época. Tamén miña nai. Os dous estudaron e aprobaron as súas carreiras "por libre", sen escoitar un profesor: só libros. Os que había. E meu pai traballaba a quendas nunha fábrica mentres, cando podía, facía planos de estruturas de formigón armado. E miña nai a aprender a coser e bordar, a ser ama de casa, mentres estudaba, cando podía, todos eses cursos que aprobou en setembro sen se presentar en xuño.

Así que non teño pedigree galego. Nin a miña lingua materna foi a galega nin podo gabarme de devanceiros ilustres, polo menos por viviren douscentos anos nunha bisbarra galega calquera. E penso que ten máis mérito deste xeito, porque para quen saben quen son non importa de onde veñan. E eu son galega. Nacín en Galicia e gábome diso. Sentinme galega dende que as sanitarias me penduraron polos pes. Porque esas mulleres decontado que falaban galego entre elas e porén a nosa lingua foi sempre para min tan querida.

Así que me teredes que perdoar, non podo ter uns devanceiros que non teño.

As lembranzas da lingua. Pouco galego puiden escoitar ata que me escolarizaron. Só que como iso foi con dous anos escoiteino dende cedo. Teño que dicir que nada de garderías: eu pasei directamente da casa da miña nai a clases de escrita. E dende aquela non deixei de escoitar o galego. Despois non deixei de estudalo. Despois non deixei de falalo. Despois non deixei de escribilo. Despois non deixei de defendelo como patrimonio cultural e identitario. Despois non deixei de seguir a defendelo coa pluma, nunca coa espada...

Os nenos e as nenas que falaban galego nas súas casas afastábanse de min para usar a nosa lingua. Hai en Galicia un senso da educación tan refinado que non desexaban que me sentira excluída escoitando unha lingua que non mamei. Eu admiraba ese celme e sentíame máis atraida polo que dicían en galego que polo que me puideran dicir en castelán, se quixeran pasarse a esta lingua.

Nalgunhas ocasións percibía eu que compañeiros e compañeiras galego-falantes sentían que eu representaba a opción máis valorada, cousa que non inventei eu e que eles e elas puideron elixir sentir ou non sentir (ou quizais non o puideron elixir, nunca o saberei).

Quizais nas súas casas lles transmitían unha percepción da lingua galega como pouco valorada, mais o feito é que lles falaban galego de todos os xeitos.

Que valor, que traxedia, falar galego ós fillos e fillas nuns tempos en que no colexio castigaban as crianzas de xeonllos por falaren en galego en clase.

E como non se estudaba máis lingua que o castelán, se non fora porque se falaba calquera pensaría que a nosa lingua era unha pantasma do pasado que interesados masóns e comunistas querían resucitar. Cousas da vida!

Mais a min nunca me pasou desapercibida a nosa lingua. Tanto a quería que o primeiro poema que escribín arrexuntaba verbas galegas que illadamente escoitaba. Non son poetisa mais non me digan que non ten mérito plasmar as expresións que se saben nun poema precario. Eu quería aprender galego e o que estaba a facer era xuntar verbas.

Teño mérito, si. Pensen o que queiran diso. Máis ten mérito admirar e querer con seis anos unha lingua que outros e outras na miña situación, e tamén outros e outras que teñen devanceiros galegos, consideraban tan pouco valiosa.

Non elixir nacer en Ourense. Non elixín amar Galicia. O que si elixín foi non esquecer o primeiro que escoitei, antes ou despois de berrar polo mal trago de saír da placenta... Non sabía quen era e xa sabía que me gustaba ese celme.

Hai máis lembranzas. Xa llas irei contando. Pena do exilio. Iso faime máis galega. Ou non?

10/03/2009

A CAZA DE GARZÓN

Non, non me refiro á propensión cinexética do xuíz. Van cazalo. Ían xa por el cando se soubo o da finca de Jaén con Bermejo. E agora din que non declarou á Facenda Pública 200.003 euros, que é oito veces o soldo dunha familia media.

Onte á noite El Pais aseguraba que si, que declarara eses ingresos. E o resto dos medios de comunicación que non. Xa se sabe que o malo créese antes que o bo.

E esta mañá sábese que o Tribunal Supremo pide ó CGPJ que inicie unha investigación sobre a materia. Porque si 2 aseguran que si, 1 que non, e 200.000 distribúen a sospeita, pois xa son 200.003 xornais, blogs, axencias, comentadores políticos e demais quen falan disto. Que quere que faga o órgano superior dos xuíces: pois erguerse...

Porque digo eu se o que sucede é que a propensión á caza téñena todos: xuíces e ministros, órganos e membros, institucións e xefes, empregados e señoras da limpeza. Vaia, unha caza do malo que fixo o outro sen pensar no peor que fixo un. E non é que non se practique este deporte, non. É o predominante na Administración pública.

O peor da caza do malo é que as sospeitas calan nun aínda que non sexan certas. E esta delicado de saúde Don Baltasar, que a min mo parece. E se despois se demostra que declarou os cartos e ten as contas a cero con Facenda, aínda e todo o dano esta feito.

Non sei que capacidade ten o xuíz Garzón de desconectar do traballo. Para min que pouca, dende que tivo esa hemiplexía e hai pouco unha forte crise de ansiedade. Pois véxoo mal de saúde no futuro, porque isto non rematará xamais. Métese un a xuíz e pasan estas cousas a cotián.

E aínda e todo con iso, porque Garzón sabe que hai tempo que e obxectivo dunha caza maior, quere ser presidente da Audiencia. E claro, os inimigos non van permitir iso na medida en que eles poidan. Xa o desacreditaron antes como mal instrutor, por exemplo.

Vai ser peor agora que quere ser presidente da Audiencia. Ai como anda a política neste pais de países! Como non vai andar se na Administración, en xeral, os funcionarios adican moita enerxía a cazar e pouca a producir, agás na súa casa, que alí os malos non están e traballan mellor.

Dígoo en serio, non hai quen traballe en horario laboral, entre cafés e política de despachos e corredores. E ademais, na Administración non se pode destacar, non....

07/03/2009

OS HOMES DA MIÑA VIDA

É sábado, e está a anoitecer. Moitos e moitas de nós estamos a acougar un pouco de tanto absurdo...


Pois que é sábado e xa me dirán vostedes en que pensa un home ou unha muller un sábado polo serán, entre lusco e fusco.

Para facer boca poñan a música que lles vaia posteando. Iso si, se queren seguir a ler este texto fagan clic no botón dereito do rato, e logo en abrir nunha pestana (ou fiestra) nova :-). Escoiten e déixense seducir polas letras, porque esta arte, a da sedución, é unha das que máis e mellores recompensas dá.

Estou escoitando a Sabina, claro, o depredador de amor. Toca "Amor se llama el juego". O link é http://www.youtube.com/watch?v=2RqLfmlPhuk.


Pois non vai o tío e lle promete que lle ía escribir unha canción! E faino, si, cando xa non hai nada entre eles. Iso si, tampouco hai inocentes ou culpábeis. É só que o tempo esvaece a paixón.

Os homes da miña vida foron soños, pesadelos moitas veces. Espertas soa tanto se o estás como se non. Penso eu que destacaban por algo, aínda que, claro está, abonda con que o pensara eu.

Tómese illadamente un só home da miña vida. Non cabe nunha canción. Nin nun poema. Precisa dunha triloxía ou tetraloxía.


Xuro que non os busquei: viñeron eles. Perxuro que non quería querelos. Conxuro a todas as meigas que no mundo haxa para que a próxima vez me digan que vai suceder antes de quedar eu como si me deran unha malleira.

É obvio que sigo a escoitar a Sabina. Trátase de "La canción de las noches perdidas". O link é http://www.youtube.com/watch?v=hDsjtuAtF8g.


As mulleres son como unha obsesión para eles. Precísanas. E non se me ofendan os lectores masculinos. Nin as mulleres, que estamos de festa mañana por seren todas nós sen distinción "traballadoras".

Total, que unha noite sen muller é unha noite "perdida". Non se trata dunha ocasión illada. Son milleiros de saxofóns e violíns tocados en vano. De soidade, que ten nome de muller.

Sempre hai un corpo feminino nos ollos dun home heterosexual. E se este é o dunha mesma, pois depende do home.


Precisamos unha muller que cante as noites perdidas, unha Sabina feminina. Unha Nacho Cano, dándolle primeiro a volta, tamén. Unha versión dese tipo de cantante masculino que fala das súas experiencias afectivo-sexuais coas mulleres. As cancións serían compostas e escritas por algunha(s) de nós sobre os homes, para que eles se vexan reflectidos jajaj.

Porque Sabina é un misóxino que, pola propia definición deste termo, atesoura mulleres para logo contalo. Un cantante, si. Ese tipo simpático de sexista que se achega ás mulleres cun "anda, deja que te desabrocha un botón ... y tal vez no tengamos más noches, y quizás no seas tú la mujer de mi vida".


E por certo, que o tío non tén "9 semanas e media" (lembren a película). Ou sexa, axiña, axiña, ten que ser esta noite. Y "tal vez no tengamos más noches, tal vez no seas tú la mujer de mi vida". Pois a min chégame con 8 horas de paixón.

É evidente para os simpatizantes do fraco de Úbeda que estou a escoitar "Y si amanece al fin". O link é http://www.youtube.com/watch?v=O2M2Mczy1Mo.


Engado que as cancións foron elixidas cun método pouco científico e que ademais fun pinchando onde me pareceu sen criterio algún. Ou sexa que non as elixín para falar dos homes da miña vida dun xeito determinado, ou porque estes me recordaran algunha canción de Sabina.

Cambio de canción. Toca "Y sin embargo". O link é http://www.youtube.com/watch?v=LYPTEtiHJUQ.


Vaia, que ela é a primeira entre moitas. Unha sorte de "primus inter pares", que era como se definían os reis ó comezo do imperio romano, entre as tribos xermánicas, ou entre os visigodos. Quería dicir esta expresión que todos os patricios ou nobres son iguais aínda que só un deles domine sobre o resto, e sobre o pobo, claro está.

Isto de ser a primeira entre unha variedade, de máis mulleres das que tería un harén..., pois que queren que lles diga. Non son unicamente os seguidores de Mahoma. É o patriarcado sexual: un home debe selo todo para unha muller, e logo esa muller debe ser para el unha entre moitas. Quizais a primeira entre todas, mesmo a primeira en absoluto. Mais só unha.

Na véspera da muller traballadora, que ademais ten que aturar un home máis ou menos traballador, e na cama quizais folgazán e preguizoso, aínda que non é o meu caso, animo as mulleres a loitar para destruír o mito de que unha muller é un exemplo, un caso estatístico, un exemplar dunha especie distinta.

Pola contra, cada muller é un absoluto que non cabe en ningunha canción, por longa que sexa. E "sin embargo cuando duermo sin ti, contigo sueño". Ben, polo menos que sufran. Ou será que non son tan malos amantes como entre nós se di.

E non vou contar máis dos homes da miña vida, que son xa fume e afastamento. Que se apañen sen min é sorprendente :-). Decontado que me botan de menos. Algunhas cousas, que eran fixacións deles, lémbranas, por Sabina que si.

Pois nada. Mañana toca non querer saber de homes. Que para algo é o día da muller traballadora. Agás que te ofrezan e executen unha boa melodía. Xa me entenden.


P.D.: Por certo, o único importante é “que mueras por mi. Y morirme contigo si te matas. Y matarme contigo si te mueres. Porque el amor cuando no muere mata, porque amores que matan nunca mueren”. O link da canción “Contigo” é


http://www.youtube.com/watch?v=oDw4eeDfVKs. Gocen do sábado noite xD.

GALICIA CANÍBAL

Bos días. Non escribín en todos estes días pola mesma doenza que padeceron dende o domingo á noite un millón de galegos e galegas. Mais atopei hoxe polo ciberespazo algo que deberíamos ver antes de que eu solte un discurso críptico con evocacións catedráticas (a verba 'cátedra' significa cadeira, particularmente a dalgún reputado profesor/a, mais de feito é un discurso dende enriba, ou sexa a voo de paxaro).

Pois iso, vexan http://www.youtube.com/watch?v=t4SKE2cLuFs. Logo farei unha escolma de cousas que se ven e se oen, e se entenden, no vídeo. Por certo, vin Os Resentidos en directo vivindo en Ourense, supoño que polo 84-85, digo eu. Que tempos! Se non chegan existir Os Resentidos terían que inventalos...

Emigración. Procesións, relixiosas, e esa longa sombra de pedra do xeneral. A botadura dun iate deste. O apóstolo, o botafumeiro. Máis Franco, máis procesións, máis relixiosas. O absurdo da busca. Touros. Discursos silenciados. Gafas de sol (para non ver, non porque haxa sol). Muiñeiras. Moda galega. Vellos. A matanza do porco. Bandeira. Presidente. Tradicións. Doa os teus riles. Fai un sol de carallo (aínda que nin se vexa 300 días ó ano). A catedral compostelá estoupa.

A nosa Galicia xa tivo tempos peores. Do absurdo do exilio chamado emigración, ó absurdo de tanta longa noite de pedra, que aínda non rematou. Os gobernos de González Laxe en minoría e de Touriño (con Anxo Quintana) foron só acougos, uns intres para tomar alento e seguir debaixo dos que mandan. Por iso comémonos a nós mesmos.

Galicia é caníbal porque a metade do censo quere que sigan a mexar por riba de nós.

Que dúas metades máis diferentes! Hai, parafraseando a Machado, dúas Galicias: a que enterra os seus mortos e a que os saca do cadaleito. Quen saiba entender que entenda.