22/02/2009

ÚLTIMOS DATOS DE INTENCIÓN DE VOTO NAS ELECCIÓNS GALEGAS

Antes de inserir gráficos e interpretacións, adiantarei que farei unha incisión sobre os porqués de que as cousas estean como están.

Os gráficos en http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=472&idNoticia=398587. As interpretacións en http://www.elmundo.es/elmundo/2009/02/22/espana/1235267254.html (será que teño certa fixación polo xornal El Mundo).

O electorado galego é dos máis preguizosos do mundo, pola abstención dun terzo dos votantes, que é o pan noso de cada día de eleccións en Galicia. E para máis inri, en feliz expresión popular, nesta ocasión os maiores de 65 anos pensan absterse nun 33%.

Logo terán que votar máis mozos e mozas para neutralizar o efecto adverso da abstención. E esta podería chegar a incrementarse pola contribución deste segmento de poboación en particular. Como sabedes, a abstención adoita ir a prol do PPdeG.

En síntese, o PSdeG podería recuar, sobre todo na provincia de Pontevedra, e tamén en Ourense. Escaparíaselle unha parte importante dese 14% dos votantes (case un de cada seis) que anda a matinar cambiar a súa intención de voto polo efecto Economic Crisis Flu.

O BNG podería chegar a obter dous escanos máis.

O PPdeG podería tanto perder como gañar un deputado, e neste último caso gobernaría.

A min este panorama paréceme cruel e debilitante. Se o PPdeG chega a gobernar será porque a mocidade o permitiu.

Sábese que os maiores votan maioritariamente ó PPdeG. O voto conservador da xente maior ten, ó meu xuízo, unha explicación. Tanta inoculación franquista tarda décadas en se deixar atrás.

Moitas veces pensei que ata que morrera toda unha xeración, que inclúe os meus propios pais (Deus non o queira!), non habería cambios importantes na intención de voto a nivel estatal e no elevado predicamento do PPdeG en Galicia.

Seica non fai falla que morran votantes do PPdeG, xa eles mesmos deciden se abster e favorecer deste xeito tamén ó PPdeG. Esta ironía cruel explícase porque os conservadores adoitan levar a vantaxe cando a abstención é alta. E máis en Galicia, país aboado a un terzo de votantes que se absteñen, e mesmo máis dun terzo, como no soado referendo para a reforma política de 1977.

Para min que, como dicía onte á noite en Facebook D. Fernando Blanco, conselleiro de Industria e candidato número un do BNG por Lugo, "a implicación da mocidade é fundamental. Os mozos tendes que ser donos do voso futuro, do futuro do país".

Se eu volvera ser moza votaría, aínda que fora ao partido a prol da legalización do cannabis, que nas pasadas eleccións xerais obtivo tantos votos no estado como os abertzales, agora ilegalizados, en Euskadi.

Sen chegar a extremos como este, se eu fora nova non tería en conta esa chantaxe que é o voto útil. E votaría, como na primeira vez que houbo eleccións desde que cumprín os 18 anos, nacionalista. Porque quen defende mellor a Galicia que a un partido nado e xestionado en Galicia.

Para os máis españolistas quédavos a opción de IU. Aínda que este partido anda a atacar ó BNG, ninguén dixo que non puidera unirse, nalgún dos mundos posíbeis, formando un tripartito de esquerdas, cun PSdeG en declive e cun BNG en ascenso. Se quitan polo menos un deputado...

Nenhum comentário:

Postar um comentário