18/02/2009

AS MULLERES COMO OBXECTOS

AS MULLERES COMO OBXECTOS

Lin hoxe no xornal El Mundo unha nova moi curiosa. Leva un par de días polo ciberespazo. Vaia por diante que o tipo de relación afectivo-sexual a que se limita a investigación é o heterosexual.

Un estudo tomou a un número de homes voluntarios para deixárense facer un escáner con contraste no cerebro. Fixéronlles primeiro un test para medir o sexistas que eran en cada caso concreto. Puxéronlles fotos de mulleres lixeiras de roupa mentres medían as súas reaccións neurolóxicas. E resultou que no cerebro da maioría dos homes da mostra iluminábase a zona onde se pensa en obxectos.

Cando as mulleres ían ben cubertas de roupa, a zona do cerebro que se iluminaba tendía ser a que ten que ver coas relacións sociais. Mais tamén resultou que cando lles poñían fotos de homes, ou de mulleres vestidas, tendían esquecer as caras e lembrar en cambio o corpo.

Estes resultados son valorados como deshumanización. Trataríase do mesmo tipo de proceso mental que se activa cando non vemos un vagabundo ou un drogadicto mentres camiñamos polas rúas.

Finalmente, os investigadores relacionaron os resultados do test cos resultados do escáner con contraste. Dos datos dedúcese que os homes menos sexistas tendían ver as mulleres, mesmo lixeiras de roupa, como suxeitos de relacións, pois a zona do cerebro que con máis frecuencia se iluminaba era a das relacións sociais.

Os homes máis sexistas, pola contra, tiñan máis cantidade de respostas tipo obxecto cando vían mulleres. No caso dos traballadores que teñen pósters de mulleres semidesnudas no ambiente laboral, estes tender discriminar máis as compañeiras de traballo

A investigadora principal, Susan Fiske, da Universidade de Princeton, que por certo é experta en discriminación, afirma que ignora se ás mulleres lles pasa o mesmo que ós homes cando estes van lixeiros de roupa, porque este asunto aínda non se estudou.

A nova está en http://www.elmundo.es/elmundo/2009/02/17/ciencia/1234890907.html. A foto que ilustra a mesma é moi significativa, porque que caras poñen eses xogadores de fútbol cando por diante deles pasa unha rapaza en bikini.

E en http://www.dailyprincetonian.com/2009/02/17/22773/ (en inglés). E en http://freerepublic.com/focus/f-news/2186695/posts (en inglés). Non atopei o estudo orixinal mais o tema está a ser moi comentado en blogs, posts e demais enxeños.

Agora vai o comentario. Iso das mulleres como obxecto sexual sóame a algo ancestral, cavernícola (sen as connotacións negativas desta verba). Algo no instinto de reprodución humano, aínda que modelado pola cultura, reflíctese nese ver o cu dunha muller como o centro da Creación. Ou as mamas, ou os pés...

Despois está ese ver as mulleres como obxectos sexuais que veu coa incorporación masiva das mulleres ao medio laboral. Alí as cousas non son tan civilizadas como era de supoñer, ata que espertas e te decatas de que as cousas son como son.

E finalmente están os escrutadores urbanos, que ollan cus e demais xoias da creación. Falla lles faría estaren máis ocupados e dedicárense menos a tolemias.

Agora me explico por que son tan pouco doadas as relacións afectivo-sexuais con homes...

Nenhum comentário:

Postar um comentário