15/03/2009
QUIN E A REALIDADE
Dende onte ás 3 do serán cando o vin na televisión teño unha estraña sensación, que non podería explicar aínda que quixera. Non escribín onte disto porque tería escrito sobre esa sensación. E me afundín na novela que estou lendo.
Hoxe non vou escribir moito da dimisión de toda a executiva e do seu lider. Porque eu a Quin o vexo ben: talante, boa persona (e digo isto porque dá a impresión ás veces de que é un chisco naïf), entre outros valores.
Certo que Quin cambiou a estrutura do Bloque e que eu non vin isto o que se di moi ben de boas a primeiras. Despois dun tempo pensei que era máis doado de xestionar o partido así. Que había que evolucionar e que a resposta estaba en Quin.
Unha inconformista coma min apoiando ó que algúns no partido ven como o un dos "sapos" desta historia! Eu respecto a liberdade de expresión, sobre todo porque moitas veces paguei caro exercer este dereito.
De feito, hai dúas liberdades ó meu entender que son sistemáticamente negadas á maioría, que teñen só uns poucos nesta a nosa democracia constitucional. E istos son a liberdade de expresión e a liberdade de cátedra. Esta última porque o departamento, a facultade ou os compañeiros eses que tantos disgustos dan poden facela moi pouco doada de exercer e moi duro apandar coas consecuencias.
Miña cadela pide insistentemente ir mexar e xa saben que máis. Quero rematar cunha aperta grande a Quin e cun agradecemento que vai máis aló da inxenunidade e do conformismo.
Unha aperta e un agradecemento para Quin, que pasará á Historia como o primeiro nacionalista que gobernou Galicia. E logo outros dirán: "Si, o primeiro en gobernar, mais en coalición, que o primeiro nacionalista que gobernou Galicia foi tal outro".
De momento este é o cumio. Outras veces obtivemos máis votos mais non gobernamos.
Alguén entende por que veñen a non os votos dos descontentos e non os votos dos entusiastas? Pois que mo explique.
Teño a hipótese de que esta perda de votos foi porque algúns dos descontentos, ou non foron votar, ou votaron IU.
Ou votaron socialista. Porque en Galicia a tallada a saca o PP, por caciques, e votar socialista, tamén caciques, dá moito espírito de paz interior. Interpreten cadaquen da súa maneira isto dos socialistas.
Nós de momento recibimos o voto dos descontentos, como IU.
07/03/2009
GALICIA CANÍBAL
Pois iso, vexan http://www.youtube.com/watch?v=t4SKE2cLuFs. Logo farei unha escolma de cousas que se ven e se oen, e se entenden, no vídeo. Por certo, vin Os Resentidos en directo vivindo en Ourense, supoño que polo 84-85, digo eu. Que tempos! Se non chegan existir Os Resentidos terían que inventalos...
Emigración. Procesións, relixiosas, e esa longa sombra de pedra do xeneral. A botadura dun iate deste. O apóstolo, o botafumeiro. Máis Franco, máis procesións, máis relixiosas. O absurdo da busca. Touros. Discursos silenciados. Gafas de sol (para non ver, non porque haxa sol). Muiñeiras. Moda galega. Vellos. A matanza do porco. Bandeira. Presidente. Tradicións. Doa os teus riles. Fai un sol de carallo (aínda que nin se vexa 300 días ó ano). A catedral compostelá estoupa.
A nosa Galicia xa tivo tempos peores. Do absurdo do exilio chamado emigración, ó absurdo de tanta longa noite de pedra, que aínda non rematou. Os gobernos de González Laxe en minoría e de Touriño (con Anxo Quintana) foron só acougos, uns intres para tomar alento e seguir debaixo dos que mandan. Por iso comémonos a nós mesmos.
Galicia é caníbal porque a metade do censo quere que sigan a mexar por riba de nós.
Que dúas metades máis diferentes! Hai, parafraseando a Machado, dúas Galicias: a que enterra os seus mortos e a que os saca do cadaleito. Quen saiba entender que entenda.
24/02/2009
A ARTE DE DIMITIR
A dimisión do ministro de Xustiza ten algo de arte, pois non todas as dimisións do mundo teñen mensaxes tan xenerosas para quen lle aceptou a dimisión. As hai que inciden nos motivos egoístas que levaron a un a deixar o posto. Mais esta é das do tipo altruísta, a menos frecuente.
A Mariano Fernández Bermejo estábaselle a desgastar o nome. Un nome longo ata chegar ó apelido máis distintivo, ese que todos usamos. Estaba o probe do home en todas as novas que foron chegando ás redaccións dos xornais dende hai varias semanas, coincidindo coas pre-campañas e as campañas galega e vasca.
Alguén dirá que non ten nada de probe un servidor público -eufemismo que prefiren os británicos, mesmo para os funcionarios no exercicio do seu posto-, que caza de gorra, ou sexa, gratis. Ou que paga un terzo do que se pide por abater unha peza por iso de que a un ministro se lle fai un desconto e santas Pascuas.
Isto da montería de Bermejo está dando xogo ós xornais da dereita incorrupta. Digo incorrupta porque este PP de Rajoy está morto como José Antonio, non porque non sexa suxeito de casos de corrupción. Hai quen di que isto pásalle por cazar corzos, especie á que pertence Bambi, que é o alcume conservador do presidente do goberno. E se non me cren lean, cito do ABC edición dixital:
"A suma de anomalías derivada do seu apego combinado á xesta e a Garzón precipitou a dimisión do ministro, forzada polo propio presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero. Bermejo, metade xurista metade vate, debe ser capaz de admitir que existe algo de xustiza poética no feito de que o descabello (sic) por matar veados se llo dera o propio Bambi." http://www.abc.es/20090224/nacional-tribunales/diario-cazadores-20090224.html
Pois cría eu que as dimisións eran todas honrosas, que hai quen pega o cu na cadeira e non o levanta ninguén. Non diría eu que hai xustiza poética nunha dimisión dun ministro de Xustiza. Sobra tanto xogo de verbas e falta o motivo real que empurrou o ínclito á dimisión.
En política, como en física, existen factores precipitantes e factores realmente importantes. Ata o The New York Times confunde o motivo da dimisión de Bermejo cando afirma que a montería transmitía a imaxe de que o goberno socialista e o poder xudicial están abondo preto. Vaia, que é unha cuestión de límites. Ver o breve texto en http://www.nytimes.com/2009/02/24/world/europe/24briefs-JUSTICEMINIS_BRF.html?_r=1&ref=world
Ó meu xuízo, un feito illado non precipita un cambio de ministro se non hai substancias altamente explosivas. Non hai detonación se non hai mecha e se esta non se prende, pero menos se falta a dinamita. O explosivo foi o desencontro coas persoas que integran a administración de Xustiza. A mecha e o lume púxoos a dereita.
Porque estou de acordo con Bermejo en que a idea da montería foi pouco "apropiada". E non deixaría de ser unha anécdota se o agora ex-ministro tivera máis man esquerda cos xuíces, por exemplo. Eses si que son pezas maiores e non o cinco xabaríns que o ministro e o xuíz Garzón cearon aquel domingo despois da caza!
Foi pouco "apropiada" porque coincidiu con precampaña e campaña electoral, que é cando os depredadores afían as uñas para despezar, no canto de convencer e ilusionar, polo menos o PP.
Que as eleccións non sexan xerais non desmerece. En Galicia e no País Vasco, os socialistas están preocupados. No noroeste galaico porque poden perder algúns escanos e porque unha alta abstención, polo demais habitual, provocaría case automaticamente que gobernara o PPdG. No territorio vasco, porque ganar en minoría faría imposible gobernar sen o apoio no parlamento do PNV. Alguén escribiu nun xornal conservador que o PSdeE quere perder porque non pode pactar.
Dende unha perspectiva máis global, BBC News di que "as eleccións rexionais serán un importante test para o goberno, con España agora en recesión e coa taxa de desemprego máis alta da Unión Europea. Para o Partido Popular, a caída do ministro ofrece algún acougo do que foi unha dieta diaria de acusacións de corrupción contra cargos electos e os seus socios comerciais, principalmente en Madrid e Valencia." Ver http://news.bbc.co.uk/2/hi/europe/7905830.stm
Pois iso, que os casos de corrupción que tanto está a preocupar no PP están a facer moi dura esta campaña electoral. E así transforman cacerías en cuestións políticas e de talante e ter convidados ilustres no teu coto de caza en favoritismo co ministro de Xustiza. Porque se Bermejo fora ministro de Facenda eu convidábao polo meu interese, pero Xustiza é cousa de fiscais e xuíces, que en nada me benefician.
Non lembraba unhas eleccións tan porcas, tan de pouca clase, tan bravas.
Entre o PP, que xoga a ser o león da Metro Goldwyn Mayer, e o PSOE, que xoga ó axedrez pondo a un galego como novo ministro -e van catro-, e sacando partido de ter negociado con ETA porque un xuíz non admitiu a querela presentada pola dereita, e que acepta polbo como animal de compañía porque os xuíces están cabreados, aquí os únicos que sacan peito son Quintana e Ibarretxe, convertido en Spock, o da serie galáctica.
Por certo, moi boa a intervención de Quintana en Cuatro con Iñaki Gabilondo. Non me perdo estes tres días seguintes as entrevistas dende o País Vasco.