25/07/2009

máis sobre animais: machismo xenuíno

Por que unha antropóloga ocupa tanto tempo en escribir de animáis? A min ter dous cánidos e unha gata lémbrame aos tempos máis antigos da humanidade. Por outra banda, os animais domésticos imitan aos seres humanos e rematan por responder a estímulos simbólicos como cando lles dis "ti es bo" ou "ti es malo".

Non son asidua dos documentais sobre animais que emiten en televisión. Son máis ben asidua aos estudos sobre paleontropoloxía. Á inversa pásalles a algúns/algunhas biólogos/as. E entón nós, os humanistas, chamámoslles sociobiólogos/as. En calquera caso as interseccións son obvias no caso dos animais domésticos.

Estes días pasados observei un comportamento curioso no can que teño. Trátase do seguinte: cando sae da casa dos meus pais, o can deixa unha marca máis alá dos límites estabrecidos pola femia uns intres antes. Cando saen da casa onde eu máis el (con)vivimos, o macho fai o mesmo, tendo outro inmoble como centro. Pero,

-no primeiro caso, o macho di cara onde imos e no segundo caso de onde vimos;

-en ambos os dous casos, o macho procura que a primeira das súas marcas estea máis lonxe que o límite que inicialmente estabrece a femia.

Isto chámase machismo no bo sentido xenuíno. Agora aplicade isto aos machos bípedes implumes ou duplamente sabios. As conclusións son vosas:-)

23/07/2009

os (outros) violadores

Estaba a me bañar na piscina que montei en casa. Ou sexa, na bañeira. E pensaba no meu corpo espido, ceibo de todo ultraxe. E comecei a matinar nesas rapazas que estes últimos días saíron nos xornais e nos seus violadores, todos eles menores de edade.

E dalle con cal será o motivo para forzar unha muller a ter relacións sen o seu consentimento.

Dalle con por que nas guerras os mulleres do pobo invadido son sistematicamente violadas.

Dalle con por que os violadores din ou pensan que as súas vítimas o están desexando: que as violen.

E por que, se tanto o desexan, lles obrigan a el usar a violencia. Putas!

No hemisferio norte, que é como dicir aquí mesmo, en Galiza ou en Madrid, a alta temperatura ambente fórzanos a veren corpos espidos ou cubertos por escasos centímetros de roupa. Ademais, o río ou a praia fan da calor un motivo para expórense e ollárense os uns aos outros.

Daí a violar hai un paso moi longo.

Os outros violadores, os que non son menores de edade, son adultos perversos. Violan nenas ou mulleres, mais teñen unha cousa en común: violentan, asoballan e danan fisica e psicoloxicamente a nenos ou nenas, a homes ou mulleres. Todos eses homes violan.

Síntoo moito: non me podo poñer na pel destes asasinos de almas. Non podo explicalo para que o entendan porque non podo imaxinarme facendo tal cousa. Podo imaxinarme sendo home, mais non podo imaxinarme violando.

Así que hai algo perverso. Perverso, non animal como se di ás veces. Porque os animais, coa excepción dos bípedes implumes, non violan. Non poden aínda que quixeran. A bioloxía fai que mentres as femias non estean receptivas non haxa maneira de penetralas.

Non sabemos se os outros animais, os que non violan, o farían se puideran, se a bioloxía permitira penetrar femias non receptivas.

Mais si que sabemos que os homes duplamente sabios violan. E que isto non está restrinxido a submundos senón que pode pasar mesmo no centro de traballo.

Pódome imaxinar unha violación mesmo no retrete dalgún Parlamento. O nivel de educación pode servir de moito noutros casos, mais nos casos de violación non serve de nada.

Fagamos todos o exercicio de imaxinar que o noso corpo e a nosa alma son violentados.

Entón entendemos por que non se entende a violación: porque é algo que ninguén querería para si mesm@.

A violación é algo que o violador non querería que lle fixeran. Alguén me eplica por que, entón, o fai a otr@s?

Isto foi o que deu de si o baño en bañeira dunha moza espida.

22/07/2009

sobre min

Vai calor e as neuronas non dan para moito. Teño nos miolos a idea de falar desas violacións que tiveron lugar días pasados. Dúas raparigas asaltadas e violadas na súa intimidade -asoballada, intimidada, violentada.

Mais xa digo, non están as calores como para moita intelectualidade. Nin para traxedias. Porque iso de se sentir culpábel dalgo que é responsabilidade allea ten nome de muller.

De mulleres: Ana, Amalia, Antonia, Beatriz, Bea, María, Marta, Violeta... Toda a lista de nomes femininos ten algún/s exemplar/es ferido/s por un macho -que non home- no máis fondo da súa intimidade.

Así que para non lles disgustar con temas de sesuda asimilación, forzada pola actualidade informativa, escribirei sobre min, ese personaxe caricaturesco que pasa por ser eu.

Non é máis interesante a miña persoa que os motivos que levan a depreciar e devalúar mulleres, mesmo a deturpalas e a violentalas, se é que non tamén matalas.

Falarei de min, ese feble mamífero que adopta o papel ou rol de galega en Madrid. A mesma Susana de la Gala a quen lle permiten escribir en Galicia Hoxe.

Escribir, escribín moito na miña vida. Traballos para as materias e para a academia 'sensu strictu', como a tesiña e a tese doutoral. Estas dúas últimas tiveron varios textos antes do definitivo, así que imaxínense a Penélope tecendo e desfacendo o tecido ata que chega Ulises. Ou pouco menos.

Despois xa veu o de escribir en xornais, unha forma de desafogo intelectual á que lle collín agarimo. Teño varias novelas e ensaios sen rematar. Ás veces penso que son autora sen obra, aínda que non é así.

Hoxe dicía o xornal en galego Galicia Hoxe que estos blogues a que se lles dedica o tempo que se pode son non tanto o pasado (van 10 anos de MSN e de blogues por estes días de verán), como do presente e do futuro.

Como unha maneira de ver publicados os teus textos, pensamentos, preferencias e opinións.

E a min xurdiume a necesidade diante da miña ausencia física en Galiza, a miña presencia en Madrid. Logo algo terá que ver Galiza con todo isto no meu caso concreto.

Outros e outras escriben en cambio como se fosen cidadáns ou cidadás do mundo. Ou como técnicos en todos os xeitos posíbeis de sortear os problemas do Windows Vista en foros e demáis andrómenas.

Para min a vida miña, a vida e a nación na que esa foi vivida, son galegas. Como galego segue a ser o meu celme, sempre suave, non sei por que en Galiza non teño case celme e aquí si:-). E galegos son os meus valores. E galegas son as cousas sesudas que penso, escribo, digo.

Así que son galega. E boto de menos a terra. E escribo en galego para non esquecer a fala, pois non teño moito entre o que escoller para falar galego. Abondosos madrileños hai en Madrid aínda que naceran en Galiza. Ese desprezo da terra e do propio seica coexiste cun amor intenso e afervoante a ela. Algo así debe ser a propiedade identitaria "ser galego, ou galega".

Só que eu imaxino que camiño por Compostela, ou por Lugo, Ourense, Ferrol, A Coruña, Fene... E aínda que non nego que non é o mesmo, tampouco unha alucinación por certo como dixo aquel, é o máis intenso que podo facer: pisar o chan desta terra e amar a terra que deixaches como se fora esta na que agora deixas pegada.

Non é unha solución integradora, mais algo hai, porque que me leva o demo imaxinar a fachada barroca da románica catedral compostelá.

Porque se os miolos seguen alá, que importa onde deixen pegada os pés que sosteñen a aqueloutros 'pegados' dalgún xeito -metafórico, por suposto- ao chan.

Faiseme o tempo moi longo con esta calor de xullo. A verdade hoxe moito menos calor ca onte. E así din por chegar aquí, onde as cousas comezan cada vez a seren máis persoais. Será a obra que deixe unha escritora sen obra que é galega e vive en Madrid.

14/07/2009

MADRí. MADRILES. MADRID

Estas horas, de noite e a escuras, co ruído de fondo do camión do lixo, estas horas, digo, son as que mellor se aproveitan do día pola calor das Madrí. Ou sexa, dos madriles ou dos plurales madrid castizos. Porque madrides hay moitos, comezando polas equipas de fútbol e rematando pola arquitectura e os espazos verdes. E estes non son abondosos, malia o empeño posto (sen dúbida) para solucionar o Madrí de asfalto, de chapapote que son "hilillos de plastilina" e de tesoreiros imputados que non dimiten.

Comprenden? Aquí cabemos todos e todas. Mesmo unga galega en madrid que escribe as súas reflexións en blogspot.

Pois dicía que estas horas son as mellores do día. Bañaste e vólveste a bañar no baño-piscina que tes montado na casa. Baixas así a temperatura corporal e tes máis de todo o que hai que ter. Máis enerxía. Mesmo escribir, teclear, non costa tanto traballo como de día. Que queren que lles diga, pois saberán de ventilador e corrente de aire entre habitacións a escuras como sei eu. E as casas non están preparadas para a calor polo mesmo motivo que non están preparadas para o frío. Porque non están ben construídas.

Xa marchou o camión do lixo. Ficamos o ventilador máis eu. E o can, a cadela e a gata. Cinco. Os cinco fantásticos. E o cobertor lixeiramente colocado sobre o meu corpo espido. Que queren que lles digan que non saiban xa. O portátil sobre os xeonllos, debe producir moita esterilidade porque teño as hormonas femininas descontroladas, será por iso...

O que é certo é que administrar o tempo que se lle adica a este aparello é crucial. E sigo a ter meus brazos acaídos como se morrera de calor. Miragres que se producen despois de 42 anos afeita ao clima galego. Ata boto de menos a choiva e a neve, que son moito stuff para un polo.

Deséxovos un bo comezo da semana e un mellor desenvolvemento da mesma.

12/07/2009

E VAN 41

Van 41 colaboracións no que vai de ano, claro. Dous terzos do que publico en Galicia Hoxe no transcorrir dun ano. Volvo con máis forzas e con máis calma.

Pasoume algo semellante cando cumprin os 41 anos e puxen en marcha con renovada enerxía un novo proxecto de vida. Con desexos e ambicións diferentes.

Agora quero facer realidade cousas que só soñei. Claro que o soños foron frutíferos. Así que desexo que os novos o sexan aínda máis.

Pouco teño que contarvos agás que pasei un serán agradábel. En breve postearei un video de móbil que me amosa mollándome diante da atenta ollada dunha parella.

O link é... estou niso. cólgoo cando o instale ok? Eu son a rapaza do fondo.

Bo comezo de semana!!!

11/06/2009

"e coñece vostede profesor ou profesora de universidade que non se vaia polas pólas?"

A seguinte historia é un feito real.

Unha paciente vai ver un especialista en medicina. Estalle este a facer o historial e pregúntalle a que se dedica a ínclita. Esta respóndelle que é profesora de universidade.

Remata o bo do home de recoller todos os datos relevantes nun papel. Entón esténdelle unha receita que inclúe a data da próxima visita médica. A paciente olla cara ao documento, le e pregunta:

-"por que cree vostede que eu preciso este medicamento?".

O especialista, máis novo ca ela, e de bo ver, todo hai que dicilo, responde:

"é pola túa forma de falar. En realidade é porque te vas polas pólas".

Nisto que a muller, cun sorriso, lle pregunta de novo:

"e coñece vostede profesor ou profesora de universidade que non se vaia polas pólas?"

Para min que esta situación ten graza. Quizais alguén non llela atope por ningures. E isto pode ser por dous motivos:

a) ou non foi estudar na universidade, ou
b) é que, estando matriculado, non foi a clase un só día.

No primeiro caso, recoméndolle encarecidamente que se matricule pola UNED e estude de cabeza, sen ir a titorías nin a clase.

No segundo caso, prégolle encarecidamente que se matricule nun segundo ciclo, master ou carreira e que acuda a clase: por deus, déaselle a si mesmo a oportunidade de ver profesor ou profesora de universidade ficar en evidencia!

Un profesor ou unha profesora que fique en evidencia? Que é iso?

Pois é cando o ínclito fala como se fose un tolo calquera.

Ou como se non soubera do asunto ou materia da que é tan especializado especialista que reflexiona fóra dos límites do que un/una estudante medio/a pode comprender.

Ou que conta unha anécdota que viña a conto de algo que, despois de a narrar, el/a docente non lembra por que a sacou a colación, e a audiencia flipa en cores, como se dicía hai un tempo.

Total, que a paciente da anécdota -pois ambas as dúas son tan reais como a vida mesma- tiña tanta razón, era tan lóxica, como para ficar ela mesma en evidencia diante dun especialista que a vai xulgar en parte polo seu oficio de profesora de universidade.

Hai millleiros de casos reais como este que acontecen nas aulas. E pasan a formar parte da tradición oral e do imaxinario colectivo das sucesivas promocións que cursen algunha materia con calquera profesor ou calquera profesora de universidade.

Das lentes baixo das cales os estudantes perciben aos/as docentes e á facultade no seu conxunto.

Esas lentes son un tecido de textos orais. Ou sexa, unha cultura, baseada en algo tan oral como unha clase calquera dun grao calquera.

Só que en primaria e secundaria os profesores e as profesoras fican pouco habitualmente en evidencia. Por que estes/estas non e na universidade si?

Profesor e profesoras de primaria e secundaria pensan máis en ensinar mediante o sistema de premio ou castigo. Polo tanto non poden írense polas pólas, ou serán obxecto de burla e escarnio. Eles e elas pretenden, nalgúns casos, que a súa misión é educativa nunha porcentaxe superior que o labor docente.

Pola contra, na universidade non se premia e se castiga. Es un suxeito de éxito ou es un fracasado. Ou estudas como un cosaco loitaba en non me lembro que batallas ou estás por definición de brincadeira. Ou vas vestido/a e peiteado/a con modestia ou levas piercings e demais accesorios (e non ouses petar á porta do meu despacho!).

Así que o profesor ou a profesora de universidade esixe o que ofrece: éxito, estudo, modestia, vestimenta e peiteado acertados. Entende o seu labor como docente máis ben que como educativo. En todo caso, EDUCA co exemplo cumprindo esas catro regras que remato de enumerar.

E como en realidade os e as estudantes non se saen moito do perfil descrito, e porque os piercings non son por definición maioritarios, eses pequenos burgueses que ensinan(ensinamos) teñen para os/as estudantes o dereito humano a errar.

Dereito a errar! Debería estar recollido na Constitución. Nunca o admitirán, mais na casa coméntase en canto o profesor ou a profesora pisan terreo privado. Hoxe pasoume tal cousa. E bla, bla, bla...

En fin, só pretendo subliñar

a) que profesores de universidade con máis frecuencia que profesores de primaria e secundaria fican en evidencia. Que isto acontece porque a maioría deste colectivo prioriza o labor DOCENTE sobre o educativo. A si mesmos ou mesmas, esixense máis en docencia que en axudar alguén con problemas. E

b) en cambio, no colectivo de profesores non universitarios sucede á inversa, na súa maior parte: que priorizan o labor EDUCATIVO sobre o docente. De xeito que a súa audiencia pode en ocasións recoñecerlle o dereito humano a errar. No relativo ao terreo persoal, ou aos contidos académicos explicados crípticamente ("é que se sae!"), ou na tendencia á anécdota.

Por certo, todo isto viña a que "e coñece vostede profesor ou profesora de universidade que non se vaia polas pólas?". :-)

Admítense opinións en contra:-))

26/05/2009

SOBRE OS NOMES PROPIOS DOS OUTROS ANIMAIS DOMÉSTICOS (cadrúpedos, bípedos con plumas, anfibios, invertebrados e mesmo plantas)

Cando comecei a facer ese longo traballo de campo que me lexitima, xunto coa tese de doutoramento, a me chamar antropóloga, pensen vostedes que o son ou non, aínda non cumprira os vinte anos. Daquela había máis "aíndas":

-aínda non tiña práctica en falar galego;

-aínda non coñecía ben a nosa cultura e o noso patrimonio material e inmaterial (en cambio valorábao); e, ao que vou,

-aínda non me achegara tanto a unha vaca como para tocarle o lombo mentres dicía en alto o seu nome propio.

O feito de que as vacas teñan nomes propios era totalmente descoñecido para min. E como de etnógrafa ía polo mundo, tiña que preguntar o porque dos nomes propios destes case inofensivos bóvidos.

As respostas a por que "Pinta", ou "Branca", ou... eran do tipo a) ese é o nome que se lle adoita dar a unha vaca cando ten certa cor e estas e aquelas características, ou do tipo b) ese foi o nome que se me ocorreu.

A seguinte pregunta era loxicamente por que dar nome propio a unha vaca. E aí tocaba o aquel sensíbel do dono ou da dona daquela. Porque inquirir por algo que

-con toda probabilidade acontece dende o comezo do neolítico; por algo que

-foi transmitido de xeración en xeración;

-en suma, preguntar por que dar nome propio aos animais domésticos ou cercanos, presentes nas nosas vidas cotiáns, é como preguntar a un/a filósofo/a por que o ser e non máis ben a nada, que foi ao que dedicou un groso libro o alemán Heidegger.

Pois iso era precisamente o que eu insistentemente preguntaba cando xordía o tema na conversa:

-por que "Pinta" e non máis ben "Vaca". E aí non hai andrómenas que valan. Ou somos, temos ser, ou non temos ser aínda que existamos (mediante a crenza), como lles pasa a Deus, á esencia, á nada, e ás greas de vacas esparexidas polo mundo.

Polo tanto, ou a vaca ten nome propio ou non ten ser, só existe como unha presenza non desexada ou como unha crenza. Ou sexa,

-ou ben es unha vaca ninguén, unha femia de bóvido calquera entre greas delas esparexidas polo mundo, das cais cres que existen aínda que non as vexas, vacas cunha existencia suposta sen realmente seren nada para ti,

-ou ben dámoslle ser á vaca mediante un nome propio.

Este fenómeno -chamar a unha vaca "Pinta", a unha pomba "María" (ou "Mariano" porque pode ser un pombo), a unha cadela "Pequecha" ou a un gato "Dous", porque é o segundo felino macho que tivestes, lévanos, non tanto á pregunta de por que nomear as cousas do noso ecosistema, como a estaoutra:

Que dicimos cando damos nomes propios a cadrúpedos, bípedos con plumas, anfibios, invertebrados e mesmo plantas?

"Pinta" expresa que é unha boa exemplar de vaca de certo tipo e características. Mais outros nomes de vacas, máis persoais e menos consuetudinarios, por non dicir que se trata de nomes non tradicionais (como "Betty" ou "Preciosa"), expresan outras cousas.

Non haberá dono ou dona de vaca, galo (as galiñas non adoitan teren nomes), can ou cadela, gata ou gato, arácnido ou crianza doutras especies animais e vexetais que non teña os seus motivos para nomealos/nomealas como lles pete, ben sexa dun xeito característico, ben sexa dun xeito consuetudinario.

O principal dos motivos para nomear animais ou plantas é o afecto que se lles colle.

Así que cando xa levaba 3 dos 10 anos de traballo de campo que me lexitiman, xunto coa..., bla, bla, bla, adoptei unha crianza macho de felino que tiña menos de dous meses. Nos meus brazos de moza sa e deportista semellaba unha folla caída polo outono: tan fráxil era o gato.

Tardei en plantearme que nome lle ía dar a ese o meu primeiro animal doméstico. Será que o Neolítico me colleu facendo excusións a Marte, porque aínda non interiorizara que aos animais aos que se ve todos os días e aos que se lle colle afecto precisan dun nome propio.

A pregunta polo nome do gato xurdíu dalgunha gorxa que non era a miña, ocupada eu como estaba en mercar leite maternal para felinos e dárllela coa axuda dun teto de plástico, como aos bebes.

Que nome lle vas poñer ao gato? -preguntou alguén. E eu fiquei abraiada por non saber que responder.

Reflexionei en frío o asunto do nome. A opción máis sinxela era chamarlle "Gato" e acabouse. Moita xente o fai -pensei.

Mais algo da socialización que me foi transmitida polo traballo de campo que bla bla bla debeu callar en min neses tres anos. E entón pensei que lle tiña que dar ao felino un nome mítico, como mítica é a súa especie.

Non tiven en realidade que matinar tanto. Todo o mundo ten lembranzas positivas asociadas a algún nome. Polo xeral trátanse de pegadas que persoas ou debuxos de animación deixaron nos nosos miolos.

Ensaios, novelas, autores, persoaxes de ficción son tamén unha fonte de inspiración nisto de poñer nome propio. Unha facebookiana amiga chama ao seu can cocker "Freud" (saúdos, se isto les).

E eu púxenlle ao meu gato o nome do máis antigo dos filósofos coñecidos da antigüedade: Tales de Mileto. En realidade só "Tales", pois o felino tiña como identidade, en función do seu lugar de nacemento, a de malacitano gato común europeo.

Pasaron os anos e unha gata minou diante da porta da miña morada. Todos os veciños e todas as veciñas estaban en algures pasando a ponte da virxe de agosto. Menos eu. E a gata achegouse a onde se ouvían voces, a onde se olía a comida e a ser humano. Abrinlle a porta. Ela entrou como un disparo ata o fundo do salón, no primeiro andar da vivenda.

Entón fun ollar cos meus propios ollos que tipo dentro da especie felina era ese exemplar tan axil como para que o seu movemento non me deixara ollalo ben.

"Isis" pareceume a máis fermosa gata persa do mundo, así que o nome non tiven que matinalo moito. Persia, o deserto, o Nilo, o Tigris, o Eúfrates, a civilización occidental e, dentro dela, a única que se coñeza que adorara aos gatos e ás gatas como deuses e deusas: a exipcia.

Pasou o tempo e un criador deume a elixir entre catro nomes ou cinco, non me lembro ben, que comezaban polo "U" para unha femila teckel de pedigree. Suxeriume "Ursulina", que eu enérxicamente desbotei indicando que nunca na miña vida lle poría ese nome, así me torturaran.

A única opción que eu vía posíbel, para darlle nome a unha cadela, era "Uxía", e xa veríamos se como el dicía non respondía a tal nome ou se si respondía.

"Pequecha" estaba a saber que me refería a ela cando dicía en alto, con ela no meu colo, esta é a miña "Uxía". Mais o nome ao que responde vén dunha escatolóxica situación.

Sendo Uxía moi cativa, ser pequecha era o que máis destacaba dela: semellaba un rato. E estaba ela defecando dentro de casa cando, cun ton de sorpresa e noxo, exclamei: "Pequecha"! E a defecación cortouse e acabouse a cuestión.

Entón entendín que o seu ser era precisamente ser pequecha e que en "Pequecha" ficaría o seu nome.

Pois xa vedes, se arbitrarios somos en elixir nome propio, canto máis arbitrarios seremos cos nomes comúns, que son os máis abondosos.

Palabras polisémicas, porque significan varias cousas a un tempo dependendo do contexto onde se insiran; metáforas, esas transposición dun "aquí" real a un "alá" ficticio; metonimias -o todo pola parte, ou a parte polo todo; e tantos outros procedementos para nomear cousas comúns, que en certa maneira son, mais que non existen se non dicimos o seu nome, como acontece coa "nada" heideggeriana.

Espero que vos gostara.

25/05/2009

POR QUE O CONFLITO, POR QUE A GUERRA? UN POUQUIÑO DE ANTROPOLOXÏA PARA QUEN GOSTE DE A LER

Non nos preguntaron se estabamos dispostos/as a aceptaren o mundo que por data de nacemento nos correspondiu vivir. Pensen que a moitas persoas esa omisión lles levou a campamentos onde lles privaron de liberdades e de dereitos -ollen cara á franxa de Gaza e en xeral a Palestina.

Hai unha contradicción na especie humana -ese feble ser espido duplamente sabio. Porque como en canto protestas te dicen que o mundo existía antes de que un/unha nacera e existirá despois de un/unha morrer, pois éche o que hai e acabouse. Suponse que te adaptas como o farías se foras un can ou cadela, por exemplo. Mais non é así.

Diante dese mundo que fabricaron outros/as semellantes a nós, e do que disque non se pode modificar, os seres humanos non se adaptan ao xeito dun can ou dunha cadela, por exemplo; é dicir, obedecendo. Adáptanse mediante as rebelións e as ganas que lles entran de se ceibaren das cadeas que os/as atan.

Nunca un ser humano que vivira rodeado doutros semellantes optou pola submisión absoluta sen interrupcións ao longo de toda súa vida. Pola contra, a submisión leva a moitos e moitas a desexar ceibárense desa situación.

Ese rebelarse pode levarte á ruína. Ao ostracismo. Ou á vitoria. Filósof@s e antropólog@s coinciden en sinalar que a liberdade é intrínseca á toma de conciencia dun/dunha mesmo/a. Que o ensaio e o erro é a norma por mor desa liberdade que xorde de sentírense sos ou soas, desa natureza da nosa intelixencia consciente de si mesma.

É certo que esa toma de conciencia de si mesm@, da existencia e das particularidades propias con respecto a outros semellantes, pode levárenos a nos sentir febles e polo tanto insignificantes membros dun puzzle que outr@s deseñaron. Esta é a orixe do conformismo, máis habitual do que eu mesma son consciente.

En cambio, a historia da humanidade no seu conxunto está chea de feitos senlleiros, de celebracións, que na súa maior parte comezaron por unha rebelión, un soño de liberdade para se reuniren, ou se expresaren, ou se organizaren en sindicatos.

Todo tipo de violencia grupal ou de manifestación colectiva de forza, procede dunha tendencia humana, abondo humana, a que as persoas se rebelen diante das máis variadas circuntancias contra o seu propio grupo social.

Os casos menos conflitivos para a memoria histórica son ese tipo de rebelións contra eses/esas semellantes que teñen outra cultura e outra lingua, ademais doutros costumes. Eses/esas "outros/as" son os/as malos/as da "película" que se conta a posteriori.

Os casos máis conflitivos para a memoria histórica son aqueles que dividen en dúas ou tres partes o grupo social. Habitualmente a rebelión procede dunha sorte de forza centrífuga que xorde, ben do excesivo número de persoas que o integran, ben da excesiva singularidade deses sub-grupos.

Outras veces, esa sub-división do grupo vese forzada por unha insurrección e pola consegunte reacción das forzas de seguridade de que o conxunto da sociedade dispón para a defensa contra eses/esas "outros/as" dos que antes falei. Unhas forzas que non foron adestradas para loitaren contra os propios membros do grupo social.

Porque dende que a humanidade existe se entende que un pobo ou unha cultura ou nación ten dereito a se defender dun atacante esóxeno. Mais cando os/as inimigos/as son irmáns/irmás, ou primos/as, ou parentes ou veciños/as ou... Entón, a loita é vista como irracional, auto-destrutiva como mínimo. Chámaselle insubmisión civil ou tamén guerra civil.

O baixo ou alto nivel de cohesión social do grupo fai doado ou difícil según os casos que estas situacións sociocidas se produzan. O normal debería ser non rebelarse contra a man que te dá de comer. En cambio isto non acontece tantas veces como para ser "normal".

O "normal" é o conflito. En termos históricos, sociolóxicos, antropolóxicos e estatísticos é máis frecuente a guerra que a paz. Procede posiblemente esa tendencia a se enfrontar uns/unhas cos/coas outros/as dun exceso de adrenalina. E dos condicionantes sociais nos que se produce esa rebelión ou loita ou conflito.

Ai, a adrenalina! Cando a vida se desenvolvía nas xunglas e nos bosques, esta substancia era precisa para estar alerta e tentar evitar que outro animal, máis forte, te atacara. As reaccións químicas que se establecen entre neuronas e entre células seica teñen como obxectivo supremo a supervivencia.

Cando como especie nos fumos asentando en lugares axeitados para os nosos esquemas culturais, para as nosas pautas sociais e demais andrómenas, a adrenalina deixou de ser adaptativa e pasou a ser ese grave inconveniente para a vida en comunidade.

Desposuída da súa función para a supervivencia da especie, instalada esta en paraxes onde se puideran sentir seguros, a adrenalina só serve cando estás fóra do teu territorio máis próximo, cando ti estás so ou soa cumplindo algunha función social, como pastorear. Os lobos teñen mala sona precisamente por rondar ovellas, carneiros, e cuxos ou vacas. E o/a pastor/a que atende esas greas tenlles medo: "Que vén o lobo, que vén o lobo..."

Tamén serve a adrenalina para a axudar aos/ás soldados a adestrárense e a tiraren, cando a situación o require, dese valor que se lles supón cando ingresan no exército. Porque exércitos houbo dende antigo, con toda seguridade dende o comezo do neolítico.

Así que esa substancia, inútil para a supervivencia, pasou a ser segregada diante de circunstancias menos arrepiantes que a presenza dun león en posición de atacar a un ser espido sen garras nin afiados colmillos. Pasou a ser segregada diante de feitos diferentes -o medo a ser atacado/a na escuridade, a estar só ou soa lonxe do campamento, á inxustiza flagrante e repetitiva e asoballante...

Deste xeito, cando un feble ser humano sente arrepíos camiñando so ou soa pola noite, ou diante dun conxénere que o/a trata mal, que o/a intimida, entón segrega adrenalina. O proceso é o mesmo, mais as causas son diferentes. Son sociais, non biolóxicas.

Así que o perigo máis habitual nas sociedades sedentarizadas non son os grupos externos a elas, senón os seus membros, ben pola peculiaridade dun suxeito en concreto que incita á rebelión, ben porque un conxunto de xente pensa de diferente xeito.

Pois si señores, o conflito intragrupal é a norma e non a excepción. Esa noción evolucionista de que por definición imos para mellor é doada de desarmar aducindo por que entón non deixa de haber guerras ou cruzadas e secesións manu militari.

Por que non deixa de haber exércitos? Por que non deixa de haber xulgados? Por que non deixa de haber agresións, intimidacións, asasinatos, violacións? Por que non deixa de haber pelexas, berros no medio dunha discusión e un longo etcétera?

Algo máis haberá que a adrenalina que se dispara diante de situacións agresivas ou inxustas ou... E iso algo máis que hai é o que a "civilización" non alentou e non puido evitar: as diferencias de opinión.

As diferencias de opinión son a causa da maior parte dos conflitos que no mundo hai cada minuto, cada segundo. Tentárono todo para que a xente pense igual e non diferente. Exemplos destas tentativas para reducir conflitos son

-as narracións orais, que subministran identidade e polo tanto sentimento de cohesión social;

-as normas de educación, como tapar a boca se comendo se abre para falar e outras andrómenas que hoxe consideramos tan básicas e que todas as sociedades teñen, mesmo as que non consideramos "civilizadas".

Neste eido hai moita disparidade de opinóns, pois en occidente está mal visto eructar despois de xantar, mentres que nos países musulmáns cómpre facelo para demostrar ao anfitrión/anfitrioa que o xantar lle sentou ben e que quedou mesmo farto/a de comer por mor de non rechazar a súa hospitalidade. Isto forma parte do que se chama "relativismo cultural";

-o ensino regrado. Se alguén que isto le viu a película "The Wall", o muro, fica claro que "we don't need no more education, we don't need no more control..." A educación tal como se entende a comezos do século XXI serve aos fins de homoxeneizar á poboación.

Ningún das técnicas que aplicou un grupo social calquera para tentar evitar conflitos tivo un éxito rotundo. Dicía Marvin Harris que só se prohibe o que se practica. Eu penso que moitas veces dá máis gana facer o prohibido que o permitido.

Que eu pense isto ou aqueloutro carece de importancia. O feito é que existen as mafias de trata de brancas, ou orientais, ou africanas, que están prohibidas. Que existe o contrabando, tamén prohibido, por máis que puxeran "fielatos" ou aduanas, tanto me dá.

Así que a insensata compra-venda de mercadorías polas que se terían que pagar impostos, ou que está prohibido vender e polo tanto mercar, son outra orixe de conflitos na sociedade civilizada onde vivimos.

Poderíamos preguntárenos por que existen as fronteiras, as aduanas, os impostos, as excepcións a esa tendencia social que é intercambiar mercadorías (o troco), ou cedelas por unha cantidade de metal (moeda), ou mesmo por un pagaré do estado (os billetes que levamos na carteira en menos cantidade da que quixéramos).

Todos eses límites proceden da territorialidade como elemento instintivo da especie e dos seus membros. Dun algo biolóxico. Mais tamén da existencia dun estado centralizado.

Do xurdimento deste fenómeno -a aparición dos estados- no pasado remoto (os imperios) e no seu desenvolvemento na historia universal falarei noutro post. Por hoxe xa enchín a paciencia do/a máis entusiasta lector ou lectora. Ata outra...

Post scriptum: tento sempre respectar o ideal dunha linguaxe non sexista. Lean a miña tese de licenciatura (1989). Os "os/as" dificultan tanto a lectura que ninguén que lera ese documento sabe de que se está a falar. Outras veces unha escribe sabendo, asumindo, que o patriarcado non rematou e por iso a súa man teclea unha expresión en masculino, que soa mellor pola forza do costume.

A linguaxe non sexista é pouco doado de practicar nas linguas románicas por mor da existencia de dous xéneros gramaticais. A lingua inglesa, negando esa diferenza, impide incurrir na linguaxe sexista. Tentei con todas as miñas forzas eliminar esta. Mais son humana e polo tanto imperfecta. O mesmo digo con respecto á lingua galega, na que ás veces cometo erros de vulto. Éche así.

12/05/2009

"ANA" NON DEIXA QUE AMES

Non son o que se chama unha experta en amor. Unha aprendiz, quizais. Mais nunca escribín do amor cando adulta. En realidade si, cando amaba a Miguel e el a min. Mais non o volvín facer dende aquelas horas de emocional e intensa escrita de poemas, regalados a cambio de nada ás miñas compañeiras de sala de estudo.

Hai pantasmas que te perseguen. As nenas ríanse da vergoña que lles daba leren eses poemas de amor e de saudade. Eu olía a Miguel e el a min, mais nunca nos atopamos. O amor platónico entre ese neno e aquela nena foron a inspiración de poemas sobre princesas rescatadas dos malos de verdade.

E como o amor triunfaba nos poemas por enriba de todo, iso era polo que aquelas cativas coma min se rían. Quizais era tamén o que elas sentían.

Pois dende aquela sufrín unha grande presión para esquecer amores e paixóns. Seica eran pecado. E todo o que facía parecíalles mal: xa haberá tempo para estar namorada.

Mais eu amaba a Miguel e el a min. E del me separaron. E eu sentía e sentía. E eles e elas matinaban: que pense e que desenvolva a razón, a lóxica.

Así que unha é como é porque a fixeron así. A tendencia natural no meu caso era vivir cada intre como un soño. Realidade mais soño porque a vida era tristeira por máis que eu a vira como un lugar agradábel para ler sen descanso e para escribir poemas de amor. A vida...

E así descubrín iso de que te convertes en aquilo que es dentro do que podes. E estudei Filosofía.

O claustro enteiro dicía de min que tiña un prometedor futuro como profesora. De feito ese último curso antes de ir á universidade eu daba clases de apoio a cinco compañeiras de aula para que aprobaran o selectivo.

Si. É certo que aquilo de dar clases a quen as compartía comigo cada día non me fixo graza. Nin tiña outra opción. Era impensábel que eu me negara. Así que aceptei.

E de luns a venres e de tres a catro do serán traducía para elas as cinco. Analizaba sintacticamente os textos. Respondía sobre as normas gramaticais do latín.

Daquela oín dicir que facía vinte e cinco anos houbera unha rapaza con esas mesmas calidades para o latín e para o ensino que eu tiña. Aquela rapaza era en comparación comigo un suxeito histórico.

E se non fora porque a miña profesora de latín morreu, aínda tardou en morrer mais todo chega, eu non fun ese suxeito historico que aquela outra rapaza si foi.

Ou quizais o fun, porque cando un non está no colexio, cando xa rematou os estudos pre-universitarios, non sabe como fan as monxas para acadar que as alumnas máis novas (e agora, por imposición ministerial, tamén os alumnos máis novos) acaden ser iso que dalgún xeito xa son. E que esquezan os amores e as paixóns.

Así que que queredes que vos diga. Despois de Miguel houbo un baleiro de sete anos en que non sentía. Tampouco tiven a regra en cinco anos. Eu era unha desas "Ana" que agora tanto postean e botan ao ar dixital ese orgullo por seren anoréxicas.

Porque a educación para a razón e a lóxica ten moito de ilóxico. O natural é amar. E eu amaba a Miguel e el me amaba. E sen el os amores e as paixóns non tiñan sentido.

Ademais, escribir poemas de amor en horas de estudo era unha ofensa que facía ás monxas por non aproveitar a oportunidade dunha educación de elite.

O colexío Carmelitas de Ourense aínda está nos cinco primeiros postos, entre todos os colexios públicos e privados de Galicia, que obteñen o 100% ou preto, moi preto, deste número, de aprobados no selectivo. Ou no que sexa que haxa no canto deste.

Así que que queren que lles diga. Todos os amores que viñeron despois, os dous únicos amores de adulta, tiñan ese aquel da anorexia en cada día, cada hora, cada minuto que estaba con eles.

E eles, que non sabían que estaban con "Ana" e non con Susana nunca o entenderon. A anorexia non te impide amar, mais trátase dunha doenza na que os máis próximos a ti, a quen máis queres, son os que máis sofren.

Ben, unha "Ana" si sofre, mais cala e segue para adiante. Como a doenza, nun 80% dos casos (estatísticas anticuadas, porque agora as "Ana" se reforzan as unhas ás outras sobre como evitar esa carne que debería rodear o corpo, no canto da pel que está pegada con loctite* aos osos).

Así que unha anoréxica vive na ficción de que o sufrimento non é nada comparado co autocontrol que fai que teñas que ir baixando de número de talla da roupa. Porque o teu corpo segue a expresar extrema fame, como en tempos de guerra.

Ou como @s nen@s de África. Só que ti dirías que o alimento é tan abondoso que non o queres, mentres que estas crianzas famentas de verdade dirán que non teñen que xantar e que se o tiveran non estarían fracos e non morrerían por falta de alimentos.

Así que "Ana" non deixa que ames. En moitos casos anula tamén a sexualidade. E a paixón por facer o que fas. Es como unha máquina que funciona á perfección para todo o que non sexa amor.

E cando melloras (non sandas, só melloras), vas descubrindo o que perdestes no camiño. E buscas substitutos no canto da ledicia dese controlar ao 100% o teu corpo que case te leva á morte.

Substitutos. Como se a vida non tivera sentido se non sofres para acadar o corpo perfecto. Sobre todo, substitutos para o control perfecto das inxestións, pesos e calorías dos alimentos.

Control que fuches perdendo, porque, se seguiras como estabas, hoxe non estaría aquí a escribir isto. Sería un corpo perfecto no seu cadaleito, soterrado hai dúas décadas. Unha ninguén. Un po que sempre volve ao po e acabouse.

Sobrevivín á anorexia. Ás veces “Ana" chámame e volvo ser capaz por días, semanas ou meses de o facer. Din de moitas cousas que son como montar e bicicleta, que nunca o esqueces. "Ana" segue a te visitar cando lle peta.

"Ana" ven cando amas sen ser correspondida. Cando algo malo e inmenso doe ata se fartar de deixar pegada en ti. Cando perdes un amigo ou un soño de amizade, para non ser sexista na linguaxe. Amigo é o que quería dicir e non amiga. Que cada quen pense o que queira.

As "Ana", cando sobreviven e pasan dos corenta, son xa mulleres curtidas en loitas varias. Saben o que hai e xa non soñan. E cando soñan fano con amores que nunca podería haber na súa vida. Mellor un home afastado que un home á túa beira.

Porque a anorexia é un tipo de dependencia emocional respecto dos máis próximos. E por iso non queres depender de ninguén. E menos aínda dunha persoa para formar unha relación duradeira. Poucas "Ana" superan isto.

Quizais se namoraras do home axeitado -pensas.
Por definición nunca haberá ese home perfecto -respondes, debates, afirmas.
Quizais exista -insistes.

Ás veces, as "Ana" atopan ese amor verdadeiro diante do cal desaparece a anorexia. Son mulleres que senten de verdade amor, e non dependencia. Tiveron sorte en superar esta.

O amor é a demostración de que sandaches. Aí é nada!

*débolle esa expresión a Julio Medela

Semente de identidade

Esas lembranzas que non comparto con vostede, lector ou lectora, que lle son alleas, mesmo estranxeiras. Ese bater as mans mentres soa unha música que non é túa. Esa visión dunha realidade alternativa á que se elixiu cando o primeiro berro xurdiu desa gorxa con despeito.

Porque non te preguntan, non te din: ti elixes ser galega ou vasca? Esa elección faise nun intre. Si, en segundos. Nunha porción inacabábel de tempo que é só o da primeira impresión que deste mundo te fas. Elixes iso, quen es ti, sen saber por que naces, por que a vida, por que a morte.

Pois eu elixín nese máxico e inimaxinábel acto de noxo, de rebeldía. Mesmo paréceme estar escoitando ese celme e esa lingua. Teño a lembranza dunha conversa que quizais existira: a xente adoita ser comunicativa diante dunha crianza que carece de pelo na cachola e ten os ollos pechados para non ver o que lle espera.

Ese celme, ese falar, quédase en ti cando ti menos o esperas, porque todo é novidoso e nada é malo ou bo. Aínda non. E elixes iso que sentes cando máis vulnerábel es e nunca volverás ser na túa vida. Un movemento súpeto pode rematar con esa esperanza de identidade. O resto da túa existencia pasas a buscar esa voz primixenia.

E esa voz é o que es para sempre. Quizais non sexa certo que o elixas. É que os miolos xogan ás veces coas identidades. Algúns odian o que ouviron e outros o aman sen motivo algún, só por sentilo. E por iso uns nacen no país equivocado, ou dos pais equivocados. Todo está equivocado.

Porque imaxine que vostede nace nun sitio e séntese doutro. Pois vaia vida crecer nun ambiente hostil, socialmente falando. Mais se te sentes de onde naces, iso, meu Deus, é o mellor do mundo.

Eu non nacín onde quizais se puidera desenvolver esa identidade alternativa de bater as mans mentres escoitas unha música foránea. Eu nacín onde a ninguén lle interesaba que eu me sentira identificada. Víñalles mal esa precaria lembranza dun celme que non é o deles. Por iso si elixín. Anos despois.

Inesquecíbel Petín de Valdeorras e ese encoro ao que por pouco me lanzo pola forza dos meus brazos. Hai lembranzas que non se entenden aínda que se expliquen. O embalse e eu, os dous xuntos pero en lados opostos: eu arriba e el abaixo. Ninguén que non sentira isto o comprende.

E aquela masa de auga que foi o primeiro "meu" que lembro sentir, ese río encorsetado pola presa de formigón armado. Non podo esquecelo. E non quero. Porque ademais aquel día me rebelei por segunda vez. E non foi un berro. Só un "isto non é xusto" tan alto e tan claro que...

Que máis dá en que consistira tal rebelión ou ousadía ou busca innata de xustiza. A cousa rematou ollando eu o meu encoro, o meu río, a miña masa de auga encorsetada e núa. E todo iso era meu. É meu. Porque aínda permanezo a ollar aquel espectro, aquela pantasma, aquela alma que se te vai no ente ollado.

Porque ti es ti, e non outra. E porque as túas lembranzas son túas aínda que tardes tempo en decatarte. Porque o segues a lembrar. Por que non o esqueces? E a resposta é porque aquelo que ves é o que ti es. Nin máis nin menos. Descobres o ser polo ente que nunca deixa de te perseguir pola vida.

E aquel bater de mans mentres escoitas unha música foránea tórnase cada día un pouco menos audíbel, menos real, máis pintoresco, menos auténtico. Porque auténtica es ti, que te identificas con voces e un celme concreto, coa forza dos teus brazos e co río alí abaixo. O mundo ao revés.

E foron pasando os anos e eu seguía a ser aquelo que era e que son. Iso que nunca esqueces, como o fume da lareira, o chourizo afumado e curado en graxa de porco da túa adolescencia en mundos foráneos que en definitiva son tan teus como ti os sintas. E eu sentíaos meus. E non podía esquecelos.

E todo de fronte. Ti resistindo. E despois crece, mais non dá froito. Unha árbore precisa de anos para render e poder ofrecer o que saíu de dentro, moi fondo, de ti mesma. Porque o que das é porque o tes. Non o inventas, non fabulas, non te mentes a ti mesma. Es unha árbore disposta.

04/05/2009

As interminábeis pingas da túa esencia (e II)

Ouvía o teu alento. Notaba un subir e baixar do peito que me facía matinar en dous volcáns xemelgos. Tiña o teu pelo sobre os meus ombreiros, O teu rostro, tan preto do meu, viña envolvido nunha pel suave de muller.

Fermosa -muiñei.

Virouse cara a min. Os nosos rostros uníanse polo nariz -tan achegados estaban. Olloume ela cun aquel apracíbel, repousado. Era a personificación da calma. Queda, os seus beizos formaban, pechados o un sobre o outro, un sorriso de complicidade.

Fermosa -repetín.

Ela ensinaba xa os seus brancos dentes. Ría en silencio, como se lle tocara no fundo desa vaidade tan feminina. Os meus dedos comezaban a recorrer o suco que se formaba arredor da boca, o límite exterior desa carne máis vermella que a branca pel que a rodeaba, e a meixela.

Dime -dixo ela.

Véxote e e teño a impresión de estaren, ti mais eu, no paraíso terreal -engadín. Ti es Eva, a da tentación, e eu son Adán, o feble home tentado pola muller á que adoraba -proseguín.

O meu cabelo está curto para ser Eva -protestou a branca representante da platónica beleza que tiña diante.

Logo queres ser Adán -preguntei eu con entoación afirmativa.

Quero ser area que o mar asolaga coa marea. Quero ser sol que quente a auga onde somerxes o teu corpo, enteiro e espido. Quero ser lúa e me reflectir no iris dos teus ollos. Quero ser...

Calou ela como de súpeto. Xuntou os beizos inferior e superior nun sorriso inquietante. Maxinei que calaba porque non achaba as precisas verbas. Como se sentira máis do que estas expresan. Como se, en definitiva, non houbera metáforas, símbolos, semellanzas, na linguaxe. Como se esta -as estruturas sintácticas e as regras gramaticais, máis o vocabulario- non existira diante do que pasaba polo seu maxín.

Prosegue -pedín con dozura.

O silencio escoitouse durante un momento inacabábel. Meditaba.

Quero ser a saba que te tapa. O alento que inspiras e expiras. O arrecendo que te rodea. Quero que o chan trema cando te vexo. Cando ti me bicas e eu te beixo. Que cando os meus dedos rocen o perfil do teu corpo se asolaguen a terra e sexamos, ti máis eu, os únicos sobreviventes. Que se pare a órbita da Terra sobre si mesma cando o pracer nos achega ó límite do imposíbel. Que deixemos de xirar con forma de elipse arredor do Sol -nós, únicos seres humanos do planeta-, cando dous suman un e non hai matemáticas que expliquen tal feito.

Ollábaa eu con sorpresa. Non sabía que dicirlle, que engadir que ela non tivera expresado. A busca da verba e da expresión axeitada é unha sorte de amor platónico. Como na literatura, no amor deséxase e enxalzas aquilo do que careces. E despois atópaste, entre a néboa, cunha forma semellante. Achégaste a ela con certa présa. Todo semella indicalo. É a metade que me falta -exclamas. Fúndeste nela. Entón é como se dúas pezas perfectamente idénticas encaixaran á primeira. Como dous electróns de signo oposto que se atraen e forman un feixe de enerxía. Como os primeiros raios amarelos do sol que se tornan vermellos, ou cor laranxa, cando nace, entre as dunas do deserto, que son os teus peitos, as túas cadeiras, máis todo o que de redondeado hai no teu corpo.

Facíaseme abondo longo o silencio. Parecía que tamén a ela.

Non teño verbas -díxenlle.

Mmmmm -muiñou ela.

Mudei de actitude. Fíxeno para que non viran os meus ollos certa expresión de tristura que o seu rostro ía collendo. Sempre volvo facer o mesmo, como se alguén superior a min me impedira dicir o que sinto cando o sinto. Non podo facelo -pensei. Mais non podo ficar sen dicir nada! Pena que o que quixera dicir non sexa doado de explicar, porque o gardo para min, para a miña soidade, para cando non esteas.

Es... -pasou un intre eterno. Es pingo de choiva de verán nun terreo seco e ozono que invade o nariz e ergue o espírito ata o ceo. Es... Es río que percorre vales e montañas. Ou glaciar que fai un carreiro inmenso entre espazos imposíbeis. Desembocas no océano onde se atopan esas profundas cavidades, que chaman fosas e son como un cono invertido. Es xeometría onde repouso e acho a felicidade. Es perfecta. Béixame de novo...

30/04/2009

Deica logo, Alecrín

Nesta terra nosa na que moitos e moitas agochan o seu ollar e seguen a camiñar, nunca nos merecimos dispor de Alcreín. A moitos esta verba non lle dirá nada ou pouco, mais eu, que estou sempre a favor de mellorar a sociedade, sei polo menos que Alecrín foi a primeira asociación feminista en Galicia en apoiar e solventar problemas de mulleres.

Claro, as mulleres esas que Alecrín atendía eran prostitutas, mulleres maltratadas. Quen ten realmente interese por rescatar a esas aloucadas que fan do sexo un negocio ou que fan da súa situación persoal de maltratamento ou desamparo unha cuestión mediática? Agora, despois de vinte e cinco anos, ninguén. Porque en Alecrín hoxe é o último día de traballo.

Alecrín pecha as súas portas, e non pola crise global e o despedimento masivo ou as ERE. Estas cousas non afectan tanto a unha asociación. Acontece que se precisan medio millón de euros anuais para mantela. Algo máis de 80 millóns das antigas pesetas. Non moito, se pensamos nas 34 empregadas que sostiñan este labor social sen precedentes en Galicia.

Algúns quizán non perceben que unha acción contundente é necesaria para frear os abusos sobre as mulleres. Pena que non suceda como no conto de Homero, onde o monstro de 7 cabezas volvía reproducilas cada vez que lle cortaban unha delas. Non, non hai sete alecríns nin sete institucións que se ocupen das mulleres en situación de precariedade. Non nesta Galicia que tanto o precisa.

Alecrín é un referente de compromiso social. Moito máis que os voluntarios de tantas e tantas ONGs que hai polo mundo. Alecrín subministraba información e coñecía as técnicas deste traballo tan ingrato. Administraba tamén información que é confidencial, e outra pública, como a que foi necesaria ler e escribir ata acadar o recoñecemento do síndrome de alienación parental.

A quen lle interesa, agás ás propias interesadas, que desapareza esta asociación de extremistas radicais que aportaban unha saída a tantas persoas? A quen lle interesa que morra un dos sinais de identidade da Galicia progresista por mellorábel? Ninguén chora. E iso que esta asociación levaba 25 anos prestando servizo á mesma sociedade que non se altera.






































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































Club da cultura Alecrín
Club de lectura






























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































© Copyright ALECRÍN 2003










Aviso legal para a web