19/02/2009

NON HAI DEBATE

Sábese dende onte ás 6 do serán que non haberá debate a tres. Nin tampouco o que propoñía o líder do PPdeG, debater con Touriño e Quintana por separado, de xeito que habería dous debates, tendo ambos os dous como único "repetidor" a Núñez Feijóo. A proposta de Feijóo si sería sacarlle vantaxe a unha polémica longamente anunciada.

Disque o líder dos populares galegos pensa que entre Touriño e Quintana hai un pacto de non agresión. A nova transcendeu ós medios estatais o martes pasado. Pero home, se houbese debate a tres, e os seus dous opoñentes actuaran como un, o espectáculo sería lamentábel e ofendería a intelixencia da audiencia!

Sucede, Sr. Nuñez Feijóo, que nesta a nosa terra hai dous tipos de votantes: os que queren que goberne o seu partido, e os que non o queren. Niso é o único no que están de acordo Touriño e Quintana.

Ben se nota que o presidente atura como pode ao vice. Vexa de novo as imaxes de cando dixo que non adiantaría as eleccións a outono, pois seica tiña un pacto con Quintana para Marzal. E para min que as quería canto antes, non fora ser que chegaran os datos económicos que xa coñecemos e se contaxiara da gripe de Ferraz.

Economic Crisis Flu, así debería chamarse o contaxio entre os PSOE autonómicos da mala opinión que os españois teñen de Zapatero despois de que esperase a recoñecer a crise económica ata que non puido agochalo máis. O PSOE está tocado, aínda que non menos que o PP.

Porque non me diga que non ten medo de contaxiarse dos casos de espionaxe e corrupción que se atribúen a membros aínda non identificados do seu partido. Outro que non quere sufrir os problemas de Madrid. O film protagonizado polo seu partido nos últimos anos, dende a etapa de Aznar, chamaríase 007 licenza para todo.

Así pois, covardía. Sabe vostede, como sei eu, que eses/esas dóciles labregos/as que temen perder facendas, aínda que non vidas, se non votan ó PPdeG, ollan con interese na televisión ós políticos galegos.

As intervencións de Pita e de Beiras no parlamento galego, as de de Fraga tamén, facían que deixaran as tarefas agrícolas para velas. E eses críticos cidadáns que aínda teñen baixo o seu xugo ían ver cos seus propios ollos que nin lle chega ós ombreiros a Fraga, nin a Pita ou a Beiras, nin a Touriño, nin a Quintana.

Mellor faría loitando ata a fin como un heroe moderno, na tarima dos oradores, coas armas da verba e da expresión -o xesto, a empatía- que ficando no seu castelo

Non é de estrañar que non quera debate a tres, pois o seu é o mesmo estilo que o de Rajoy: calar cando non pode falar, e falar, por riba con pouca dicción, cando pode falar. E así nunca sabemos o que vostedes din.

Vaia, iso de "membros aínda non identificados do seu partido" vai durar pouco. Lean o que se publicou esta mesma mañá:
http://www.cadenaser.com/espana/articulo/fiscalia-implica-francisco-camps-trama/csrcsrpor/20090219csrcsrnac_1/Tes

Nenhum comentário:

Postar um comentário