28/02/2009

ESTOU MALLADA! NON ME PIDADES MOITO MÁIS, OU MELLOR, DO QUE ESCRIBO HOXE

Meu corpo ten a impresión de que percorrera os 7.000 km. que fixo Rajoy na nosa terra polas eleccións galegas. Non sei se me entendedes: levo 14 días de campaña e algúns máis de mobilización, que comezou antes do Nadal. Mesmo fixen proselitismo cuns veciños galegos que teño aquí en Madrid, cos que falo evidentemente en galego, e que non votan nestas autonómicas porque están censados, coma min hai uns días, neste o noso distrito da capital.

Meu corpo creo eu que pensa de seu. Diríase que sabe o que vai sufrir o domingo electoral. Sabe tamén que os ollos que lle permiten pasear polas rúas sen caer ou dar cunha parede están choscos de tanto ler as novas e tamén, por que non, de escribir neste blog. E tomou decisións que non son miñas, como llelo explicaría eu. Decidiu de seu, como o 1 de marzal vai facer o pobo galego. Malia todo, aquí está a miña cabeza, pois dela para abaixo non hai nada que ofrecer, porque non sinto o corpo, repito.

Lendo estaba o xornal El Pais cando vin unha nova sobre Suárez, non o excelente conselleiro de Medio Rural que tivemos catro anos, senón aquel Suárez da miña puberdade impúdica (eran tempos de transición, como llelo explico ós que teñen menos de 35 anos, ou de 40, porque eu fun abondo precoz. E impúdica, como o atento lector sabe, non significa nada de tipo sexual, senón falta de pudor, en todos os sensos desta verba). Pois iso, que Suárez o da Transición saíu en El País. E aquí estou para botar unhas bágoas por un home que non lembra ter sido presidente do goberno.

Cousas da vida!

Mañana 1 de marzal non só son as eleccións vascas e galegas. É tamén o cabodano das primeiras eleccións parlamentarias despois da aprobación da constitución. Así que, botando contas, mañana é unha dupla festa da democracia: primeiro, porque se vota; segundo, porque se conmemora que hai trinta anos que votamos amparados pola Constitución, que está moi vella para a súa idade mais que de algo serve ós que se poden pagar bos avogados -e a todos e todas sobre o papel.

Suárez. Dicíase del que era guapo. Para a época non digo que non, aínda que non é o meu tipo. Tampouco Felipe González, aínda que o da época clandestina tiña o seu morbo. E menos Carrillo, que era xa vello cando o vin con perruca na tv en branco e negro e que agora é un museo ambulante, abondas lembranzas para un só home (incrible home, por certo).

Daquela, en Galicia os candidatos nosos eran todos feos e caciques. Case todos, porque andaban por aí Beiras e Camilo. Do primeiro, que algo terá de león porque disque vai formar un novo partido, vaia, que é o rei desta xungla nosa e do mellorciño e máis auténtico que hai, pois que queren que lles diga. Camilo, ai Camilo, por que non naciches un pouco despois para compartir guitarra e "Libertad, Libertad, sin ira libertad" debaixo daqueles árbores da miña puberdade impúdica. Non o digo por iso do sexo, que eu daquela non sabería nin definilo, senón porque aínda semellas un deses irmáns maiores que todos tivemos ou admiramos -os das nosas amigas. Terías sido ben aceptado no grupo, iso pódocho asegurar, aínda que pasaron moitos anos sen nos veren de novo. Todo o cal dígoo co maior dos respectos.

Pois nada, que é o 30 cabodano da democracia constitucional e teño saudade da terra. Ide votar.

POSTESCRIPTUM (o7-03-09): FOI PEOR QUE VOTARAN MAÍS. NUNCA SE SABERÁ QUE TERÍA PASADO SE TIVERA VOTADO O 100%.

QUE PENSA ESE 30% QUE NON PUIDO OU NON QUIXO IR VOTAR?

HAI DÚAS METADES EN GALICIA?

HAI DÚAS GALICIAS?

Nenhum comentário:

Postar um comentário