22/07/2009

sobre min

Vai calor e as neuronas non dan para moito. Teño nos miolos a idea de falar desas violacións que tiveron lugar días pasados. Dúas raparigas asaltadas e violadas na súa intimidade -asoballada, intimidada, violentada.

Mais xa digo, non están as calores como para moita intelectualidade. Nin para traxedias. Porque iso de se sentir culpábel dalgo que é responsabilidade allea ten nome de muller.

De mulleres: Ana, Amalia, Antonia, Beatriz, Bea, María, Marta, Violeta... Toda a lista de nomes femininos ten algún/s exemplar/es ferido/s por un macho -que non home- no máis fondo da súa intimidade.

Así que para non lles disgustar con temas de sesuda asimilación, forzada pola actualidade informativa, escribirei sobre min, ese personaxe caricaturesco que pasa por ser eu.

Non é máis interesante a miña persoa que os motivos que levan a depreciar e devalúar mulleres, mesmo a deturpalas e a violentalas, se é que non tamén matalas.

Falarei de min, ese feble mamífero que adopta o papel ou rol de galega en Madrid. A mesma Susana de la Gala a quen lle permiten escribir en Galicia Hoxe.

Escribir, escribín moito na miña vida. Traballos para as materias e para a academia 'sensu strictu', como a tesiña e a tese doutoral. Estas dúas últimas tiveron varios textos antes do definitivo, así que imaxínense a Penélope tecendo e desfacendo o tecido ata que chega Ulises. Ou pouco menos.

Despois xa veu o de escribir en xornais, unha forma de desafogo intelectual á que lle collín agarimo. Teño varias novelas e ensaios sen rematar. Ás veces penso que son autora sen obra, aínda que non é así.

Hoxe dicía o xornal en galego Galicia Hoxe que estos blogues a que se lles dedica o tempo que se pode son non tanto o pasado (van 10 anos de MSN e de blogues por estes días de verán), como do presente e do futuro.

Como unha maneira de ver publicados os teus textos, pensamentos, preferencias e opinións.

E a min xurdiume a necesidade diante da miña ausencia física en Galiza, a miña presencia en Madrid. Logo algo terá que ver Galiza con todo isto no meu caso concreto.

Outros e outras escriben en cambio como se fosen cidadáns ou cidadás do mundo. Ou como técnicos en todos os xeitos posíbeis de sortear os problemas do Windows Vista en foros e demáis andrómenas.

Para min a vida miña, a vida e a nación na que esa foi vivida, son galegas. Como galego segue a ser o meu celme, sempre suave, non sei por que en Galiza non teño case celme e aquí si:-). E galegos son os meus valores. E galegas son as cousas sesudas que penso, escribo, digo.

Así que son galega. E boto de menos a terra. E escribo en galego para non esquecer a fala, pois non teño moito entre o que escoller para falar galego. Abondosos madrileños hai en Madrid aínda que naceran en Galiza. Ese desprezo da terra e do propio seica coexiste cun amor intenso e afervoante a ela. Algo así debe ser a propiedade identitaria "ser galego, ou galega".

Só que eu imaxino que camiño por Compostela, ou por Lugo, Ourense, Ferrol, A Coruña, Fene... E aínda que non nego que non é o mesmo, tampouco unha alucinación por certo como dixo aquel, é o máis intenso que podo facer: pisar o chan desta terra e amar a terra que deixaches como se fora esta na que agora deixas pegada.

Non é unha solución integradora, mais algo hai, porque que me leva o demo imaxinar a fachada barroca da románica catedral compostelá.

Porque se os miolos seguen alá, que importa onde deixen pegada os pés que sosteñen a aqueloutros 'pegados' dalgún xeito -metafórico, por suposto- ao chan.

Faiseme o tempo moi longo con esta calor de xullo. A verdade hoxe moito menos calor ca onte. E así din por chegar aquí, onde as cousas comezan cada vez a seren máis persoais. Será a obra que deixe unha escritora sen obra que é galega e vive en Madrid.

Nenhum comentário:

Postar um comentário