13/03/2009

CATRO TIPOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO (1)

Hoxe toca un tema cru, e moito que o sinto. Non levo máis de vinte anos matinando sobre as mulleres para calar sobre este tema. Mesmo en Galicia Hoxe hai artigos que exemplifican o meu "radicalismo" (nota 1) neste eido. Por suposto estes catro tipos de violencia de xénero non esgotan todas as variedades que existen.

O tipo básico e máis común de violencia de xénero é o machismo. Púxose de moda falar de sexismo e agora confúndense ambos os dous conceptos. Comezarei polo sexismo.

Sexista: persoa ou conxunto de persoas que xulgan, infravaloran ou aprecian, menosprezan ou sobre-estiman, discriminan, ou actúan dun xeito físico particular, en función do sexo da persoa que teñan diante.

Esta percepción verase afectada por aspectos de tipo cultural que condicionan ás persoas dese sexo e non do outro.

Por exemplo, a sociedade e máis sexista que machista. É por iso que ás mulleres se lles esixe máis: iren mellor vestidas, seren máis efectivas, e unha longa lista de requirimentos. Aquí atopamos o fenómeno da anorexia: a obsesión por un corpo delgado é fomentado en nenas e desaconsellado en varóns de todas as idades.

As corporacións e todo tipo de empresas son sexistas, porque adoitan reproducir os estereotipos culturais sobre os sexos: os homes vixilantes de seguridade; as mulleres secretarias. Cada vez menos, pero pola propia capacidade das candidatas.

Aquí xorde un paradoxo: a existencia en moitos ámbitos de criterios de discriminación positiva para as mulleres axuda a poñer en dúbida esa capacidade da que falei e contribúe a poñer as cousas máis difíciles a esas "enchufadas".

Machista: un paso máis alá do sexismo, o machista precisa da primacía. Adícase con fervor a cultivar o silencio, a non querer saber, a negar o teu dereito ao teu propio discurso. Diante de verdades como catedrais non ousas abrir os beizos, porque non serve de nada.

Porque ti non vales para nada. Ti non fas ben as cousas. Ti andas de conversa e non atendes os teus deberes.


Ou sinxelamente, o silencio. Nada hai do que falar e nada que dicir. Imos cenar? -pregunta el. Agora me poño -resposta ela.

O machista é, sen outras complicacións engadidas, inofensivo. Síntese menos que a muller e exacerba o seu aspecto viril, mesmo na resistencia a mercar pantalóns vaqueiros porque os que ten están como farrapos.


Desprézase profundamente. Ese é o seu punto débil. Poñelo en evidencia con intelixencia atácalle os nervios.

Por certo que a ironía é unha boa arma contra o machista inofensivo. Síntese como se lle tiveras posto os cornos. Afúndese na súa baixa auto-percepción e reafírmase en que a culpa diso é a muller ou as mulleres.


  1. Etimoloxicamente “radical” significa ir á raizame das cousas.

Nenhum comentário:

Postar um comentário