27/02/2009

Adiante BNG!

Contan os xornais que só catro de cada dez fogares teñen internet. E digo eu que eses internautas lle sacan abondo partido a esta ferramenta, porque son quen de crear opinión e orixinar mobilizacións. O caso paradigmático é Facebook, que para o meu entender é a mellor das redes sociais. Nada que ver con Badoo, Hi5, Windows Live, incluíndo MySpace, ou con Netlog.


A diferenza pode residir en que Facebook xera cada día centos de páxinas de persoeiros dos que podes facerte seareiro e de grupos que perseguen obxectivos do máis diverso.


E por que negalo, o que máis me seduce de Facebook é que existen opcións políticas que podes apoiar e porque están presentes, rexistrados como tantos millóns de persoas no mundo, políticos como Anxo Quintana, sempre sedutor e xenuíno.


Neste derradeiro día de campaña electoral teño que revelar que apoio inequivocamente ó BNG. E quero explicar os motivos desta adhesión.


En primeiro lugar, aínda que podo semellar partidista, elixo o BNG porque este partido non obedece ordes de Madrid, nin está obrigado a facelo. Esta independencia respecto de consignas foráneas está destinada a incrementar as competencias transferidas polo estado. E a mellorar a xestión dos nosos recursos, que redundará en beneficio da economía galega.


O modelo político do BNG inclúe tantos proxectos que é imposíbel enumeralos todos aquí. Mais póñovos o link do programa electoral deste partido: http://en.calameo.com/read/000007689a91e3515c808. Facede clic arriba á dereita, segunda icona comezando pola esquerda ("table of contents"). Esta web ten o incentivo dunha fermosa canción.


En segundo lugar, o compromiso do BNG pola promoción da cultura propia, da identidade que nos confire, e da lingua vernácula. Estes tres elementos diferenciais son relegados a postos moi baixos entre as súas prioridades políticas por galegos e galegas que en cambio comparten os valores tradicionais, séntense da terra, e falan galego. Polo tanto, alguén terá que axudar a que o noso patrimonio inmaterial non se perda.


No mundo de hoxe, centos de culturas, identidades e linguas desaparecen ou fican como testemuñas dun pasado mellor cada ano.


Outros e outras galegos non vinculados ao BNG defenden aspectos parciais deste proxecto de recuperación do propio, máis quen máis contribúe é o BNG. Por que? Porque é un partido nado en Galicia, conformado por galegos e galegas, e por iso mesmo patrimonio tamén de todos e todas.

En terceiro lugar, porque ninguén é excluído deste proxecto. Moitos e moitas falantes de castelán senten en cambio querenza pola cultura, a identidade e a lingua galega. Para vós, como para min, o avance do BNG é beneficioso. Se non o credes, dádelle unha oportunidade. Tendes todo o día de mañana para matinalo. E que sexa o que os galegos e as galegas queiran.

Nenhum comentário:

Postar um comentário