25/05/2009

POR QUE O CONFLITO, POR QUE A GUERRA? UN POUQUIÑO DE ANTROPOLOXÏA PARA QUEN GOSTE DE A LER

Non nos preguntaron se estabamos dispostos/as a aceptaren o mundo que por data de nacemento nos correspondiu vivir. Pensen que a moitas persoas esa omisión lles levou a campamentos onde lles privaron de liberdades e de dereitos -ollen cara á franxa de Gaza e en xeral a Palestina.

Hai unha contradicción na especie humana -ese feble ser espido duplamente sabio. Porque como en canto protestas te dicen que o mundo existía antes de que un/unha nacera e existirá despois de un/unha morrer, pois éche o que hai e acabouse. Suponse que te adaptas como o farías se foras un can ou cadela, por exemplo. Mais non é así.

Diante dese mundo que fabricaron outros/as semellantes a nós, e do que disque non se pode modificar, os seres humanos non se adaptan ao xeito dun can ou dunha cadela, por exemplo; é dicir, obedecendo. Adáptanse mediante as rebelións e as ganas que lles entran de se ceibaren das cadeas que os/as atan.

Nunca un ser humano que vivira rodeado doutros semellantes optou pola submisión absoluta sen interrupcións ao longo de toda súa vida. Pola contra, a submisión leva a moitos e moitas a desexar ceibárense desa situación.

Ese rebelarse pode levarte á ruína. Ao ostracismo. Ou á vitoria. Filósof@s e antropólog@s coinciden en sinalar que a liberdade é intrínseca á toma de conciencia dun/dunha mesmo/a. Que o ensaio e o erro é a norma por mor desa liberdade que xorde de sentírense sos ou soas, desa natureza da nosa intelixencia consciente de si mesma.

É certo que esa toma de conciencia de si mesm@, da existencia e das particularidades propias con respecto a outros semellantes, pode levárenos a nos sentir febles e polo tanto insignificantes membros dun puzzle que outr@s deseñaron. Esta é a orixe do conformismo, máis habitual do que eu mesma son consciente.

En cambio, a historia da humanidade no seu conxunto está chea de feitos senlleiros, de celebracións, que na súa maior parte comezaron por unha rebelión, un soño de liberdade para se reuniren, ou se expresaren, ou se organizaren en sindicatos.

Todo tipo de violencia grupal ou de manifestación colectiva de forza, procede dunha tendencia humana, abondo humana, a que as persoas se rebelen diante das máis variadas circuntancias contra o seu propio grupo social.

Os casos menos conflitivos para a memoria histórica son ese tipo de rebelións contra eses/esas semellantes que teñen outra cultura e outra lingua, ademais doutros costumes. Eses/esas "outros/as" son os/as malos/as da "película" que se conta a posteriori.

Os casos máis conflitivos para a memoria histórica son aqueles que dividen en dúas ou tres partes o grupo social. Habitualmente a rebelión procede dunha sorte de forza centrífuga que xorde, ben do excesivo número de persoas que o integran, ben da excesiva singularidade deses sub-grupos.

Outras veces, esa sub-división do grupo vese forzada por unha insurrección e pola consegunte reacción das forzas de seguridade de que o conxunto da sociedade dispón para a defensa contra eses/esas "outros/as" dos que antes falei. Unhas forzas que non foron adestradas para loitaren contra os propios membros do grupo social.

Porque dende que a humanidade existe se entende que un pobo ou unha cultura ou nación ten dereito a se defender dun atacante esóxeno. Mais cando os/as inimigos/as son irmáns/irmás, ou primos/as, ou parentes ou veciños/as ou... Entón, a loita é vista como irracional, auto-destrutiva como mínimo. Chámaselle insubmisión civil ou tamén guerra civil.

O baixo ou alto nivel de cohesión social do grupo fai doado ou difícil según os casos que estas situacións sociocidas se produzan. O normal debería ser non rebelarse contra a man que te dá de comer. En cambio isto non acontece tantas veces como para ser "normal".

O "normal" é o conflito. En termos históricos, sociolóxicos, antropolóxicos e estatísticos é máis frecuente a guerra que a paz. Procede posiblemente esa tendencia a se enfrontar uns/unhas cos/coas outros/as dun exceso de adrenalina. E dos condicionantes sociais nos que se produce esa rebelión ou loita ou conflito.

Ai, a adrenalina! Cando a vida se desenvolvía nas xunglas e nos bosques, esta substancia era precisa para estar alerta e tentar evitar que outro animal, máis forte, te atacara. As reaccións químicas que se establecen entre neuronas e entre células seica teñen como obxectivo supremo a supervivencia.

Cando como especie nos fumos asentando en lugares axeitados para os nosos esquemas culturais, para as nosas pautas sociais e demais andrómenas, a adrenalina deixou de ser adaptativa e pasou a ser ese grave inconveniente para a vida en comunidade.

Desposuída da súa función para a supervivencia da especie, instalada esta en paraxes onde se puideran sentir seguros, a adrenalina só serve cando estás fóra do teu territorio máis próximo, cando ti estás so ou soa cumplindo algunha función social, como pastorear. Os lobos teñen mala sona precisamente por rondar ovellas, carneiros, e cuxos ou vacas. E o/a pastor/a que atende esas greas tenlles medo: "Que vén o lobo, que vén o lobo..."

Tamén serve a adrenalina para a axudar aos/ás soldados a adestrárense e a tiraren, cando a situación o require, dese valor que se lles supón cando ingresan no exército. Porque exércitos houbo dende antigo, con toda seguridade dende o comezo do neolítico.

Así que esa substancia, inútil para a supervivencia, pasou a ser segregada diante de circunstancias menos arrepiantes que a presenza dun león en posición de atacar a un ser espido sen garras nin afiados colmillos. Pasou a ser segregada diante de feitos diferentes -o medo a ser atacado/a na escuridade, a estar só ou soa lonxe do campamento, á inxustiza flagrante e repetitiva e asoballante...

Deste xeito, cando un feble ser humano sente arrepíos camiñando so ou soa pola noite, ou diante dun conxénere que o/a trata mal, que o/a intimida, entón segrega adrenalina. O proceso é o mesmo, mais as causas son diferentes. Son sociais, non biolóxicas.

Así que o perigo máis habitual nas sociedades sedentarizadas non son os grupos externos a elas, senón os seus membros, ben pola peculiaridade dun suxeito en concreto que incita á rebelión, ben porque un conxunto de xente pensa de diferente xeito.

Pois si señores, o conflito intragrupal é a norma e non a excepción. Esa noción evolucionista de que por definición imos para mellor é doada de desarmar aducindo por que entón non deixa de haber guerras ou cruzadas e secesións manu militari.

Por que non deixa de haber exércitos? Por que non deixa de haber xulgados? Por que non deixa de haber agresións, intimidacións, asasinatos, violacións? Por que non deixa de haber pelexas, berros no medio dunha discusión e un longo etcétera?

Algo máis haberá que a adrenalina que se dispara diante de situacións agresivas ou inxustas ou... E iso algo máis que hai é o que a "civilización" non alentou e non puido evitar: as diferencias de opinión.

As diferencias de opinión son a causa da maior parte dos conflitos que no mundo hai cada minuto, cada segundo. Tentárono todo para que a xente pense igual e non diferente. Exemplos destas tentativas para reducir conflitos son

-as narracións orais, que subministran identidade e polo tanto sentimento de cohesión social;

-as normas de educación, como tapar a boca se comendo se abre para falar e outras andrómenas que hoxe consideramos tan básicas e que todas as sociedades teñen, mesmo as que non consideramos "civilizadas".

Neste eido hai moita disparidade de opinóns, pois en occidente está mal visto eructar despois de xantar, mentres que nos países musulmáns cómpre facelo para demostrar ao anfitrión/anfitrioa que o xantar lle sentou ben e que quedou mesmo farto/a de comer por mor de non rechazar a súa hospitalidade. Isto forma parte do que se chama "relativismo cultural";

-o ensino regrado. Se alguén que isto le viu a película "The Wall", o muro, fica claro que "we don't need no more education, we don't need no more control..." A educación tal como se entende a comezos do século XXI serve aos fins de homoxeneizar á poboación.

Ningún das técnicas que aplicou un grupo social calquera para tentar evitar conflitos tivo un éxito rotundo. Dicía Marvin Harris que só se prohibe o que se practica. Eu penso que moitas veces dá máis gana facer o prohibido que o permitido.

Que eu pense isto ou aqueloutro carece de importancia. O feito é que existen as mafias de trata de brancas, ou orientais, ou africanas, que están prohibidas. Que existe o contrabando, tamén prohibido, por máis que puxeran "fielatos" ou aduanas, tanto me dá.

Así que a insensata compra-venda de mercadorías polas que se terían que pagar impostos, ou que está prohibido vender e polo tanto mercar, son outra orixe de conflitos na sociedade civilizada onde vivimos.

Poderíamos preguntárenos por que existen as fronteiras, as aduanas, os impostos, as excepcións a esa tendencia social que é intercambiar mercadorías (o troco), ou cedelas por unha cantidade de metal (moeda), ou mesmo por un pagaré do estado (os billetes que levamos na carteira en menos cantidade da que quixéramos).

Todos eses límites proceden da territorialidade como elemento instintivo da especie e dos seus membros. Dun algo biolóxico. Mais tamén da existencia dun estado centralizado.

Do xurdimento deste fenómeno -a aparición dos estados- no pasado remoto (os imperios) e no seu desenvolvemento na historia universal falarei noutro post. Por hoxe xa enchín a paciencia do/a máis entusiasta lector ou lectora. Ata outra...

Post scriptum: tento sempre respectar o ideal dunha linguaxe non sexista. Lean a miña tese de licenciatura (1989). Os "os/as" dificultan tanto a lectura que ninguén que lera ese documento sabe de que se está a falar. Outras veces unha escribe sabendo, asumindo, que o patriarcado non rematou e por iso a súa man teclea unha expresión en masculino, que soa mellor pola forza do costume.

A linguaxe non sexista é pouco doado de practicar nas linguas románicas por mor da existencia de dous xéneros gramaticais. A lingua inglesa, negando esa diferenza, impide incurrir na linguaxe sexista. Tentei con todas as miñas forzas eliminar esta. Mais son humana e polo tanto imperfecta. O mesmo digo con respecto á lingua galega, na que ás veces cometo erros de vulto. Éche así.

Nenhum comentário:

Postar um comentário