22/03/2009

O DEUS SOL (unha bomba dominical)

Agora que o deus Sol leva varias semanas a lanzar a súa enerxía sobre nós, pode ser acertado tentar explicar por que o astro rei foi adorado por case todas as culturas da terra. E por que segue a influír no noso comportamento social.

Tamén pode ser axeitado aclarar que ese deus primixenio -antepasado dos deuses monoteístas contemporáneos- conduce a unha relixión organizada, mais non institucionalizada.

Non se constitúe unha igrexa, tal como hoxe entendemos esta verba, arredor da estrela do noso sistema planetario. Un culto, un grupo de fieis, si. Mesmo unha pirámide. Un Vaticano non.

E por certo, adorar ó sol non excluía outras divinidades menos poderosas. Isto semella máis coherente que o monoteismo polo motivo de que os humanos organizamos as nosas vidas dun xeito multifocal, non mono-o-que-sexa.

Aí vai esta bomba dominical!

É case instictivo, biolóxico e glandular, agradecer as raiolas que o sol nos bota con máis ou menos xenerosidade. Instictivo porque con choiva, neve, saraiva e inundacións non se pode saír do noso acubillo para buscar os recursos.

Alimentarse. Ir por auga ó río. Coleitar.

O sol, en cambio, fai doado saír en busca do necesario para subsistir.

Biolóxico porque antes de que haxa unha cultura arredor dalgún símbolo primario e dominante precísase dunha sensación de "felicidade". Ese símbolo debe transmitir esa sensación.

Vaia, que precisamos do pracer que nos dan certas cousas para divinizalas.

Glandular porque as secreccións de certas glándulas e as sustancias químicas que estas segregan son as responsábeis dese sentido de "felicidade" a que me referín.

Se o sol foi adourado e segue a selo en certa maneira, isto é porque produce unha expansión de certos comportamentos.

Porque certos actos foron previamente contraídos -reprimidos, contidos, loitando por saíren fóra de nos.

Así pois, poñámonos na fin da última glaciación. Pensemos que nós somos eses humanos temerosos da choiva, da neve, da saraiva, así como do acompañamento de raios e tronos que adoitan vir con estes fenómenos metereolóxicos.

Pensemos que eses seres prefiren en cambio o sol e o ceo despexado. Tamén porque en boas condicións metereolóxicas se poden ver a lúa e as estrelas, inspiración de divinidades menores.

Que obteñen recompensas fisiolóxicas e recursos para se soster desas raiolas. E algo máis, que deixo á imaxinación.

Despois ven o grupo social e pon as cousas no seu sitio. As culturas adoitan advertir dos perigos. E tamén confirmar as preferencias da sociedade de que se trata. As culturas nunca contradín; sempre institucionalizan.

Polo tanto, gozar do sol non se prohibe. É abondo beneficioso para o grupo social. Tampouco se limita. Hai unha chea de cousas que non son obter recursos que se ven con bos ollos.

Bañarse no río ou no mar. Facer competicións como correr para ver quen chega antes á meta. Cantar, se non se desafina moito.

O que as culturas fixeron co sol cando o os humanos convertiron en símbolo foi exaltalo. Elevalo ós altares.

Favorecer ese gozar do sol tan común e canalizalo, en datas senlleiras, cara ó culto. Os aztecas -gran país- poderían contárenolo dende os seus enterramentos.

Porque se algo que é tan condicionante como o bo tempo, entón hai que adoralo para que non se desmande a cousa.

Gozar si, mais en certos intres hai que lle outorgar pleitesía, que dirían certos grupos sociais no medioevo.

Agora que comeza o bo tempo, estamos moi condicionados para nos comportar de certos xeitos. Poderíamos reprimir iso, se non fóra porque sae de dentro de nós mesmos. Da nosa alma.

E por iso divinizamos o sol. Porque é algo sentido como íntimo malia que afecte a todo o mundo.

De feito, as relixions sacan tallada dese sentimento do símbolo como algo íntimo. Se non houbese lembranzas persoais e coletivas vinculadas a ese símbolo non sería efectivo divinizalo.

E se non as houbera crearíanse.

Comprenderán que sentir algo persoal verbo de certos fenómenos placenteiros non é estraño. O que fai o grupo social é transformar eses afectos en deus.

Iso lémbranos que a sociedade está por riba do indivíduo -malsoante verba, de xermolo ilustrado e nada axeitada para nomear os seres humanos.

Por certo, as relixión non só suman adeptos. Tamén dividen afectos. Se pensabas saír ó sol en domingo lembra que debes ir a misa -di a sociedade. E o individuo -bla, bla, bla, o xa dito-, ou o fai ou non, mais lembra ese "debe" ata o día do derradeiro alento de vida.

Pagana reflexión a miña para un día que pide esmorga e caras ó sol mentres les un libro ou falas animadamente.

Agás para os que gozan a estas horas da soada resaca. Paracetamol -ai Natalia, Natalia- e como novos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário