11/06/2009

"e coñece vostede profesor ou profesora de universidade que non se vaia polas pólas?"

A seguinte historia é un feito real.

Unha paciente vai ver un especialista en medicina. Estalle este a facer o historial e pregúntalle a que se dedica a ínclita. Esta respóndelle que é profesora de universidade.

Remata o bo do home de recoller todos os datos relevantes nun papel. Entón esténdelle unha receita que inclúe a data da próxima visita médica. A paciente olla cara ao documento, le e pregunta:

-"por que cree vostede que eu preciso este medicamento?".

O especialista, máis novo ca ela, e de bo ver, todo hai que dicilo, responde:

"é pola túa forma de falar. En realidade é porque te vas polas pólas".

Nisto que a muller, cun sorriso, lle pregunta de novo:

"e coñece vostede profesor ou profesora de universidade que non se vaia polas pólas?"

Para min que esta situación ten graza. Quizais alguén non llela atope por ningures. E isto pode ser por dous motivos:

a) ou non foi estudar na universidade, ou
b) é que, estando matriculado, non foi a clase un só día.

No primeiro caso, recoméndolle encarecidamente que se matricule pola UNED e estude de cabeza, sen ir a titorías nin a clase.

No segundo caso, prégolle encarecidamente que se matricule nun segundo ciclo, master ou carreira e que acuda a clase: por deus, déaselle a si mesmo a oportunidade de ver profesor ou profesora de universidade ficar en evidencia!

Un profesor ou unha profesora que fique en evidencia? Que é iso?

Pois é cando o ínclito fala como se fose un tolo calquera.

Ou como se non soubera do asunto ou materia da que é tan especializado especialista que reflexiona fóra dos límites do que un/una estudante medio/a pode comprender.

Ou que conta unha anécdota que viña a conto de algo que, despois de a narrar, el/a docente non lembra por que a sacou a colación, e a audiencia flipa en cores, como se dicía hai un tempo.

Total, que a paciente da anécdota -pois ambas as dúas son tan reais como a vida mesma- tiña tanta razón, era tan lóxica, como para ficar ela mesma en evidencia diante dun especialista que a vai xulgar en parte polo seu oficio de profesora de universidade.

Hai millleiros de casos reais como este que acontecen nas aulas. E pasan a formar parte da tradición oral e do imaxinario colectivo das sucesivas promocións que cursen algunha materia con calquera profesor ou calquera profesora de universidade.

Das lentes baixo das cales os estudantes perciben aos/as docentes e á facultade no seu conxunto.

Esas lentes son un tecido de textos orais. Ou sexa, unha cultura, baseada en algo tan oral como unha clase calquera dun grao calquera.

Só que en primaria e secundaria os profesores e as profesoras fican pouco habitualmente en evidencia. Por que estes/estas non e na universidade si?

Profesor e profesoras de primaria e secundaria pensan máis en ensinar mediante o sistema de premio ou castigo. Polo tanto non poden írense polas pólas, ou serán obxecto de burla e escarnio. Eles e elas pretenden, nalgúns casos, que a súa misión é educativa nunha porcentaxe superior que o labor docente.

Pola contra, na universidade non se premia e se castiga. Es un suxeito de éxito ou es un fracasado. Ou estudas como un cosaco loitaba en non me lembro que batallas ou estás por definición de brincadeira. Ou vas vestido/a e peiteado/a con modestia ou levas piercings e demais accesorios (e non ouses petar á porta do meu despacho!).

Así que o profesor ou a profesora de universidade esixe o que ofrece: éxito, estudo, modestia, vestimenta e peiteado acertados. Entende o seu labor como docente máis ben que como educativo. En todo caso, EDUCA co exemplo cumprindo esas catro regras que remato de enumerar.

E como en realidade os e as estudantes non se saen moito do perfil descrito, e porque os piercings non son por definición maioritarios, eses pequenos burgueses que ensinan(ensinamos) teñen para os/as estudantes o dereito humano a errar.

Dereito a errar! Debería estar recollido na Constitución. Nunca o admitirán, mais na casa coméntase en canto o profesor ou a profesora pisan terreo privado. Hoxe pasoume tal cousa. E bla, bla, bla...

En fin, só pretendo subliñar

a) que profesores de universidade con máis frecuencia que profesores de primaria e secundaria fican en evidencia. Que isto acontece porque a maioría deste colectivo prioriza o labor DOCENTE sobre o educativo. A si mesmos ou mesmas, esixense máis en docencia que en axudar alguén con problemas. E

b) en cambio, no colectivo de profesores non universitarios sucede á inversa, na súa maior parte: que priorizan o labor EDUCATIVO sobre o docente. De xeito que a súa audiencia pode en ocasións recoñecerlle o dereito humano a errar. No relativo ao terreo persoal, ou aos contidos académicos explicados crípticamente ("é que se sae!"), ou na tendencia á anécdota.

Por certo, todo isto viña a que "e coñece vostede profesor ou profesora de universidade que non se vaia polas pólas?". :-)

Admítense opinións en contra:-))