20/04/2009

Animais de compañía (parte II). Como un ser feble precisou da axuda dos cans

Enténdese polo xeral que cando alguén non ten "nin un can que lle oubee" a cousa está mal para esa persoa. Os mendigos adoitan levar consigo un can ou cadela. E que me decides de San Roque e o seu can. Cando un home ou muller actuais están en situación de soidade, mesmo vulnerabilidade, fanse cun can. Vou tentar explicar o porque.

O caso dos gatos é diferente, comezaron sendo divinizados, adorados, e remataron obrigados a constituíren colonias xerarquizadas de felinos destendidos, vivindo da comida que os humanos desbotan. Os gatos domésticos están por suposto máis atendidos. Se a súa saúde é mala podería contaxiar ós humanos. Tamén tentarei explicar por que o caso dos felinos é especial.

Isto que segue é unha reconstrucción paleohistórica. Din os paleoarqueólogos, con razón, que os antropólogos sociais e culturais, e sobre todo os antropólogos físicos, "imaxinan" cousas que non se poden aínda corroborar cos datos. Mais tamén é certo que nós polo menos formulamos hipóteses. Eles, en casos como estes, non saben que dicir, por cinguirse excesivamente ós datos. Desexo que vos goste.

Comezarei dicindo que catrocentos anos antes da conquista de América desapareceu unha civilización do cono sur que daba enterro ós cans nun enterramento que sempre estaba á beira do que lle correspondía ó seu dono. Nos cadaleitos dos cans, un por cada un membro desta tribo, atopáronse xoias, alimentos para o outro mundo, e todos os detalles con que tamén enterraban ás persoas. Isto di moito de como valoraban ós cánidos. Mais non di por que.

Hai máis casos de enterramentos de cans nos achádegos arqueolóxicos. O caso é que papel cumpliron en vida para que os valorasen tanto. Eu, o que é coñecer, coñezo mellor o caso de Centroeuropa na derradeira glaciación e posterior desxeo. Isto refírese só a esta zona xeográfica e a interpretacións aceptadas por xente moi diferente, tanto científicos como estudiosos avanzados. Aí vai esta bomba anti-homocéntrica (sic).

Unha grea de lobos, lobas e lobetos ten sempre unha estrutura xerárquica e nunca pode superar certo número. O exceso de membros dependentes fai pouco doado mantelos a todos. Hai que seleccionar dalgún xeito.

Por outra banda, os lobos máis febles terán menos posibilidades de se reproducir (copular), porque os conxéneres dominantes van tentar impedir que se acheguen ás femias. Tamen lles é pouco doado estaren ben alimentados: o macho dominante vai limitar o acceso dos máiis febles ó alimento. Se non o fixeran, perderían o control da grea.

Os febles son sempre obxecto de presión para que constitúan novas greas ou para que sinxelamente marchen (ver nota).

Deste xeito algúns lobos febles, comparativamente cos membros dominantes da grea, saíron desta para buscárense a vida. Os lobos esparéxense cando teñen fame e non atopan alimentos. En cambio, únense en xerarquizadas manadas cando os alimentos son abondosos. O mesmo sucede noutras especies das que tamén proceden as distintas razas de cánidos actuais.

Estes lobos febles atópanse en grande risco fóra desa grea. Son fortes, teñen "armas" no seu corpo para defendérense. O caso é que estes animais poden matar unha ovella mais non un elefante, un lince, un león ou un tigre. Nestes casos están en clara desvantaxe.

Por non falar do medo á soidade na noite, rodeados de ruídos sospeitosos, pois os grandes depredadores adoitan cazar de noite. O bosque ou selva pode ser un lugar moi perigoso, como as películas de aventuras sempre destacan.

Máis ou menos ó mesmo tempo que isto acontecía nas greas de lobos, e noutras especies depredadoras de pequeno tamaño, en comparación cos grandes depredadores, os seres humanos, os nosos devanceiros, estaban a ampliar o seu territorio debido ó procedimento de deixaren terras a barbeito mentres se aproveitan outras, que "rouban" ó monte, á vexetación luxuriosa deses vellos bos tempos da propagación da nosa especie.

En Centroeuropa había nesta época non máis de 20.000 seres humanos esparexidos en bandas (nómadas) e tribos (semi-nómadas). Tamén os febles seres bípedos que fabricaban armas con pedras pulidas tiñan unha organización xerárquica. Nela, tamén os máis molestos eran presionados para abandoar o grupo.

Normalmente se chegaba a un acordo con algún grupo veciño para que aceptara ese membro incómodo. En circunstancias tan pouco doadas, estes "exiliados" tiñan que aprender axiña a nova lingua, cultura, ou reglas sociais. Diso dependía poder pertencer a, e ser aceptado en, ese novo grupo.

A supervivencia dos grupos humanos no paleolítico é un miragre se o comparamos con especies como os leóns, os tigres, os linces... Estes animais son moito máis fortes e están dotados pola natureza de armas afiadas (boca e mans).

A esta febleza únese a conciencia de soidade existencial, que a nosa intelixencia verbal achou nalgunha parte das súas circunvalacións cerebrais, cando chiscaban entre si certas neuronas.

Vaia, que o medo á soidade desencadea unha chea de reaccións glandulares que conducen á depresión ou ó stress. Recentes descubrimentos científicos avalan que os animais de compañía reducen o impacto destas doenzas.

Seres humanos febles, impedidos, ou vellos, son posiblemente os que máis predisposición (e tempo, pois estaban eximidos de cazar e eran sostidos polos demais) tiñan para observar o comportamento de todo tipo de animais.

Os lobos famentos achegábanse á banda ou tribo á amancida, cando o lume xa non tiña case forza e podían buscar entre as cinzas algún tipo de alimento. Dos osos, os humanos comían a médula e desbotaban a parte máis dura, que estes cánidos trituraban coas "armas" que Deus lles outorgou.

Así que estes lobos eran sempre observados por alguén que non tiña moitas ocupacións, mentres eles aproveitaban os alimentos que os humanos consideraban "lixo": osos, carnes duras, patas con pouca carne...

Algún can ou cadela puido chegar a ter certa familiaridade con algún humano feble. É un estendido costume animal que os febles se unan en vez de separárense ou loitar entre eles. E algún feble humano debeu adoptar algún "feble" lobo para que o acompañara a recoleitar ou facer alguna pequena contribución á banda ou tribo. Para sentirse útil para con quen lle mantiñan.

No intre en que algún can foi adoptado por algún humano, por pouco e mal considerado que este estivera no seu grupo, as ventaxes dun lobo fiel á túa beira foi evidente para os demais membros.

Dende advertir ó seu dono de perigos varios ata dar a vida por el. E o máis importante, a vantaxe de que che acompañe un animal a cazar. E máis se o membro feble non pode atinar co arco e a flecha, ou se move con dificuldade.

Os cans foron boa axuda na caza e esta era indispenábel para a subsistencia. Co tempo os humanos foron seleccionando cans que amosaban calidades mellores para a caza. Destas seleccións humanas naceu a raza teckel, ou a bassethound, mesmos os cativos yorkshire terrier.

A axuda dos cans para o pastoreo foi no Neolítico. Con anterioridade, posiblemente os humanos percibiron a facilidade dun can tipo lobo en manter unha grea humana (indefensos cativos, por xemplo) dentro dun territorio onde estiveran seguros.

Un can e ou unha cadela perciben ós cativos humanos como descendentes del ou dela, nunha hipotética grea de cans. Así que aplicar isto a gardar ovellas non foi un proceso mental pouco doado.

Na seguinte parte completarei o que falte (se me xurden dúbidas ou as planteades nun post) e falarei do caso escepcional dos felinos.


1) conste que os humanos atenden ós febles con técnicas curativas, acougo, beneficios... Mais en esencia acontece lo mesmo que nas greas de animais. Quen sofre presión para saír do grupo (ostracismo, máis recentemente mobbing) é sempre o comparativamente máis feble.

O caso do acoso laboral das mulleres ten moito máis que ver coa súa febleza física e escasa capacidade de defensa propia que co feito de seren atractivas para os homes. Aínda que loxicamente a natureza animal incita á atracción sexual con fins reproductivos, que isto se transforme en violación depende de circunstancias como conquistar outra tribo ou pobo, pois nas guerras de toda a historia humana sempre se violaron mulleres.

Nenhum comentário:

Postar um comentário