Mostrando postagens com marcador ANIMALES DE COMPAÑIA. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador ANIMALES DE COMPAÑIA. Mostrar todas as postagens

26/05/2009

SOBRE OS NOMES PROPIOS DOS OUTROS ANIMAIS DOMÉSTICOS (cadrúpedos, bípedos con plumas, anfibios, invertebrados e mesmo plantas)

Cando comecei a facer ese longo traballo de campo que me lexitima, xunto coa tese de doutoramento, a me chamar antropóloga, pensen vostedes que o son ou non, aínda non cumprira os vinte anos. Daquela había máis "aíndas":

-aínda non tiña práctica en falar galego;

-aínda non coñecía ben a nosa cultura e o noso patrimonio material e inmaterial (en cambio valorábao); e, ao que vou,

-aínda non me achegara tanto a unha vaca como para tocarle o lombo mentres dicía en alto o seu nome propio.

O feito de que as vacas teñan nomes propios era totalmente descoñecido para min. E como de etnógrafa ía polo mundo, tiña que preguntar o porque dos nomes propios destes case inofensivos bóvidos.

As respostas a por que "Pinta", ou "Branca", ou... eran do tipo a) ese é o nome que se lle adoita dar a unha vaca cando ten certa cor e estas e aquelas características, ou do tipo b) ese foi o nome que se me ocorreu.

A seguinte pregunta era loxicamente por que dar nome propio a unha vaca. E aí tocaba o aquel sensíbel do dono ou da dona daquela. Porque inquirir por algo que

-con toda probabilidade acontece dende o comezo do neolítico; por algo que

-foi transmitido de xeración en xeración;

-en suma, preguntar por que dar nome propio aos animais domésticos ou cercanos, presentes nas nosas vidas cotiáns, é como preguntar a un/a filósofo/a por que o ser e non máis ben a nada, que foi ao que dedicou un groso libro o alemán Heidegger.

Pois iso era precisamente o que eu insistentemente preguntaba cando xordía o tema na conversa:

-por que "Pinta" e non máis ben "Vaca". E aí non hai andrómenas que valan. Ou somos, temos ser, ou non temos ser aínda que existamos (mediante a crenza), como lles pasa a Deus, á esencia, á nada, e ás greas de vacas esparexidas polo mundo.

Polo tanto, ou a vaca ten nome propio ou non ten ser, só existe como unha presenza non desexada ou como unha crenza. Ou sexa,

-ou ben es unha vaca ninguén, unha femia de bóvido calquera entre greas delas esparexidas polo mundo, das cais cres que existen aínda que non as vexas, vacas cunha existencia suposta sen realmente seren nada para ti,

-ou ben dámoslle ser á vaca mediante un nome propio.

Este fenómeno -chamar a unha vaca "Pinta", a unha pomba "María" (ou "Mariano" porque pode ser un pombo), a unha cadela "Pequecha" ou a un gato "Dous", porque é o segundo felino macho que tivestes, lévanos, non tanto á pregunta de por que nomear as cousas do noso ecosistema, como a estaoutra:

Que dicimos cando damos nomes propios a cadrúpedos, bípedos con plumas, anfibios, invertebrados e mesmo plantas?

"Pinta" expresa que é unha boa exemplar de vaca de certo tipo e características. Mais outros nomes de vacas, máis persoais e menos consuetudinarios, por non dicir que se trata de nomes non tradicionais (como "Betty" ou "Preciosa"), expresan outras cousas.

Non haberá dono ou dona de vaca, galo (as galiñas non adoitan teren nomes), can ou cadela, gata ou gato, arácnido ou crianza doutras especies animais e vexetais que non teña os seus motivos para nomealos/nomealas como lles pete, ben sexa dun xeito característico, ben sexa dun xeito consuetudinario.

O principal dos motivos para nomear animais ou plantas é o afecto que se lles colle.

Así que cando xa levaba 3 dos 10 anos de traballo de campo que me lexitiman, xunto coa..., bla, bla, bla, adoptei unha crianza macho de felino que tiña menos de dous meses. Nos meus brazos de moza sa e deportista semellaba unha folla caída polo outono: tan fráxil era o gato.

Tardei en plantearme que nome lle ía dar a ese o meu primeiro animal doméstico. Será que o Neolítico me colleu facendo excusións a Marte, porque aínda non interiorizara que aos animais aos que se ve todos os días e aos que se lle colle afecto precisan dun nome propio.

A pregunta polo nome do gato xurdíu dalgunha gorxa que non era a miña, ocupada eu como estaba en mercar leite maternal para felinos e dárllela coa axuda dun teto de plástico, como aos bebes.

Que nome lle vas poñer ao gato? -preguntou alguén. E eu fiquei abraiada por non saber que responder.

Reflexionei en frío o asunto do nome. A opción máis sinxela era chamarlle "Gato" e acabouse. Moita xente o fai -pensei.

Mais algo da socialización que me foi transmitida polo traballo de campo que bla bla bla debeu callar en min neses tres anos. E entón pensei que lle tiña que dar ao felino un nome mítico, como mítica é a súa especie.

Non tiven en realidade que matinar tanto. Todo o mundo ten lembranzas positivas asociadas a algún nome. Polo xeral trátanse de pegadas que persoas ou debuxos de animación deixaron nos nosos miolos.

Ensaios, novelas, autores, persoaxes de ficción son tamén unha fonte de inspiración nisto de poñer nome propio. Unha facebookiana amiga chama ao seu can cocker "Freud" (saúdos, se isto les).

E eu púxenlle ao meu gato o nome do máis antigo dos filósofos coñecidos da antigüedade: Tales de Mileto. En realidade só "Tales", pois o felino tiña como identidade, en función do seu lugar de nacemento, a de malacitano gato común europeo.

Pasaron os anos e unha gata minou diante da porta da miña morada. Todos os veciños e todas as veciñas estaban en algures pasando a ponte da virxe de agosto. Menos eu. E a gata achegouse a onde se ouvían voces, a onde se olía a comida e a ser humano. Abrinlle a porta. Ela entrou como un disparo ata o fundo do salón, no primeiro andar da vivenda.

Entón fun ollar cos meus propios ollos que tipo dentro da especie felina era ese exemplar tan axil como para que o seu movemento non me deixara ollalo ben.

"Isis" pareceume a máis fermosa gata persa do mundo, así que o nome non tiven que matinalo moito. Persia, o deserto, o Nilo, o Tigris, o Eúfrates, a civilización occidental e, dentro dela, a única que se coñeza que adorara aos gatos e ás gatas como deuses e deusas: a exipcia.

Pasou o tempo e un criador deume a elixir entre catro nomes ou cinco, non me lembro ben, que comezaban polo "U" para unha femila teckel de pedigree. Suxeriume "Ursulina", que eu enérxicamente desbotei indicando que nunca na miña vida lle poría ese nome, así me torturaran.

A única opción que eu vía posíbel, para darlle nome a unha cadela, era "Uxía", e xa veríamos se como el dicía non respondía a tal nome ou se si respondía.

"Pequecha" estaba a saber que me refería a ela cando dicía en alto, con ela no meu colo, esta é a miña "Uxía". Mais o nome ao que responde vén dunha escatolóxica situación.

Sendo Uxía moi cativa, ser pequecha era o que máis destacaba dela: semellaba un rato. E estaba ela defecando dentro de casa cando, cun ton de sorpresa e noxo, exclamei: "Pequecha"! E a defecación cortouse e acabouse a cuestión.

Entón entendín que o seu ser era precisamente ser pequecha e que en "Pequecha" ficaría o seu nome.

Pois xa vedes, se arbitrarios somos en elixir nome propio, canto máis arbitrarios seremos cos nomes comúns, que son os máis abondosos.

Palabras polisémicas, porque significan varias cousas a un tempo dependendo do contexto onde se insiran; metáforas, esas transposición dun "aquí" real a un "alá" ficticio; metonimias -o todo pola parte, ou a parte polo todo; e tantos outros procedementos para nomear cousas comúns, que en certa maneira son, mais que non existen se non dicimos o seu nome, como acontece coa "nada" heideggeriana.

Espero que vos gostara.

19/04/2009

Animais de compañía (parte I)

Hai días en que unha se esperta animosa, espiritual, e lle dá por reflexionar. Se os erros son inevitábeis, abofé que os acertos tamén o son. E vindo e indo reflexións nos meus miolos, decateime de súpeto do moito que lles debo ós meus animais de compañía.

Non é que non o pensara antes. Polo contrario, son conscente diso. Mais a verdade é que estes cuadrúpedos que dende hai 9 anos están ás miñas beiras (nunca mellor dito) non verán nunca recoñecidos os seus esforzos por mellorar a miña calidade de vida.

Os animais de compañía gozan dun inmerecido esquecemento dos seus dereitos. Estes, establecidos hay máis de trinta anos nunha declaración universal, son sistemáticamente violados e esquecidos.

En caso de dúbida, os bípedos temos máis intelixencia, determinación, e sobre todo falamos. Alguén debería escribir un ensaio sobre as virtudes do silencio, para o cal necesitaría moitas e baleiras verbas.

Pois eu penso que non falar é unha das virtudes dos animais de compañía. Nunca dirán "tratáchesme mal en tal periodo (confuso e duro con toda seguridade) da nosa convivencia". Nin "leváchesme pouco a xogar cos meus irmáns cando me adoptaches: botábaos tanto de menos!".

A segregación das camadas de animais de compañía en familias humanas impide que se organicen e monten unha andrómena como este mundo noso, tan absurdo.

Porque os animais de compañía teñen unha cousa ó seu favor. O olfato. Recoñecen polo olor o sexo, idade, status na organización familiar e tipo de comportamento axeitado. Porque os olores din máis do que pensamos.

Non deixa de ser irónico que a conciencia da propia existencia (ese sentirse nus da Biblia) e o pensamento debiliten, mentres que o instinto fornece. Como exemplo contarei dúas anécdotas.

Miña cadela teckel Uxía Pequecha Arco da Vella, luguesa por máis datos, sabe polo olfato as intencións dos descoñecidos que se achegan a min.

E a miña gata persa Isis selecciona candidatos a parella estábel entre os mozos que con máis ou menos frecuencia viñeron a casa, aínda que só fora unha desas visitas curtas de "pasaba por aquí... e teño que marchar en media hora porque...".

Nós, eses seres privelixiados por seren conscentes da súa existencia, sobre todo das propias debilidades e da soidade existencial... Eu penso que todo iso non non fai superiores e que, como viña dicir Nietzsche, nos debilita,

Pois vaia privilexio montar un sistema sobre un individualismo desintegrador. Teñamos en conta que as persoas ailladas perden a protección do seu grupo social. Un ermitaño é vulnerábel á todo tipo de perigos. Un sociábel bebedor de viños na taberna está en cambio protexido polos seus compañeiros na ritual loubanza a Baco.

Así que os cans e os gat@s -estas dúas especies son as que máis e mellor se adaptaron á organización social e familiar humana-, esparexidos polo mundo adiante, están imposibilitados para formar organizacións sociais. Non interacciónan con outros semellantes máis que como curtos saúdos polas rúas, e no caso dos gatos nin iso.

Polo tanto non poden organizarse, sentirse amparados, desenvolver estratexias para o seu propio beneficio, aproveitando as experiencias doutros, e un longo etcétera.

A quen non lle gosten os animais de compañía pensará que estou toleando. A organización social que si funciona entre os cans son as marcas que van deixando ata os límites máis lonxanos do seu territorio humanizado.

Porque eles, como os indios de Norteamérica, estaban antes de que nós chegáramos, falando en termos de espazo. Este era o proverbial monte, bosque, val, ribeira ou costa onde eles desenvolvían as súas vidas antes de que se achegaran a nós pedindo acubillo e foran adoptados por seres bípedos paleolíticos (no caso dos cans) ou neolíticos (no caso dos gatos) que se sentían débiles, vulnerábeis, sos.

Se fora certo que os cans e os gatos non teñen conciencia de si nin pensamento, pois tanto mellor. Cantas desgracias trouxeron esas reflexións de anguria que tanto nos debilitan. Iso de pensar nun e pensar, en definitiva, non é mellor que determinar polo olor unha longa serie de calidades nos seres máis dispares.

Abofé que cando perdemos o olfato, evolutivamente falando, tivemos que sustituílo polo útil cálculo de probabilidades. Este, baseado nun número amplo de experiencias anteriores, propias e alleas, deixa marxe para o risco, provoca erros basados na crenza de que nos vai tocar dun lado e non do outro, e unha morea de dificultades que previamente non existiran.

En suma, o pensamento implica risco: a vida humana é ensaio e erro. O instinto implica seguridade nas conclusións a que se chega.

Nun mundo onde os humanos tiveran precisamente a calidade de honrar esta definición -seres humanos-, eu querería ser can ou gato. En realidade querería ser como eu son, mais coas calidades que eles teñen e que nos perdemos. Na próxima entrega falarei diso. Desde o punto de vista antropolóxico, por suposto.