21/02/2009

QUE MALA É A SONA

Que o xuíz Garzón foi ingresado nunha coñecida clínica privada de Madrid sábese dende onte polo serán. Neste espazo para a reflexión aspiro a explicar a ansiedade dos persoeiros públicos e da poboación en xeral.

Por certo, podedes ver as circunstancias do seu ingreso, e mesmo un vídeo da porta (da porta!) da devandita clínica en http://www.elmundo.es/elmundo/2009/02/20/espana/1235147536.html

Será que o "baby boom" foi educado na ética calvinista do traballo. Será que sei de primeira man en que consiste tal cousa. Será que unha está xa un pouco farta de aturar tanto "eu quero" nas persoas da súa contorna e na sociedade no seu conxunto.

A verdadeira felicidade ten pouco que ver con desexar posuír máis e mellores cousas e moito máis con gozar do que un xa ten. Porque andar a buscar sen fin un obxectivo que por definición non se pode acadar é un caso claro de tolemia, que padece a sociedade enteira nos países desenvolvidos.

Consiste a felicidade, ó meu xuízo, en saber o que tes e valoralo. Mais para acadar este tipo de felicidade cómpre tentar limitar esa ambición en que consiste traballar máis e máis, como se tomar as cousas con calma fose a ser un desgoberno para iso tan importante que traes entre mans.

Isto vai a que o xuíz Garzón (nado o 26 de outono de 1955 en Torres, Xaén) aspirou sempre ó máis alto. Como podedes ler na wikipedia http://es.wikipedia.org/wiki/Baltasar_Garz%C3%B3n traballou de albanel, camareiro, e axudou ó seu pai nunha gasolineira mentres estudaba Dereito.

Para min que ser fillo dunha familia traballadora fixo que o mozo Baltasar Garzón quixera, con toda lexitimidade, acadar estar no máis alto da sociedade. E iso é algo que co tempo se paga. E moi caro. Como vedes na cita da wikipedia, no seu cv hai toda unha morea de ambiciosos casos xudiciais.

A ansiedade que xeran circunstancias tan complexas rematan a provocar problemas circulatorios e mesmo coronarios. A tensión sobe, ou baixa ata mínimos pouco saudábeis. O corazón latexa a todo tren. As pulsacións soben de 140. Mesmo semella que o corazón quere saír da caixa torácica.

Ás veces estas situacións de ansiedade deixan de ser puntuais e suscitadas por cousas concretas. Esta segunda fase chámase "ansiedade xeneralizada". Todo dá medo, que é o que a ansiedade é en realidade. A terceira fase chámase “ansiedade crónica".

Para min que Garzón, cun historial médico no que figura un problema circulatorio que lle paralizou a metade do corpo, está nesa fase na que a ansiedade controla o seu ritmo cardíaco. Só que deixou o ingreso no hospital para cando pensou que era un infarto, porque lle doía o peito.

Deséxolle ó xuíz Garzón unha recuperación que inclúa algún pequeno consello médico para a ansiedade. Din que o tai-chi é moi bo. Que o ioga é perfecto. Que o 'Pilates' che deixa novo. E que hai que moderar o xantar, a bebida, e durmir o necesario. Boa sorte!

Nenhum comentário:

Postar um comentário