18/04/2009

D. Marcial Gondar, ilustre antropólogo galego entre outras cousas tan ou máis senlleiras (parte II)

Cousas como admirar unha persoa teñen unha orixe que dimana do contexto no que se producen. E aquela promoción tan inmensa, para unha carreira como Filosofía (pura, non con letras), ten dende logo a pegada de Marcial. Á parte da súa impuntualidade, e de catro cosas que se poden estimar cativas en persoa tan ocupada, é un deses profesores que deixan a alma na aula e que compensa escoitar. Sobre todo se estas na busca de, e ansios@ por, aprender.

A primeira semana de clases comezou coa incomparencia de Marcial. Normal, os estudantes mesmo nin chegaron. Non foi o caso. Había medio cento de persoas metidas na aula 1 e o duplo a segunda vez que nesa mesma semana faltou. Cos anos atopei un sentido a esa ausencia do profesor. E a seguinte vez, enchida a aula 1 de novo, e con xente sentada no chan, por fin chegou. Entrou un home: vaia novidade, pois así figuraba nos horarios.

Marcial estivo calado o tempo que tardamos todos nós en decatarnos da súa entrada. Non sei canto foi. E iso que eu estaba atenta, se con tanto ruído fora posíbel. E comezou unha introducción ben diferente das que escoitáramos ata entón. Era sempre un discurso visual, gráfico, intelixente, ben fiado. Ben comprendido e mellor asimilado. Ninguén explicou nunca algo con tanta claridade, que eu lembre.

Ó mesmo tempo que expoñía con claridade, Marcial deixaba no ar existenciais dúbidas que nos facían sentir inquedos. Poñíamos un interrogante despois desa cuestión inquedante. E ás veces, como faíscas que saen do lume para demostrar o poder del, o discurso era un discurso sensu strictu. Nese caso moitos púñamos un "Marcial dixit" e outros queixábanse de que non deixara a cuestión aberta, como noutras ocasións.

É pouco doado transmitir o labor da docencia de calidade durante un ano. Certo que Marcial é humano, que uns días estaría máis motivado que outros e cousas así. Mais o certo é que aquel grafismo, aquela incitación a imaxinar e pensar, era una estratexia de profesionalidade. Marcial como profesor ten basicamente o don de ser profesional. E non dun xeito precisamente aburrido. Dunha maneira apaixoante, indescriptíbel, máxica.

A maxia é a calidade que ó meu xuízo mellor describe a este honorábel profesor, que honra o seu oficio e a si mesmo como ningún que nunca antes tivera. E algo semellante aconteceu a ese cento de homes e mulleres que aquel primeiro día de clase estabamos alí, durante nove intensos meses. Que non se perdía ninguén unha clase de Marcial nin sobornándoo. Se tiñas traballo buscabas un oco e ías. Nove de cada dez deses casos ías.

Perder ese espectáculo fermoso de profesionalidade debería estar recollido no código civil, no caso concreto de Marcial e dalgún que outro xenio máis, como unha falta leve de imbecilidade. Ter eses coñecementos ó teu alcance e perdelos é impensábel para un estudiante de primeiro de Filosofía ou de calquera bo oínte que se preze. Aí queda iso.

Podería seguir escribindo disto da profesionalidade docente como situación excepcional no tránsito polo sistema educativo. E quizais o faga, para tormento voso... Tiven moitos profesores moi bos, mais como Marcial aínda non vin outro. Cumpro este ano vinculada á universidade 25 anos.

Um comentário: