25/04/2009

CATRO TIPOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO (2)

Hai 45 días que escribín sobre o tipo básico de violencia de xénero, que é o machismo. Tamén ese día falei do sexismo, que propiamente non é violencia de xénero senón discriminación cultural dos roles e das expectativas con que se socializa ás persoas según sexa o seu sexo.

Tardei tanto en volver escribir sobre este tema -un mes e medio- porque non podería vivir co desacougo que me produce que un ser humano cunha constitución corporal máis forte que a dunha muller calquera (nun 99% dos casos é así) discrimine, minusvalore, traumatice, violente, viole unha muller.

Non. Non podo vivir se día a día revivo a teoría que tan ben aprendín e tan mal apliquei. Porque se supón que se coñeces a teoría deberías saber como solucionar iso mesmo cando che pasa a ti. Non é o caso.

Hai tanto patriarcado, tanto machismo non percibido polos propios homes que consideramos bos (o pai, o irmán, o esposo) que non podo solucionar eu soa tanto conflicto de intereses.

Porque a interacción cotián entre homes e mulleres é un foco de conflicto de intereses.

Intereses relacionados coa idea de que as mulleres queren mandar. É o caso das executivas que mandan sobre homes. É o caso da ministra Chacón mandando sobre sobranceiros capitáns xerais e demais andrómenas. É o caso de sinxelas amas de casa e nais.

Intereses relacionados co acoso laboral. Convén ter unha traballadora aterrada porque, ou é dócil e entón quen sabe que acadarás dela, nun senso sádico e físico, ou non é dócil e marcha da empresa, o cal é lóxico porque non serve nin para facer unha mamada. Perdoen a expresión.

Hai máis factores distorsionantes na interacción cotián entre homes e mulleres. Lembrarei que mencionei este aspecto no próximo post sobre violencia de xénero, para desenvolvelo mellor.

Porque quero falar do segundo tipo de violencia de xénero, que veño de definir en versión curta.

Como todas as mulleres somos traballadoras por definición, é por iso que trato o acoso laboral antes do maltrato doméstico. Considero que as mulleres traballamos antes de atoparen quen nos maltrate na casa. A non ser que o maltratador sexa o pai. Diso tamén falarei no seguinte post.

O acoso laboral é un problema global. Acontece nas "free Trade Areas" que existen nos países pouco desenvolvidos, nas que non hai dereitos para ninguén. E acontece nas nosas democracias constitucionais, malia o que diga a Constitución e as leis que elabore o goberno de quenda.

O acosador ten un perfil definido. Infravalórase. Tamén é certo que é polo xeral un mediocre con "sorte". Pasa desapercibido cando advirte un ambiente hostil. Aprendeu destas situacións, nas que se foi curtindo pola súa mediocridade nunha contorna loxicamente competitiva. E aprendeu, sobre todo, como ter unha sorte de vida paralela que pasa tamén, polo xeral, desapercibida.

O acosador, caso de estar casado, aspira a ter un harén de escravas sexuais. Soña, máis ben, durante anos, con dominar unha grea de mulleres como un macho alfa. E como as mulleres xa son autónomas e liberadas, atopa na aportación laboral das mulleres un motivo máis para se sentir desposuído desa superioridade do macho alfa.

Explícome. Para o acosador, as mulleres autónomas e liberadas son PUTAS. Así, en letras capitais. Se a súa esposa, de noiva, foi virxe ata estar con el, o acosador atopará en cada muller virxe un obxecto de desexo e en cada muller non virxe un motivo para considerala menos, tratala peor, e solicitar servizos sexuais que non figuran no contrato da ínclita.

Os acosadores solteiros ou divorciados teñen o inconveniente de que van visitar onde vives e ollan a ver se perceben algún movemento detrás das fiestras. De que te chaman a horas raras, inusuais, nocturnas, e non responden a ese "diga, diga" desesperado da acosada. Chaman con número descoñecido, que só mediante unha orde xudicial pode ser obtido.

Toman tamén todas as precauciones posíbeis. Dominan as excepcións e demais rarezas legais que eximen de condea. Sábense as coartadas máis perfectas. Disimulan mentres acosan dun xeito tan estudado que poucos son quen de decatárense. E os que o advirten non queren dar creto ó que ven ou perceben.

Porque todos os homes, con excepcións notábeis, son cómplices do acosador. E todas as mulleres que despois de decatárense da situación non fan nada por esa outra muller que sofre son tamén cómplices do acosador.

Da situación psíquica da acosada direi só que perderá a auto-estima e se desprezará a si mesma pensando que algo faría para que lle fagan iso. Tal cousa pensan tamén os cómplices por omisión de socorro, así que non pareza raro que as acosadas pensen do mesmo xeito.

Os danos morais, dos que nunca se recuperará, non teñen prezo. A renuncia a ese posto de traballo si ten prezo, mais raramente o pedirá (xuízos, publicidade, notoriedade...).

O próximo día, o maltratamento doméstico.

Nenhum comentário:

Postar um comentário