15/03/2009

QUIN E A REALIDADE

Recoñezo que de primeiras matinei que o candidato Quintana non tiña o carisma de Beiras. Tamén é certo que este último non naceu con carisma incorporado e que lle debíamos ó frontismo unha oportunidade real para D. Anxo.

Dende onte ás 3 do serán cando o vin na televisión teño unha estraña sensación, que non podería explicar aínda que quixera. Non escribín onte disto porque tería escrito sobre esa sensación. E me afundín na novela que estou lendo.

Hoxe non vou escribir moito da dimisión de toda a executiva e do seu lider. Porque eu a Quin o vexo ben: talante, boa persona (e digo isto porque dá a impresión ás veces de que é un chisco naïf), entre outros valores.

Certo que Quin cambiou a estrutura do Bloque e que eu non vin isto o que se di moi ben de boas a primeiras. Despois dun tempo pensei que era máis doado de xestionar o partido así. Que había que evolucionar e que a resposta estaba en Quin.

Unha inconformista coma min apoiando ó que algúns no partido ven como o un dos "sapos" desta historia! Eu respecto a liberdade de expresión, sobre todo porque moitas veces paguei caro exercer este dereito.

De feito, hai dúas liberdades ó meu entender que son sistemáticamente negadas á maioría, que teñen só uns poucos nesta a nosa democracia constitucional. E istos son a liberdade de expresión e a liberdade de cátedra. Esta última porque o departamento, a facultade ou os compañeiros eses que tantos disgustos dan poden facela moi pouco doada de exercer e moi duro apandar coas consecuencias.

Miña cadela pide insistentemente ir mexar e xa saben que máis. Quero rematar cunha aperta grande a Quin e cun agradecemento que vai máis aló da inxenunidade e do conformismo.

Unha aperta e un agradecemento para Quin, que pasará á Historia como o primeiro nacionalista que gobernou Galicia. E logo outros dirán: "Si, o primeiro en gobernar, mais en coalición, que o primeiro nacionalista que gobernou Galicia foi tal outro".

De momento este é o cumio. Outras veces obtivemos máis votos mais non gobernamos.

Alguén entende por que veñen a non os votos dos descontentos e non os votos dos entusiastas? Pois que mo explique.

Teño a hipótese de que esta perda de votos foi porque algúns dos descontentos, ou non foron votar, ou votaron IU.

Ou votaron socialista. Porque en Galicia a tallada a saca o PP, por caciques, e votar socialista, tamén caciques, dá moito espírito de paz interior. Interpreten cadaquen da súa maneira isto dos socialistas.

Nós de momento recibimos o voto dos descontentos, como IU.

Nenhum comentário:

Postar um comentário