Mostrando postagens com marcador MARIANO RAJOY. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador MARIANO RAJOY. Mostrar todas as postagens

26/02/2009

Máis leña! Isto é a guerra! (Groucho Marx)

A moitos e moitas xa nos parecía, dende primeiros de xaneiro, que a actualidade política tornábase máis cruenta, máis dramática e máis negativa. Nesta entrada de hoxe farei unha versión moi miña dos feitos -miña porque tanta e tanta xente mo pode discutir.

Ían pasando os días e case todas as asociacións de xuíces decidían algún tipo de folga para o 18 de febreiro. As pre-campañas galegas e vascas xa comezaran. O poder xudicial será independente do poder lexislativo e executivo, mais os xuíces son, visto o visto, máis sensíbeis cando se achegan eleccións.

Quen non é independente do poder xudicial é o executivo, que precisa daquel para levar a bo porto iniciativas destinadas, hipoteticamente, a beneficiar a todos e todas. E así veu a ilegalización de xa non me lembro que siglas. Non polas ideas, dinnos, senón polas persoas. A isto chamábase na era MacArthur "caza de meigas".

Non sei en que momento preciso deste proceso soubemos que as eleccións vascas ían coincidir coas galegas, e o mundo enteiro, o orbe e as estrelas do firmamento tremeron.

Non era para menos: se o PSdeG non desexaba contaxiarse da Economic Crisis Flu, o BNG anticipaba unha interferencia que non se produciu entre os problemas do País Vasco e as circunstancias de Galicia. Quen ía dicir entón que quen máis leña botaría ó lume ía ser o PP. Ou quizais era previsíbel.

O partido de Rajoy viña ilustrándonos coa súa vida privada, léase coas liortas polo poder, pola influencia e polo ideario, que tamén.

Non é estraño que as persoas que non teñen medo de dar a súa opinión sexan máis tarde obxecto de escrutinio. Ou de falsas acusacións. Ou que lle devolvan o mal karma que meteu no corpo a outros, porque é a natureza das cousas volver a onde partiron.

O anterior parágrafo ven a que Esperanza Aguirre, muller valorosa e coas ideas claras, tiña por todas esas razóns que atopar problemas neste ambiente pre-electoral. De momento non se sabe se coñecía irregularidades cometidas por cargos do seu partido. Nin probablemente tiña por que coñecelas. Non así Rajoy.

Cando se difundiu que se estaban a investigar casos de corrupción e que estes estaban vinculados ó PP, todo o mundo ollou cara a Esperanza Aguirre. Tanto Rajoy como El País tíñana no seu punto de mira. Quizais o mereza ou quizais non. O mundo é máis inxusto coas mulleres, ou iso penso.

Non é a miña intención desculpar ó PP de nada que os seus membros fixeran. Só pretendo expor que Esperanza Aguirre non pode ser tan mala como a pintan, aínda que en Madrid moitos e moitas din que aínda é peor. Digo isto porque as irregularidades de cargos do PP, que están distribuídas por todo o estado, non sempre dependen da vixilancia da comunidade autónoma. Mesmo poderían ser competencia da Deputación, caso dos concellos afectados.

Se falamos doutros tipos de cargos que non sexan alcaldes, entón existen dúas posibilidades: que sexan aforados, ou que non o sexan. No primeiro caso precísase do Tribunal Supremo para podelos procesar, que será onde rematarán as tribulacións de Garzón, xuíz instrutor da trama de corrupción. No segundo caso están o cese que Esperanza Aguirre e Gallardón tiveron que facer nas súas respectivas equipas.

Atacado o PP en pre-campaña, Esperanza Aguirre tivo que proceder como o faría o máis pintado no mesmo caso. Adiando.

O que me sorprende é que nos sorprendamos por tal estratexia dilatoria. E non tanto porque se pretenda tapar o asunto, senón porque os farrapos sucios que se sacan en campaña deslocen máis e custan máis caros. Porque será liberal ou non, mais Esperanza é afiliada ó PP e como tal ten unhas obrigas estatutarias. Ou non?

De "merda do PP" foi como onte á noite cualificou Wyoming -xa saben, o de LaSexta- os devanditos casos de corrupción. O cómico, limpacristais en man, pretendía limpar a “merda” do plató para que non se meteran con el e coa cadea. Deste xeito estaba a reflectir que quen ataca ó PP é logo obxecto dos seus ataques.

Coa actitude do PP de enlodar ós demais, o único que se demostra é o que di o refrán castelán: "charco encenagado quiere encienagar a cien". Descoñezo se este dito ten versión galega. Quen lea este blog pode dicirme cal é.

E así temos ó PP a atacar como xeito de se defender. E así os seus votantes, enchidos de fervor popular, non reparan nos casos de corrupción.

Señoras e señores, isto é a guerra!

25/02/2009

VAIA DOUS!

Vaia dous, Gallardón e José Blanco, saudándose na Praza Maior de Lugo, que loce na televisión como si fose a do Obradoiro. Por outra banda, sábese que Feijóo, o candidato polo PPdeG, non quere que lle veñan arroupar, en cambio, Esperanza Aguirre e Francisco Camps.


O vídeo do inusitado encontro pódese ver en Libertad Digital http://www.libertaddigital.tv/ldtv.php/beta/videoplayer.html/Oy2aC7WDme8 e tamén en El Mundo http://www.elmundo.es/elmundo/2009/02/24/espana/1235491017.html (en versións reducidas).


A interpretación que da ausencia de Aguirre y Camps dá Feijoo pódese coñecer en Libertad Digital, ver http://www.libertaddigital.com/nacional/feijoo-cancelo-por-la-actualidad-politica-la-presencia-de-aguirre-y-camps-en-campana-1276351744.


A min, como a todo o mundo, o que máis me intriga dese vídeo do encontro entre Gallardón e Blanco é esa frase do de Palas de Rei: "se me vai ben a mi, probablemente tamén che irá ben a ti".

Pois non hai que ser moi malpensado ou malpensada para supoñer que Blanco tiña os miolos postos nos comicios vascos, porque o que é en Galicia o PP e o PSdeG lévanse como o demo. Mais no País Vasco é diferente.

Na entrevista que se emitiu onte en Cuatro, a de Iñaki Gabilondo co candidato á presidencia de Euskadi polo PPdE, Antonio Basagoiti, este daba voltas ás verbas para non dicir e rematar dicindo que si podería haber pacto entre el e Patxi López, candidato do PSdeE. Haberíao se o PP precisara do PSOE para gobernar. E como iso é imposíbel, pois ben podería ser ó revés.

Si que é forte unha alianza entre inimigos naturais para evitar que goberne o PNV.

Non creo que chegue haber alianza en Euskadi entre o partido de Zapatero e o de Rajoy. Aínda que se entenden abondo ben no que respecta á ilegalización dos abertzales e en política anti-terrorista (só dende que ETA rachou a tregua). E aínda que a opción de ver a Patxi López pedindo axuda ó PNV en casos puntuais, como os orzamentos no parlamento autonómico, é pouco probábel. Porque que prezo pediría Ibarretxe? Moi alto. E por iso, a alianza entre PNV e PSdeE semella descartábel.

En cambio, se no País Vasco gobernara o PNV e precisara axuda do PSdeE, a axuda do PNV a Zapatero sería unha opción máis razoábel. Por iso están a dicir os conservadores que o PSdeE quere unha derrota, por pouca diferenza -un ou dous escanos-, mais derrota. En cambio as enquisas sitúan a ambos os dous con opcións de gañar en minoría.


Poden ver as tres opcións que analiza Libertad Digital, ademais de datos sobre intención de voto, en http://www.libertaddigital.com/nacional/las-opciones-de-rajoy-tras-el-1-m-1276351654/. O pacto entre PSdeE e PPdeE considérase probable neste medio de comunicación.


Eu vexo, en cambio, unha carta opción. Esta sería un empate técnico entre PNV e PSdeE. E a solución sería que Ibarretxe pedira axuda a xa se sabe quen, dependendo dos escanos que lle aporte, por moito que prefirira non facelo.


Quen non pactaría con EA sería o PSdeE. E por iso, en caso de empate técnico entre PNV e PSdeE, se a cousa dependera de EA, o PNV gobernaría e o PSdeE non. Mais a que prezo para Ibarretxe? Alto.


Logo a única posibilidade que ten o PSdeE de gobernar no País Vasco, en caso de empate técnico co PNV, sería pactar co PPdeG.


Así que a frase de Blanco a Gallardón podería ser unha primeira achega, televisada polo interese de se atoparen os dous no mesmo espazo físico, entre o PSOE e o PP.

No País Vasco, a ver que acadan e a ver que amañan PP e PSOE, aínda que só sexa un apoio en casos puntuais.


Porque se a cousa está xusta, e a balanza cae do lado do PSdeE, quen dixo nunca xamais? De momento ninguén. E a frase de Blanco semella confirmar esta posibilidade.

Despois está a decisión de Feijóo de non traer de Madrid a Esperanza Aguirre e de Valencia a Francisco Camps. Sabemos que ambos os dous son centro do furacán polos casos de corrupción que se están a investigar no eido das súas respectivas autonomías.


Mais no PP deben saber máis ca nós da suposta implicación de cargos seus na devandita trama de corrupción. E por iso téñenos en corentena e non os usan para a promoción estrela da campaña: políticos de Madrid para axudaren a quen dependen de Madrid para tomaren decisións e chegaren a pactos.

De todos os xeitos, eu non desbotaría outra interpretación diferente da miña e da que dá Feijóo. Este opina que Aguirre e Camps teñen abondo traballo nas súas respectivas comunidades.


E digo eu se a ausencia de Aguirre e Camps non será pola fratricida guerra entre Rajoy e os chamados "liberais", na que Feijóo se puxo do lado da autoridade competente, como no exército. E despois hai unha morea de galegos e galegas que votan a un candidato que lambe xa sabe vostede que parte anatómica do corpo de Rajoy.

Señores e señoras votantes do PPdeG, non entenden que Galicia precisa un goberno de seu antes de volveren gobernar os de Madrid, sexan socialistas ou pepeiros? Nisto acontece como na chamada Transición, cando se cría que se non gobernaba un presidente socialista ninguén podería crerse que isto era unha democracia.


Sei que non queren entenderme. Para vostedes só valen os de Madrid. E non pensaron no que Galicia precisa? Seica non.

23/02/2009

AND THE WINNER IS... PE... PENÉLOPE CRUZ, DE ALCOBENDAS (COMUNIDADE AUTÓNOMA DE MADRID)

A estas horas, Pe estará xa a rematar de celebrar o seu Oscar. O máis salientábel deste feito é algo absolutamente inmaterial: que Pe tivo que crer que o acadaría para podelo obter. E así sucédenos a todos, que só polo feito de crer en nós mesmos dun xeito continuado podemos ver os nosos soños feitos realidade, polo menos en parte.

A información básica sobre a vitoria de Pe e o vídeo onde se ven os agradecementos eran xa moi cedo pola mañá o número 1 e 2 entre os artigos máis vistos do xornal El Pais na súa edición dixital: http://www.elpais.com/articulo/cultura/Oscar/corona/sueno/elpepucul/20090223elpepucul_1/Tes. Aquí veredes tamén o vídeo.

E sucede que, botando un ollo entre os artigos máis valorados na lista que aparece na web deste xornal atopei, no posto 10, un artigo deses que moitos pasarían por alto. Chámase "Deus habita no cerebro". E reprodúzoo para relacionalo coa vitoria de Pe: http://www.elpais.com/articulo/sociedad/Dios/habita/cerebro/elpepisoc/20090223elpepisoc_1/Tes.

Señores, a metafísica xa non ten razón de ser. Nin a socioloxía comparada das relixións, nin a teoloxía. Lin neste artigo que os homes imaxinan a Deus con calidades antropomorfas (tentamos "motivalo" a facérenos un favor, por exemplo). E que aos seres humanos cústalles pouco crer en Deus -moita menos reflexión que non crer nel. Ou sexa, que somos uns crédulos.

Pois a min paréceme ben ser crédula. Esa rapaza de Alcobendas, que vía a cerimonia dos Oscar na noite pechada e soñaba con gañar un deles, non o tería acadado sen non chega a imaxinalo primeiro. Eu imaxinei un día que escribía un blog serio en galego e aquí estou.

Hai soños e soños. Alcobendas era, cando Pe naceu, un pobo -pobo grande mais pobo, vidi infra- onde comezaban a vivir os máis ricos entre os ricos, pois "La Moraleja" pertence a este termo municipal.

Así que a nena que soñaba con ser actriz de éxito tiña exemplos viventes do seu ideal non moi lonxe dela.

Viven neste barrio de Alcobendas quen queren respirar o aire da serra de Guadarrama sen estar no monte, quen desexan certo anonimato do que non gozan na capital, e quen en definitiva poden pagar os altos prezos do chan que rexen neste concello.

Que para estar preto do monte teñan que investir tantos cartos deixa a Madrid á altura dun pobo calquera, aldea ou tribo do mundo, onde os rumores acalan as virtudes destes triunfadores.

E así é en definitiva a Gran Mazá: unha cidade provinciana latexa en cada grupo de coñecidos, aínda que isto non rexa para os inmigrantes estranxeiros recentes, que se ven perdidos na urbe.

Mais Alcobendas non deixa de ser un pobo. Un pobo que medrou e acadou algo máis da poboación que ten Lugo cidade. E que destaca polo seu gran dinamismo demográfico. Mesmo ten unha asociación de galegos...

Separado de San Sebastián de los Reyes por unha liña imaxinaria -unha beirarúa é dun concello e a outra beirarúa é doutro-, os habitantes foráneos botan en cara ós de Alcobendas de toda a vida que ata hai quince anos andaban a armar liorta nas festas de Sanse. Concretamente, tirábanse pedras os uns aos outros. É así a vida, aínda que hai poucos meses obtiveron o estatuto de gran cidade para beneficio do alcalde.

Claro que San Sebastián de los Reyes tiña xa daquela moita sona polas touradas que organizan nas festas patronais. E os de Alcobendas lembrarían, nestas datas destacadas, que eles non teñen praza de touros, cousa que de Pedrafita para abaixo dá moita importancia a un lugar calquera.

Por certo, que Pontevedra ten praza de touros. Será españolista Pontevedra? Terán os seus habitantes sangue de folclórica e apoderado ou toureiro? Será por iso que Rajoy non fala galego? Será por iso Pontevedra obxecto de envexas?

Pois nada, que Pe gañou un Oscar á mellor actriz de reparto e que Alcobendas vai comentar o feito con máis entusiasmo que calquera. Está ben iso de nomear o pobo onde creciches por moi pailán ou pailana que un fora daquela.

Porque xa se sabe, o ascenso social está moi mal pagado, sempre en avión, privado polo xeral, de aquí para alá con sesións de fotos, co cansazo que dá. E veña poñer cara de que ben estou, que feliz son e cousas así. A estas horas Pe debe ter os beizos doridos de tanto sorrir.

Felicidades Pe. Lémbrome moito de ti. Porque ti non sabes, nesas alturas non se ve, que teño unha cadela de pedigree chamada Uxía, que é un nome moi bonito e moi galego. Pois Uxía só responde ós nomes de Pequecha ou Pequerrecha ou Penequerrecha, verba inventada por min, prégolles por favor que non interpreten mal este nome.

Ó que sucede é que para aforrar esforzos chamo á miña cadela Pe, como chamamos todos e todas a vostede, que nunca lerá isto.

E mellor, porque entre que non entende a lingua e que as comparacións son odiosas, se non le esta entrada deste blog nunca saberá que me lembro de vostede cada vez que chamo á devandita femia teckel para que veña xunto de min. Ten unha cara moi preciosa, mesmiño como vostede, para ser cadela, quero dicir ela, non a Pe que ía vestida como unha raíña. Insisto, as comparacións son odiosas.