28/04/2009

As interminábeis pingas da túa esencia (I)

Estabas de costas a min. Ollaba as formas xeométricas do teu corpo. Os teus ombreiros son redondos. Non vía os teus peitos.

Non sabería dicir que sentía mentres a miña pel se ourizaba. Percibín a túa estrañeza.

Suspendín a visual exploración anatómica da túa branca fermosura ata coñecer se ti estabas disposta.

Décheste a volta. A blusa suxería unha contorna suave e firme. O teu ollar dicíame cousas máis alá do desexo.

Todo eran bocas de peito, duras como as pedras.

Pingaban as estalactitas e as estalagmitas das covas calizas do teu corpo.

Non sabes como o sabía? Sabíao porque o oco onde repousa a túa lingua abríase coa sensualidade tan naïf da túa figura.

Fun eu quen deu un paso adiante.

Achegueime máis e pousei os meus beizos sobre os teus. Unha faísca saltou dos nosos lumes. A paixón acendeu as nosas fonduras.

As miñas mans pousábanse xa nas túas cadeiras. Ás veces gabeaban ata eses montes redondos. Outras prendían a túa cintura con suavidade.

Cando non existía un milímetro de separación entre ti e eu. Cando branca era a cor da túa tenrura...

Entón, as miñas mans rozaron o teu pescozo e o teu rostro. A túa pel é tamén branca -matinei mentres te sentía.

Comezaches a beixarme as meixelas e as pálpebras, pechadas sobre os ollos por mor desa sensación inexpresábel.

De súpeto, decateime das túas bágoas. Tamén outras humidades debalaban.

Por que choras? -preguntei.

Polo mesmo que ti me desexas e eu devezo por ti -dixo ela.

E que é iso? -volvín preguntar.

É que teño a melodía dun violín soando nos meus ouvidos. É que te desexo -respondeu.

Choras porque me desexas... -dubidei mentres eu dicía isto.

Choro porque ti fas saír de dentro de min as interminábeis pingas da miña esencia -concluíu.

Entón chorei eu. Sucedeu mentres as túas mans rozaban con suavidade a miña contorna. Arrecendía a muller, a sensualidade, a sedución.

Fun ata o sofá e deiteime ollando cara a ti. Había en min unha necesidade. A de te beixar e apalpar o teu corpo. Sen présas.

Deitácheste no sofá con xestos suxerentes e harmoniosos. Cara a cara. Eu xa escoitaba esa melodía de violín nos meus ouvidos. A mesma ca ti.

Puxen as mans nas túas cadeiras e ti rodeaches o meu pescozo. Unidos xa os corpos, as almas debalaban por entre as pernas.

O que aconteceu despois xa volo contarei, na seguinte entrega.
Postado por galegaenmadrid às 10:30 AM

Nenhum comentário:

Postar um comentário