24/02/2009

A ARTE DE DIMITIR

A dimisión do ministro de Xustiza ten algo de arte, pois non todas as dimisións do mundo teñen mensaxes tan xenerosas para quen lle aceptou a dimisión. As hai que inciden nos motivos egoístas que levaron a un a deixar o posto. Mais esta é das do tipo altruísta, a menos frecuente.

A Mariano Fernández Bermejo estábaselle a desgastar o nome. Un nome longo ata chegar ó apelido máis distintivo, ese que todos usamos. Estaba o probe do home en todas as novas que foron chegando ás redaccións dos xornais dende hai varias semanas, coincidindo coas pre-campañas e as campañas galega e vasca.

Alguén dirá que non ten nada de probe un servidor público -eufemismo que prefiren os británicos, mesmo para os funcionarios no exercicio do seu posto-, que caza de gorra, ou sexa, gratis. Ou que paga un terzo do que se pide por abater unha peza por iso de que a un ministro se lle fai un desconto e santas Pascuas.

Isto da montería de Bermejo está dando xogo ós xornais da dereita incorrupta. Digo incorrupta porque este PP de Rajoy está morto como José Antonio, non porque non sexa suxeito de casos de corrupción. Hai quen di que isto pásalle por cazar corzos, especie á que pertence Bambi, que é o alcume conservador do presidente do goberno. E se non me cren lean, cito do ABC edición dixital:

"A suma de anomalías derivada do seu apego combinado á xesta e a Garzón precipitou a dimisión do ministro, forzada polo propio presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero. Bermejo, metade xurista metade vate, debe ser capaz de admitir que existe algo de xustiza poética no feito de que o descabello (sic) por matar veados se llo dera o propio Bambi." http://www.abc.es/20090224/nacional-tribunales/diario-cazadores-20090224.html

Pois cría eu que as dimisións eran todas honrosas, que hai quen pega o cu na cadeira e non o levanta ninguén. Non diría eu que hai xustiza poética nunha dimisión dun ministro de Xustiza. Sobra tanto xogo de verbas e falta o motivo real que empurrou o ínclito á dimisión.

En política, como en física, existen factores precipitantes e factores realmente importantes. Ata o The New York Times confunde o motivo da dimisión de Bermejo cando afirma que a montería transmitía a imaxe de que o goberno socialista e o poder xudicial están abondo preto. Vaia, que é unha cuestión de límites. Ver o breve texto en http://www.nytimes.com/2009/02/24/world/europe/24briefs-JUSTICEMINIS_BRF.html?_r=1&ref=world

Ó meu xuízo, un feito illado non precipita un cambio de ministro se non hai substancias altamente explosivas. Non hai detonación se non hai mecha e se esta non se prende, pero menos se falta a dinamita. O explosivo foi o desencontro coas persoas que integran a administración de Xustiza. A mecha e o lume púxoos a dereita.

Porque estou de acordo con Bermejo en que a idea da montería foi pouco "apropiada". E non deixaría de ser unha anécdota se o agora ex-ministro tivera máis man esquerda cos xuíces, por exemplo. Eses si que son pezas maiores e non o cinco xabaríns que o ministro e o xuíz Garzón cearon aquel domingo despois da caza!

Foi pouco "apropiada" porque coincidiu con precampaña e campaña electoral, que é cando os depredadores afían as uñas para despezar, no canto de convencer e ilusionar, polo menos o PP.

Que as eleccións non sexan xerais non desmerece. En Galicia e no País Vasco, os socialistas están preocupados. No noroeste galaico porque poden perder algúns escanos e porque unha alta abstención, polo demais habitual, provocaría case automaticamente que gobernara o PPdG. No territorio vasco, porque ganar en minoría faría imposible gobernar sen o apoio no parlamento do PNV. Alguén escribiu nun xornal conservador que o PSdeE quere perder porque non pode pactar.

Dende unha perspectiva máis global, BBC News di que "as eleccións rexionais serán un importante test para o goberno, con España agora en recesión e coa taxa de desemprego máis alta da Unión Europea. Para o Partido Popular, a caída do ministro ofrece algún acougo do que foi unha dieta diaria de acusacións de corrupción contra cargos electos e os seus socios comerciais, principalmente en Madrid e Valencia." Ver http://news.bbc.co.uk/2/hi/europe/7905830.stm

Pois iso, que os casos de corrupción que tanto está a preocupar no PP están a facer moi dura esta campaña electoral. E así transforman cacerías en cuestións políticas e de talante e ter convidados ilustres no teu coto de caza en favoritismo co ministro de Xustiza. Porque se Bermejo fora ministro de Facenda eu convidábao polo meu interese, pero Xustiza é cousa de fiscais e xuíces, que en nada me benefician.

Non lembraba unhas eleccións tan porcas, tan de pouca clase, tan bravas.

Entre o PP, que xoga a ser o león da Metro Goldwyn Mayer, e o PSOE, que xoga ó axedrez pondo a un galego como novo ministro -e van catro-, e sacando partido de ter negociado con ETA porque un xuíz non admitiu a querela presentada pola dereita, e que acepta polbo como animal de compañía porque os xuíces están cabreados, aquí os únicos que sacan peito son Quintana e Ibarretxe, convertido en Spock, o da serie galáctica.

Por certo, moi boa a intervención de Quintana en Cuatro con Iñaki Gabilondo. Non me perdo estes tres días seguintes as entrevistas dende o País Vasco.

Nenhum comentário:

Postar um comentário