17/03/2009

A realidade como problema (algo de filosofía e de senso común)

Lin esta mesma mañá un artigo de onte (hora americana) na web de ScienceNow. Ver http://sciencenow.sciencemag.org/cgi/content/full/2009/316/1?rss=1.

Fala de D. Bernard d'Espagnat, de 87 anos, premiado pola Fundación Templeton ó traballo de toda unha vida dedicada ós cruzamentos entre ciencia, filosofía e relixión.

Detalles filosóficos fóra, como as meigas. A realidade é tan só o que podemos percibir e aprender dela. Vaia, que hai máis realidade fóra dos nosos sensos que dentro.

Chamase "realismo" a ese xeito de ver a realidade que, na súa versión más inxenua, pretende que as cousas son "feitos". É dicir, que a realidade é como a percibimos.

A realidade como problema ven a conto do seguinte: como saber con certa aparencia de verdade que as cousas son como semellan. Por iso Descartes desconfiou dos seus propios sensos.

Nota: Descartes volveu restituír a confianza nos seus sensos, a falta de algo mellor, e porque Deus lle revalidou a realidade. Que ía dicir un home daqueles tempos (século XVII)!

Pois iso de que as cousas ou son verdade ou son mentira pero non hai punto medio nin intermedio leva anos influíndo o pensamento de científicos como este do que fala o artigo de SciencieNow. Sucede que cos anos, e D. Bernard d'Espagnat ten 87, debilítase tanto realismo inxenuo e pragmatismo interesado que practican a maior parte dos científicos.

Chámase a esta outra forma de ver a realidade que non cre en 1 e 0, verdade absoluta e trola absoluta,"relativismo (gnoseolóxico)".

Pois ben. Hai cousas na vida, quizais as máis valiosas, que non dependen dos sentidos, senón que son crenzas. Por exemplo, que os nosos amigos nos aprezan tanto ou máis do que din. E de feito a maioría das veces é certo o que cremos sen ver. Pero como o demostramos?

O Romanticismo alemán foi, entre outras moitas cousas, unha reacción (lóxica) a esa supremacía que concede á razón o racionalismo ilustrado (século XVIII).

Este movemento, o ilustrado, si que non cría que a razón tivera fendas. Todo era comprensíbel. Do de demostrábel deberon pensar: que veña Kant e o demostre. E Kant fíxoo. Demostrando que hai cousas que non se poden demostrar.

Señoras e señores. Hai cousas que non se poden demostrar pola razón. A lóxica xa non é de 1 e 0, verdadeiro e falso, senón lóxica difusa (ou borrosa), ou lóxica de probabilidades, que son distintas.

Na lóxica difusa fálase de veracidade. Vede este link para profundar: http://es.wikipedia.org/wiki/L%C3%B3gica_difusa

Emparentadas ambas as dúas, en lóxica de probilidades dise que as cousas que queremos demostrar teñen un tanto de verdade abondo variábel, entre o 0% e o 100%.

Da lóxica cuántica que lles fale D. Chema Dapena. E de telepatía (mellor non!). E de arte, que é o seu.

Aproveitade para preguntarlle canta verdade hai na fermosura, no proceso de creación ex novo, dende cero, que é o que é toda creación nun senso artístico. Canta "verdade" hai no arte.

Silencio. Dicía Wittgenstein que "do que non se pode falar mellor é calar". O cal implica unha ren uncia a explicar a arte, a fermosura, a relixio, as crenzas.

Pouco antes de morrer, Wittgenstein foi cambiando de opinión. Dous ou tres alumnos que estaban matriculados e non se perdían o espectáculo de escoitalo contrastaron os seus apuntamentos de clasee e os editaron. Neste derradeiro texto do filósofo vienés cambia un pouco a cousa.

Nin precisamos da relixión (iso cremos, crenza errónea, porque afirma o que nega).
Nin precisamos da fermosura (que é unha percepción cultural), agás se precisamos centos de miles de euros para colgala dunha parede.
Nin precisamos da confianza na razón (o cal obviamente tampouco é certo).

As tres trolas precedentes -nin relixión, nin arte, nin confianza ou fe- son cousas que di o racionalismo ilustrado polo calado. Porque non fixeron unha enciclopedia para enxalzar a relixión, a arte, as crenzas. senón que a fixeron para demostrar o poder da razón.

De feito o racionalismo ilustrado segue a estar moi fortemente prendido no noso esquema cultural da realidade. Un aymara non estaría de acordo con nós. Un hindú budista tampouco. E xa vedes, as culturas lévanos á relixión como o son da auga lévanos ó río.

E segue a estar moi prendido porque o racionalismo ilustrado é unha forma cultural de matinar a realidade. Mais dentro da ciencia hai máis xeitos de entendela que a que ofrece esta fórmula.

O máis valioso do ser humano non ten explicacións racionais sensu strictu.
- O altruísmo: sacrificarse por outro en detrimento dun mesmo.
- A fe, mesmo nos amigos ou na familia.
- A sinceridade no porse a falar das dificuldades dunha cuestión.
- O amor.
- As catástrofes naturais.
-A usura dos financeirros que soben e baixan o prezo das accións co obxectivo de se enriquecer.
- A paixón.
- Caer e erguerse. E unha lista infinita.

Pois para quen o precise que crea na verdade absoluta. Eu ás veces o fago porque me convén dun xeito espiritual.

E quen queira crer na verdade parcial e limitada que o faga. Eu fágoo cando preciso da sensación esa que expresa "que pouco sei" (porque decatándome do moito que non sei póñome no camiño de ir roubando máis coñecementos e de chegar á sabedoría).

E quen non se plantea a cuestión da realidade como problema, nin chegou ata esta liña, nin lle importa unha figa esta cuestión. Cuestión perfecta para un examen de oposición de inclúa nocións de filosofía.

Mais non me fagades caso para non botarme a responsabilidade se isto non é ben visto nun exame.

Non todos admiten a relatividade da verdade, e os metafísicos os que menos, seguidos polos éticos (porque se o que é mellor é por definición relativo acábaselles o chollo).

NOTA: os laboristas británicos teñen un filósofo que xustifica moi ben que todo é relativo mais que hai cousas máis desexábeis que outras. Refírome a James Griffin. O texto verbo del da wikipedia está en inglés e a versión en castelán desta enciclopedia non fala de Griffin, non debe estar actualizado o autor (ou autores) desta entrada.

Pois iso era o que quería contarvos. Mais para información política que atopei interesante para hoxe vede os links seguintes:

http://www.libertaddigital.com/nacional/solo-puede-echar-a-cinco-ministros-1276353670/

Dise aqui que vai haber cambio de ministros. E pide ó lector que elixa só 5 ministros que botaría fóra do goberno.

http://www.abc.es/20090316/economia-economia/paul-krugman-perspectivas-economicas-200903161726.html. Dise aquí que o Nobel Krugman augura malas perspectivas para a economía do estado español.

http://www.elmundo.es/elmundo/2009/03/16/espana/1237210598.html. Aquí dise que "o arquitecto xefe de Xijón deu un 'pelotazo' co su plan municipal". Máis lixo de plans urbanísticos.

Pois que pasen bo día.

Nenhum comentário:

Postar um comentário