27/04/2009

Sobre o amor (reflexións propias)

Se cremos o dito popular hai tres cousas na vida: saúde, cartos e amor. Para moit@s a orde dos elementos é correcta, figurando o amor en tercer lugar. Para outr@s, a orde non altera o producto. E algúns alterarían esta sorte de xerarquía entre necesidades para unha vida boa.

Pois hoxe falarei do amor, que nas últimas décadas, coa mellora o nivel de vida, pasa en ocasións ó primeiro lugar dese ránking.

Amor pola familia, pol@s amigos, pol@s alumn@s a quen diches clases... Si, pero o amor a esa persoa que marca a diferenza enténdese polo xeral como iso a que nos referimos cando falamos de amor.

O demais é afecto, son lembranzas, presentes e futuros. Mais o amor á parella é por maioría (poñáselle un 60-70%) o máis tratado na literatura, arte, poesía, se o comparamos co resto dos afectos.

Afecto. As miñas esquecidas nocións de latín identifican o verbo afficere, "influír, obrar sobre algún", "afectar". Son esas sensacións ou sentimentos que xorden verbo das persoas que te afectan.

Esas que saben tanto de un como para destruír a túa reputación resultan ser as persoas que máis amamos. Non sabe nada a especie humana...

A vulnerabilidade e o medo son constantes vitais dese homo duplamente sabio. Adquirir novos coñecementos, destrezas, métodos e técnicas non deixa de ser sorprendente dende o punto de vista paleohistórico.

Mais o máis sorprendente deste feble ser que fabricou vivendas, aldeas, pobos, cidades e macro-cidades é que fai da necesidade virtude porque transforma a vulnerabilidade en precisar, para sobrevivir, deses moitos afectos que sentimos ó longo dunha vida.

Xa sei que hai amores que matan. Amores que habitan na memoria. Amores que esquecimos. Amores que non chegaron a tal.

Mais cando sentes amor, a segregación de certas glándulas e algunha que outra hormona, que nos producen cambios na expresión da cara e dos ollos, na actitude corporal, e esas moitas humidades do noso corpo, ...

Todo iso tan bioquímico é unha sensación marabillosa.

Despois está o desamor. Del fálase por estenso en todas partes. Téñase en conta que 3 de cada 4 casamentos non supera os dez anos de convivencia. Os noivazgos son aínda máis curtos.

Logo do desamor vén de novo a vulnerabilidade e o medo. Por un tempo cres que non volverás amar e ademais tes medo a que che podan ferir outra vez.

Ai, porque o desamor son tres espadas cravadas nun corazón vermello. Tres feridas. Tres pegadas. Cales son eses tres elementos?

1) estrañas a ese alguén, bótalo de menos
2) desexas acadar ese estado pletórico de amor que sentes que che falta
3) quererías poder esquecer todo como si nunca nada tivera pasada

Por lóxica, a negación dunha negación é unha afirmación. Logo o amor son tamén tres cousas

1) querer estar cunha persoa, buscar e atopar tempo para compartir con ela
2) acadar ese estado eufórico que sentees cando estás con esa persoa
3) querer lembrar os bos momentos e reproducilos ad infinitum.

O amor, tema primaveral. Que máis cousas podedes engadir a este post?

Nenhum comentário:

Postar um comentário