15/03/2009

Estou a proclamar que te esquecín

Estas verbas non son un poema de amor. Carecen diso que todo home desexa escoitar. Aínda que só sexa por vaidade.

Atopar unha mensaxe así a mañá despois de posuírme é como sentir que se lle cae a un o chan debaixo dos pes. Ben o sei.

Estou a proclamar que te esquecín.

Tempo despois de ti marchar, fiquei durmida como unha nena. Nos meus pensamentos estaba o desenvolvemento da novela que estaba a ler cando me deitei.

Antes diso estiven ocupada en recoller o lixo que deixamos entre os dous: esa longa lista de subprodutos do amor. E despois volvín ás miñas paixóns como se nada.

Estou a proclamar que te esquecín.

Malia todo, aquí estou para dicirche que te esquecín. Polo menos é algo, dadas as circunstancias.

Sei que o entenderás. E espero que comprendas a túa parte de responsabilidade no meu esquecemento de ti.

Estou a proclamar que te esquecín.

Nunca me fixen ilusións. O que provocaches en min vai máis alá de perder ese formígueo no bandullo.

Constitúe unha declaración de non amor. De total indiferenza. De derrota do amor e de triunfo da ilustrada razón. Que non é pouco.

Estou a proclamar que te esquecín.

Entregar o teu amor a alguén é voluntario, como algún día saberás con esa intensidade que fará que tolees.

Non tolear como o fixemos ambos os dous estes días pasados. Tolear como un auténtico tolo.

Estou a proclamar que te esquecín.

Non foi como a primeira vez. Foi mellor nalgúns aspectos. Mais non sentín que se me fora a vida en ti, dentro de min.

Porque iso é en definitiva o que se pretende. E por iso é polo que se adoita suspender a razón mentres a paixón nos controla.

Estou a proclamar que te esquecín.

Despois de ti marchar, nun intre que non podo identificar, da duración do voo dunha volvoreta, lembrei outro home que non es ti.

Lembreino con nostalxia. O cal pode interpretarse como decepción. Comparar non é das cousas que fas satisfeita.

Estou a proclamar que te esquecín.

Así que lembrei outro home. Desexei que ti tiveras sido el. De contado que lle sacaría partido a esa arma de destrución masiva que te levaches contigo.

El nunca o deixaba mentres eu non chegaba á fase mística, esa na que grito "Deus...". E ata abondo despois.

Estou a proclamar que te esquecín.

Podes dicir que estou a proxectar algunha rara sintomatoloxía freudiana sobre ti. Que é inxusto compararte co mellor amante que nunca tiven, amor.

Que algo haberá do que me poda gabar verbo do acto de posuírnos o un ó outro.

Estou a proclamar que te esquecín.

Nenhum comentário:

Postar um comentário