23/02/2009

AND THE WINNER IS... PE... PENÉLOPE CRUZ, DE ALCOBENDAS (COMUNIDADE AUTÓNOMA DE MADRID)

A estas horas, Pe estará xa a rematar de celebrar o seu Oscar. O máis salientábel deste feito é algo absolutamente inmaterial: que Pe tivo que crer que o acadaría para podelo obter. E así sucédenos a todos, que só polo feito de crer en nós mesmos dun xeito continuado podemos ver os nosos soños feitos realidade, polo menos en parte.

A información básica sobre a vitoria de Pe e o vídeo onde se ven os agradecementos eran xa moi cedo pola mañá o número 1 e 2 entre os artigos máis vistos do xornal El Pais na súa edición dixital: http://www.elpais.com/articulo/cultura/Oscar/corona/sueno/elpepucul/20090223elpepucul_1/Tes. Aquí veredes tamén o vídeo.

E sucede que, botando un ollo entre os artigos máis valorados na lista que aparece na web deste xornal atopei, no posto 10, un artigo deses que moitos pasarían por alto. Chámase "Deus habita no cerebro". E reprodúzoo para relacionalo coa vitoria de Pe: http://www.elpais.com/articulo/sociedad/Dios/habita/cerebro/elpepisoc/20090223elpepisoc_1/Tes.

Señores, a metafísica xa non ten razón de ser. Nin a socioloxía comparada das relixións, nin a teoloxía. Lin neste artigo que os homes imaxinan a Deus con calidades antropomorfas (tentamos "motivalo" a facérenos un favor, por exemplo). E que aos seres humanos cústalles pouco crer en Deus -moita menos reflexión que non crer nel. Ou sexa, que somos uns crédulos.

Pois a min paréceme ben ser crédula. Esa rapaza de Alcobendas, que vía a cerimonia dos Oscar na noite pechada e soñaba con gañar un deles, non o tería acadado sen non chega a imaxinalo primeiro. Eu imaxinei un día que escribía un blog serio en galego e aquí estou.

Hai soños e soños. Alcobendas era, cando Pe naceu, un pobo -pobo grande mais pobo, vidi infra- onde comezaban a vivir os máis ricos entre os ricos, pois "La Moraleja" pertence a este termo municipal.

Así que a nena que soñaba con ser actriz de éxito tiña exemplos viventes do seu ideal non moi lonxe dela.

Viven neste barrio de Alcobendas quen queren respirar o aire da serra de Guadarrama sen estar no monte, quen desexan certo anonimato do que non gozan na capital, e quen en definitiva poden pagar os altos prezos do chan que rexen neste concello.

Que para estar preto do monte teñan que investir tantos cartos deixa a Madrid á altura dun pobo calquera, aldea ou tribo do mundo, onde os rumores acalan as virtudes destes triunfadores.

E así é en definitiva a Gran Mazá: unha cidade provinciana latexa en cada grupo de coñecidos, aínda que isto non rexa para os inmigrantes estranxeiros recentes, que se ven perdidos na urbe.

Mais Alcobendas non deixa de ser un pobo. Un pobo que medrou e acadou algo máis da poboación que ten Lugo cidade. E que destaca polo seu gran dinamismo demográfico. Mesmo ten unha asociación de galegos...

Separado de San Sebastián de los Reyes por unha liña imaxinaria -unha beirarúa é dun concello e a outra beirarúa é doutro-, os habitantes foráneos botan en cara ós de Alcobendas de toda a vida que ata hai quince anos andaban a armar liorta nas festas de Sanse. Concretamente, tirábanse pedras os uns aos outros. É así a vida, aínda que hai poucos meses obtiveron o estatuto de gran cidade para beneficio do alcalde.

Claro que San Sebastián de los Reyes tiña xa daquela moita sona polas touradas que organizan nas festas patronais. E os de Alcobendas lembrarían, nestas datas destacadas, que eles non teñen praza de touros, cousa que de Pedrafita para abaixo dá moita importancia a un lugar calquera.

Por certo, que Pontevedra ten praza de touros. Será españolista Pontevedra? Terán os seus habitantes sangue de folclórica e apoderado ou toureiro? Será por iso que Rajoy non fala galego? Será por iso Pontevedra obxecto de envexas?

Pois nada, que Pe gañou un Oscar á mellor actriz de reparto e que Alcobendas vai comentar o feito con máis entusiasmo que calquera. Está ben iso de nomear o pobo onde creciches por moi pailán ou pailana que un fora daquela.

Porque xa se sabe, o ascenso social está moi mal pagado, sempre en avión, privado polo xeral, de aquí para alá con sesións de fotos, co cansazo que dá. E veña poñer cara de que ben estou, que feliz son e cousas así. A estas horas Pe debe ter os beizos doridos de tanto sorrir.

Felicidades Pe. Lémbrome moito de ti. Porque ti non sabes, nesas alturas non se ve, que teño unha cadela de pedigree chamada Uxía, que é un nome moi bonito e moi galego. Pois Uxía só responde ós nomes de Pequecha ou Pequerrecha ou Penequerrecha, verba inventada por min, prégolles por favor que non interpreten mal este nome.

Ó que sucede é que para aforrar esforzos chamo á miña cadela Pe, como chamamos todos e todas a vostede, que nunca lerá isto.

E mellor, porque entre que non entende a lingua e que as comparacións son odiosas, se non le esta entrada deste blog nunca saberá que me lembro de vostede cada vez que chamo á devandita femia teckel para que veña xunto de min. Ten unha cara moi preciosa, mesmiño como vostede, para ser cadela, quero dicir ela, non a Pe que ía vestida como unha raíña. Insisto, as comparacións son odiosas.

Nenhum comentário:

Postar um comentário