22/04/2009

Animais de compañía (e III). Como un ser feble precisou da compañía dos gatos

Na entrada anterior dixen que o caso dos gatos é diferente do dos cans. Comezaron sendo divinizados, hai 10.000 anos, mes arriba, mes abaixo :-).

Por cando en Palestina, a península Arábiga e en Siria, actual Irán, aínda pastoreaban, arredor do Nilo naceu unha civilización que adoraba ós felinos.

Os exipcios eran xente moi preparada. Sabían matemáticas, astroloxía, tiñan unha linguaxe escrita codificada... Admiraban as cousas fermosas, como aínda se pode ver nos museos e no deserto exipcio, en forma de pirámides.

Os primeiros gatos que aparecen en debuxos exipcios son da 4ª dinastía. Iso non obsta para que os felinos fosen coñecidos antes.

O motivo da teoría da existencia dun contacto cos pequenos felinos anterior ós debuxos achados no actual Exipto é que esta especie era abondosa no deserto que rodeaba tanto o Nilo Blanco como o Nilo Azul e a confluencia de ambos os dous.

Téñase en conta que, nesa época en que os gatos foron coñecidos por grupos humanos, o deserto facía que a humidade do gran río africano e da choiva fora absorvida por el.

De xeito que a desertización avanzaba diante dos ollos dos propios exipcios, dos palestinos do Sinaí, dos sirios, dos habitantes da península arábiga, etc.

Así que os depredadores de menor tamaño comezaron ver reducido o alimento de que dispuñan. A seca non deixa que roedores e coellos ou lebres, as pezas de caza con que se sostiñan os felinos, sexan abondosos. Aqueles comen herba e todo tipo de vexetais. Mais a presencia destes diminúe se non chove abondo.

Deste xeito, os felinos viron como a escaseza de roedores e lebres ou coellos reducía tamén o tamaño das propias greas. Estas foron sendo co tempo máis cativas, mentres que os seus membros viron reducido o seu tamaño.

Un gato común actual pesa entre 3 e 5 quilogramos. É posible que os devanceiros desta especie pesaran algo máis de 5 quilogramos cunha dieta abondosa de carne e proteínas animais.

Unha precisión: os gatos son carnívoros, aproximadamente nun 95% do que inxiren, sendo o resto vexetais do deu gusto. En cambio, os cans son omnívoros.

No caso dos cánidos, o tránsito da alimentación baseada en carne á alimentación variada que hoxe teñen, e que tamén prefire a especie humana, debeuse producir por cando os lobos febles comezaron a achegarse ós poboamentos de humanos.

Volvendo ó deserto, os gatos, famentos pola escaseza de pequenos animais para cazar, quizais obsservaron grupos humanos que facían noite nun oasis calquera. En cambio, en Centreoeuropa o felino común posiblemente tardara máis en xurdir como especie. Ata despois do desxeo non se daban boas condicións para as pequenas especies: pensen nos mamuts ou nos grandes bóvidos.

De todo isto podemos extraer

1) o período de achegamento ós humanos máis temperán debeu acontecer no Antigo Exipto, por cando os pobos veciños pastoreaban e eles en cambio xa constituíran unha civilización,

2) chegou haber tanta escaseza de alimento para os pequenos felinos, de non máis de 9 quilogramos aproximadamente, que estes animais sentiron que esa situación era máis que perentoria,

e 3) os devanceiros dos gatos, cos seus ollos fluorescentes na escuridade, podían ser vistos polos humanos de noite. Estes deberon aprezar a súa fermosura. Deberon sentir un gusto estético por estes pequenos felinos.

Tamén dixen na anterior entrada que os gatos remataron obrigados a constituíren colonias xerarquizadas de felinos destendidos, vivindo da comida que os humanos desbotan. Isto debeu acontecer en Siria, Palestina, e na península Arabiga varios séculos despois de que os exipcios divinizaran esta especie.

Nestas zonas xeográficas, o neolítico non produxo grandes civilización ata abondo tempo despois que arredor do Nilo. O deserto limítaos a tentar obter mellores colleitas con menos auga á súa disposición, pois aquel tende absorver a humidade, como xa dixen.

Nestas circunstancias, o alimento animal non procedía xa case da caza, senón máis ben do pastoreo.

Así pois, temos pobos de campesiños que enviaban animais con pastores a zonas con máis vexetación. A agricultura precisou sempre da gandeiría. Manter ovellas nun curro ten as súas ventaxes se este é amplo e está cheo de herba. Na época seca, que se corresponde co inverno europeo, faise necesario sacar estes mamíferos a zonas con máis vexetación.

No neolítico prodúcese tamén unha circunstancia que axuda ó achegamento dos pequenos felinos ós grupos de humanos. Nas zonas xeográficas sinaladas, as que rodeaban a Exipto e viran disminuídas as choivas, era posiblemente máis valorado o grao que os produtos de horta.

Gardar o grao esixe graneiros, onde o cereal é conservado como provisión futura. Deste xeito, os gatos eran bos para eliminar roedores que puideran escangallar o graneiro, ademais da colleita, ou mesmo da sementeira.

En Oriente Próximo, a domesticación de ovinos e, en moito menor cantidade, de bóvidos, debeu suxerir a domesticación dos gatos.

Basease esta hipótese en que a gandeiría consiste en obter crianzas dos animais que temos. E se os felinos cazaban no territorio dos humanos e logo marchaban a algures era doado supoñer que levaban alimento para unha grea deles. Así que adoptalos facía doado a aparición de greas que puideran ser domesticadas.

Mais por que domesticar gatos? Porque estes comerían roedores, coellos e lebres, que tanto escangallan a colleita e a sementeira. Ademais, os felinos, como son carnívoros, non tocan o grao. E como son cativos non teñen capacidade para atacar ovellas ou vacas con efectividade. Nin tan sequera 3 ou 4 gatos son quen de abater unha peza do tamaño dun carneiro.

E foi pasando o tempo. Grupos humanos cunha tecnoloxía cada vez máis perfeccionada foron desenvolvendo novos costumes sen perder os vellos. Por exemplo, pastorear e dispoñer de ovellas non saca de cazar de vez en cando: os animais en estado salvaxe teñen, para os grupos humanos de todas as culturas, un "sabor" diferente das especies que puideron ser domesticadas.

Mesmo no caso de existiren unha variante domesticada e outra salvaxe, como sucede cos porcos, esta última debeu ser preferida para os xantares de certa importancia. Os porcos comezaron a seren excluídos da alimentación humana, según o antropólogo Marvin Harris, por cando era xa visíbel a desertización progresiva de Palestina, Siria e a península Arábiga.

Cando os gatos comezaron a vivir nunha sociedade humana onde a tecnoloxía era día a día máis importante, deberon facerse peores as súas condicións de vida. Por que?

A metalurxia permite facer o suco máis profundo, con menos risco para a semente. Entón, os gatos fixéronse menos precisos.

A canalización da auga facía máis verde a paisaxe humanizada, mais tiña o inconveniente de afastar a pequenos mamíferos salvaxes deses mesmos territorios. Logo perderon os alimentos que máis doados lles eran de obter para se alimentar de carne.

Se o sometemento do espazo ós desexos humanos afastou as greas de animais salvaxes deses espazos humanizados, entón, os gatos só tiñan roedores para comer. A súa dieta fíxose menos variada e comezaron a achegarse ás casas na busca de alimento.

E os humanos non terían moito problema en ver desaparecer o "lixo", comida que desbotaban, sen esforzo algún pola súa parte.

Dende logo, como nos caso dos cans, os gatos deberon ser adoptados polos humanos máis febles destes grupos sociais neolíticos.

Esta hipótese baséase en que, como sabemos, os gatos non axudan ós humanos a cazar, como si fan os cans. Nin dan a vida polos seus donos. As calidades dos pequenos felinos, ademais da estética, debeu ser a admiración por ese ir e vir tan común neles.

O afecto que se recebe dos gatos depende dos desexos do animal, non dos das persoas. E coñecemos como valoran os humanos ese tipo de comportamento: abonda que un mozo amose interese por unha moza para que esta tente saber ata donde chega o interese del cun ir e vir, achegándose e separándose, semellante ó dos felinos. Entón el fai o mesmo, ata ver se chegan a un "acordo".

As calidades dos gatos son tamén outras. Rodeados de deserto, tiñan o costume (que moi posiblemente conservaron cando foron domesticados) de facer as súas miccións e defecacións na area.

Como os felinos agochan os restos fisiolóxicos da alimentación baixo as dunas, os humanos deberon pensar que eran uns animais moi limpos. Aínda hoxe loúbase o comportamento hixiénico das deposicións dos gatos e ponse á súa disposición area para que poidan facer esas necesidades.

Por outra banda, os gatos son menos "populares" entre os humanos que os cans. Polo tanto, agás excepcións como a exipcia, son menos valorados.

Por iso, greas de gatos viven en colonias, semi-dependentes de grupos humanos, mais algo afastadas destes. Porque, se as persoas pasan fame, os gatos saben mellor que cando a comida é abondosa. Xa se sabe o de "dar gato por lebre". Por algo será...

A caza de gatos debeu ser un entretemento infantil cando as choivas non chegaban a tempo de facer crecer a semente e a fame se estendía entre os grupos humanos.

Hoxe en día, en cambio, os concellos exterminan estas colonias de gatos semi-dependentes, porque os consideran unha plaga.

O caso dos gatos non deixa por iso de ser significativamente especial entre as adopcións humanas de animais salvaxes. As persoas prefiren mascotas doadas de manexar, coller no colo, mover de sitio, adestrar para fins prácticos... E os pequenos felinos non encaixan neste perfil.

Os gatos deberon ser admirados polo agarimosos que son, se queren, na medida en que non tiveran medo dun ser humano concreto ou dun grupo humano particular.

Ese ir e vir do afecto felino cara ós humanos debeu ser preferido por cativos e doentes que vían o tamaño dos cans como excesivo. E tamén por quen gostan de cariño temporal máis que da fidelidade incondicional dos cánidos. Sobre gustos non hai nada escrito...

Finalmente, se os cans representan o aspecto máis humanizado dun espectro de animais domesticados, os gatos representan o aspecto máis "interesente" (por pouco doados de prender, coller no colo, suxeitar...) del.

Os humanos teñen abondosas especies dóciles (vacas, ovellas, cans) preto deles. De xeito que os gatos foron sendo percibidos como a excepción desa regra. E admirados pola súa preferencia polos espazos limpos e solitarios.

Os gatos son terapeúticos para persoas con pouca mobilidade porque estes animais domésticos adoran os sofás e as camas, que son máis cómodas que o duro chan. De aí a pousar no colo dese humano feble hai só un paso.

Os gatos súbense tamén no bandullo (se a persoa está deitada), lamben a cara (cunha lingua que rasca), e minan, ademais dese son que emiten cando estan ledos. Estarán ás túas beiras se ti non te moves. Logo os doentes serán preferidos como compañía polos gatos.

E ese ser elixido polo animal, en vez de decidir ti o cando e o como, digamos que ese non ser "can", considerouse, e considérase, moi valioso. Deste xeito é posíbel que o feito de ser acompañado na túa estadía temporal como doente por un gato elevara o status deste.

Grazas Isis, gata persa cor tartaruga, catro cores diferentes que son como fíos de distinta textura nun tear. Nunca poderei dicir de ti algo curto, conciso. Sabes que, caso de falar do que ti representas para min, precisaría dunha longa novela. Estean pendentes dela, que pouco lle falta, e se Deus me axuda, céntrome e remátoa.

Grazas Jas, o can mestizado que ama unha muller. Nunca poderei esquecerte. Nunca amarei tanto un can como para desexar, como contigo, que fora persoa. Porque os nosos agarimos son "humanos" e de muller, ti ben o sabes.

Jas naceu e creceu ata os dous mesiños nunca casa onde o trataron moi ben, o adestraron, lle ensinaron cousas prácticas para a súa supervivencia, e fixeron del un can no sentido propio desta verba. Teño que dar as grazas, polo tanto, a esa familia, que fixo o traballo máis duro e deixou o can máis dócil do mundo para min.

Grazas Uxía Pequecha Arco da Vella por "cazar" a Isis cando, arrepiada pola mudanza, fuxiu e a "atopou" na planta baixa en construcción do edificio contiguo ó noso. E por vixiar por min cando ía soa a tomar o sol ó río Miño. E por non deixarte dominar como tenden facer os cans e as cadelas do mundo, agás os teckel, os rottwailer, e poucas máis razas desta especie.

Os teckel sonche moi seus, tan seus que... Non teño verbas para explicar como é un teckel. Quen queiran can ou cadela que teñan carácter e sexa de pequeno tamaño, ademais de agarimos@, que escolla un teckel. Ou quizais non....

Teño unha gata do deserto que é tan sociábel como un can, máis un can dócil, e tamén unha cadela, medio gata medio can, que quere mandar.

Porque, nesta grea humanizada que constituímos nós os catro, todos queremos mandar e en definitiva todos temos voz e voto.

Que aprendan eses que din que os animais son mala compañía. Sen eles tres eu non tería supervivido eses nove anos de anguria a que me levou certa situación laboral, despois outra situación laboral, máis tarde outra situación laboral...

Nenhum comentário:

Postar um comentário