16/03/2009

8.642 días, 207.408 segundos

Comeza o xuízo ó 'monstro' de Amstetten (Austria). Está acusado de cometer os delitos de asasinato, secuestro, escravitude, ameazas e incesto. Só demostrándose o primeiro destes cargos sería condenado á cadea perpetua.

Porque xa sabemos, houbo un fillo que o fulano este tivo coa súa filla e que naceu morto segundo a nai. Todo baséase en que de non estar esta secuestrada non tería tanto risco o meniño de morrer no parto. Quen sabe se viviría!

Vivir, no caso dos fillos incestuosos que ficaron no 'bunker' do monstro, semella algo pouco desexable.

Xa se sabe que os secuestrados tenden solidarizarse co secuestrador. Malia todo, a vida alí non era deliciosa. E saír do encerro e comprobar que a túa vida non foi o que se di estándar debe ser un golpe baixo.

Meses leva a familia B deste fulano a tratamento psiquiátrico. E supoñemos que tamén a familia A o precisa. Mais as pastillas neste caso non deben valer moito.

En cambio, horas e horas de terapia individual e familiar de contado que é bo para todos e todas os damnificados por este home 'normal'.

Non podo imaxinar un home 'normal' que faga o que fixo este tipo, este desalmado.

Quizais a cuestión da normalidade só pende dun fío: do feito de que atendeu a familia B canto mellor puido.

Iso si, mentres tanto coidaba dela seguía a violar a súa filla, a quen define como un "rato paralizado".

Pois vaia. Eu tamén ficaría paralizada se meu pai me sometera a todo iso que sabemos e que repugna á maioría da xente 'normal'.

Porque normal será a nai que pariu este monstro, pero el, a min que me canten misa, mais normal non é.

Do resto dos delitos que non son asasinato digamos que, a efectos xudiciais, son a comparsa do entroido que este home mantivo durante 8.642 días, que son 207.408 segundos.

Entroido porque ía tan ben disfrazado que ninguén sospeitou nada. O cal demostra, entre outras cousas, que a aparencia, iso tan valorado neste o noso mundo consumista e superficial, deste home era a dun ser humano como os demais.

Pois entón, non quero imaxinar que agocharán as vidas deses outros homes (e mulleres, que de todo haberá, aínda que semella menos probábel ó meu xuízo) que teñen unha aparencia normal nas rúas, nos traballos, nas actividades sociais e ata en misa.

Este caso pon a xuízo non só unha serie de delitos que atentan contra a liberdade, a integridade, a dignidade e tantos outros valores culturais amplamente aceptados.

Penso que xulgando a este monstro estase a xulgar a humanidade enteira. Porque non é diferente de nós segundo os informes médicos.

Pois vaia! Entón eu collo un fillo (que non teño) e póñome a facer todo iso que relatan os investigadores e os propios afectados. Porque si, porque me dá a gana, porque me excita, porque me enche de orgullo que non me descubran, porque...

Xa sei que non se pode dicir "nunca xamais", ou iso dicía un axente 007 con licenza para matar. Mais a verdade é que a maior parte da humanidade non faría iso.

Quizais unha pequena parte dos homes do mundo enteiro violaría unha familiar, compañeira de traballo, veciña ou descoñecida, mesmo varias mulleres ó longo da súa vida.

Ou asasinaría á súa ex-parella, á que "molestan" as puñadas, as patadas, os insultos e as demais humillacións. Si, si. E vai a tía e presenta unha denuncia, ou tivo intención de denuncialo antes de morrer por trolas coma esas, que ninguén cre, ou que todos fixeron e cólleno a el como cabuxo expiatorio.

Porque comparar as versión dos delincuentes sexuais cos datos das investigacións periciais e criminolóxicas ergue a repulsa máis contundente. No caso do monstro de Amstetten, os feitos foron como declara o seu avogado, a saber:

"Un monstro lles tería cortado a cachola, gaseado ou disparado para achar unha saída".

Pero home, e quen di que non pensara facer iso para cando se sentira morrer, se tivera unha doenza tipo cáncer, ou se lle foran detectados problemas do corazón e estivera maliño o probe.

Entón, gravemente enfermo, xa veríamos se facía desaparecer as probas, como un criminal calquera.

O que é liberar a súa familia B non creo que nin se lle pasara polo maxín.

Links:

El Pais http://www.elpais.com/articulo/sociedad/Austria/juzga/monstruo/Amstettem/elpepusoc/20090316elpepusoc_2/Tes

ABC http://www.abc.es/20090316/internacional-europa/padre-sadico-mundo-llega-200903160811.html

El Mundo http://www.elmundo.es/elmundo/2009/03/16/internacional/1237173919.html

Nenhum comentário:

Postar um comentário