04/05/2009

As interminábeis pingas da túa esencia (e II)

Ouvía o teu alento. Notaba un subir e baixar do peito que me facía matinar en dous volcáns xemelgos. Tiña o teu pelo sobre os meus ombreiros, O teu rostro, tan preto do meu, viña envolvido nunha pel suave de muller.

Fermosa -muiñei.

Virouse cara a min. Os nosos rostros uníanse polo nariz -tan achegados estaban. Olloume ela cun aquel apracíbel, repousado. Era a personificación da calma. Queda, os seus beizos formaban, pechados o un sobre o outro, un sorriso de complicidade.

Fermosa -repetín.

Ela ensinaba xa os seus brancos dentes. Ría en silencio, como se lle tocara no fundo desa vaidade tan feminina. Os meus dedos comezaban a recorrer o suco que se formaba arredor da boca, o límite exterior desa carne máis vermella que a branca pel que a rodeaba, e a meixela.

Dime -dixo ela.

Véxote e e teño a impresión de estaren, ti mais eu, no paraíso terreal -engadín. Ti es Eva, a da tentación, e eu son Adán, o feble home tentado pola muller á que adoraba -proseguín.

O meu cabelo está curto para ser Eva -protestou a branca representante da platónica beleza que tiña diante.

Logo queres ser Adán -preguntei eu con entoación afirmativa.

Quero ser area que o mar asolaga coa marea. Quero ser sol que quente a auga onde somerxes o teu corpo, enteiro e espido. Quero ser lúa e me reflectir no iris dos teus ollos. Quero ser...

Calou ela como de súpeto. Xuntou os beizos inferior e superior nun sorriso inquietante. Maxinei que calaba porque non achaba as precisas verbas. Como se sentira máis do que estas expresan. Como se, en definitiva, non houbera metáforas, símbolos, semellanzas, na linguaxe. Como se esta -as estruturas sintácticas e as regras gramaticais, máis o vocabulario- non existira diante do que pasaba polo seu maxín.

Prosegue -pedín con dozura.

O silencio escoitouse durante un momento inacabábel. Meditaba.

Quero ser a saba que te tapa. O alento que inspiras e expiras. O arrecendo que te rodea. Quero que o chan trema cando te vexo. Cando ti me bicas e eu te beixo. Que cando os meus dedos rocen o perfil do teu corpo se asolaguen a terra e sexamos, ti máis eu, os únicos sobreviventes. Que se pare a órbita da Terra sobre si mesma cando o pracer nos achega ó límite do imposíbel. Que deixemos de xirar con forma de elipse arredor do Sol -nós, únicos seres humanos do planeta-, cando dous suman un e non hai matemáticas que expliquen tal feito.

Ollábaa eu con sorpresa. Non sabía que dicirlle, que engadir que ela non tivera expresado. A busca da verba e da expresión axeitada é unha sorte de amor platónico. Como na literatura, no amor deséxase e enxalzas aquilo do que careces. E despois atópaste, entre a néboa, cunha forma semellante. Achégaste a ela con certa présa. Todo semella indicalo. É a metade que me falta -exclamas. Fúndeste nela. Entón é como se dúas pezas perfectamente idénticas encaixaran á primeira. Como dous electróns de signo oposto que se atraen e forman un feixe de enerxía. Como os primeiros raios amarelos do sol que se tornan vermellos, ou cor laranxa, cando nace, entre as dunas do deserto, que son os teus peitos, as túas cadeiras, máis todo o que de redondeado hai no teu corpo.

Facíaseme abondo longo o silencio. Parecía que tamén a ela.

Non teño verbas -díxenlle.

Mmmmm -muiñou ela.

Mudei de actitude. Fíxeno para que non viran os meus ollos certa expresión de tristura que o seu rostro ía collendo. Sempre volvo facer o mesmo, como se alguén superior a min me impedira dicir o que sinto cando o sinto. Non podo facelo -pensei. Mais non podo ficar sen dicir nada! Pena que o que quixera dicir non sexa doado de explicar, porque o gardo para min, para a miña soidade, para cando non esteas.

Es... -pasou un intre eterno. Es pingo de choiva de verán nun terreo seco e ozono que invade o nariz e ergue o espírito ata o ceo. Es... Es río que percorre vales e montañas. Ou glaciar que fai un carreiro inmenso entre espazos imposíbeis. Desembocas no océano onde se atopan esas profundas cavidades, que chaman fosas e son como un cono invertido. Es xeometría onde repouso e acho a felicidade. Es perfecta. Béixame de novo...

Nenhum comentário:

Postar um comentário