26/02/2009

Máis leña! Isto é a guerra! (Groucho Marx)

A moitos e moitas xa nos parecía, dende primeiros de xaneiro, que a actualidade política tornábase máis cruenta, máis dramática e máis negativa. Nesta entrada de hoxe farei unha versión moi miña dos feitos -miña porque tanta e tanta xente mo pode discutir.

Ían pasando os días e case todas as asociacións de xuíces decidían algún tipo de folga para o 18 de febreiro. As pre-campañas galegas e vascas xa comezaran. O poder xudicial será independente do poder lexislativo e executivo, mais os xuíces son, visto o visto, máis sensíbeis cando se achegan eleccións.

Quen non é independente do poder xudicial é o executivo, que precisa daquel para levar a bo porto iniciativas destinadas, hipoteticamente, a beneficiar a todos e todas. E así veu a ilegalización de xa non me lembro que siglas. Non polas ideas, dinnos, senón polas persoas. A isto chamábase na era MacArthur "caza de meigas".

Non sei en que momento preciso deste proceso soubemos que as eleccións vascas ían coincidir coas galegas, e o mundo enteiro, o orbe e as estrelas do firmamento tremeron.

Non era para menos: se o PSdeG non desexaba contaxiarse da Economic Crisis Flu, o BNG anticipaba unha interferencia que non se produciu entre os problemas do País Vasco e as circunstancias de Galicia. Quen ía dicir entón que quen máis leña botaría ó lume ía ser o PP. Ou quizais era previsíbel.

O partido de Rajoy viña ilustrándonos coa súa vida privada, léase coas liortas polo poder, pola influencia e polo ideario, que tamén.

Non é estraño que as persoas que non teñen medo de dar a súa opinión sexan máis tarde obxecto de escrutinio. Ou de falsas acusacións. Ou que lle devolvan o mal karma que meteu no corpo a outros, porque é a natureza das cousas volver a onde partiron.

O anterior parágrafo ven a que Esperanza Aguirre, muller valorosa e coas ideas claras, tiña por todas esas razóns que atopar problemas neste ambiente pre-electoral. De momento non se sabe se coñecía irregularidades cometidas por cargos do seu partido. Nin probablemente tiña por que coñecelas. Non así Rajoy.

Cando se difundiu que se estaban a investigar casos de corrupción e que estes estaban vinculados ó PP, todo o mundo ollou cara a Esperanza Aguirre. Tanto Rajoy como El País tíñana no seu punto de mira. Quizais o mereza ou quizais non. O mundo é máis inxusto coas mulleres, ou iso penso.

Non é a miña intención desculpar ó PP de nada que os seus membros fixeran. Só pretendo expor que Esperanza Aguirre non pode ser tan mala como a pintan, aínda que en Madrid moitos e moitas din que aínda é peor. Digo isto porque as irregularidades de cargos do PP, que están distribuídas por todo o estado, non sempre dependen da vixilancia da comunidade autónoma. Mesmo poderían ser competencia da Deputación, caso dos concellos afectados.

Se falamos doutros tipos de cargos que non sexan alcaldes, entón existen dúas posibilidades: que sexan aforados, ou que non o sexan. No primeiro caso precísase do Tribunal Supremo para podelos procesar, que será onde rematarán as tribulacións de Garzón, xuíz instrutor da trama de corrupción. No segundo caso están o cese que Esperanza Aguirre e Gallardón tiveron que facer nas súas respectivas equipas.

Atacado o PP en pre-campaña, Esperanza Aguirre tivo que proceder como o faría o máis pintado no mesmo caso. Adiando.

O que me sorprende é que nos sorprendamos por tal estratexia dilatoria. E non tanto porque se pretenda tapar o asunto, senón porque os farrapos sucios que se sacan en campaña deslocen máis e custan máis caros. Porque será liberal ou non, mais Esperanza é afiliada ó PP e como tal ten unhas obrigas estatutarias. Ou non?

De "merda do PP" foi como onte á noite cualificou Wyoming -xa saben, o de LaSexta- os devanditos casos de corrupción. O cómico, limpacristais en man, pretendía limpar a “merda” do plató para que non se meteran con el e coa cadea. Deste xeito estaba a reflectir que quen ataca ó PP é logo obxecto dos seus ataques.

Coa actitude do PP de enlodar ós demais, o único que se demostra é o que di o refrán castelán: "charco encenagado quiere encienagar a cien". Descoñezo se este dito ten versión galega. Quen lea este blog pode dicirme cal é.

E así temos ó PP a atacar como xeito de se defender. E así os seus votantes, enchidos de fervor popular, non reparan nos casos de corrupción.

Señoras e señores, isto é a guerra!

Nenhum comentário:

Postar um comentário